Os socialistas tachan de escandalosa a proposta de paquetes turísticos cos hospitais privados dentro do plan da Xunta

Os socialistas tachan de escandalosa a proposta de paquetes turísticos cos hospitais privados dentro do plan da Xunta

Os socialistas tachan de escandalosa a proposta de paquetes turísticos cos hospitais privados dentro do plan da Xunta

O portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Manel Gallego, rexeitou o Plan Integral presentado hoxe na Cámara ao considerar que se trata dun panfleto básico, sen contido estratéxico e unha suma de medidas sen acerto e sen memoria económica

O Grupo Socialista ven de rexeitar o Plan Integral de Turismo que hoxe presentou en Comisión parlamentaria a titular do ramo, Nava Castro.

O portavoz de Turismo do GP Socialista, Manel Gallego, fixo un balance negativo deste Plan e censurou a súa “presentación a bombo e platillo na Cidade da Cultura”. Describiu o plan da Xunta como un “panfleto moi básico, non contén un proxecto estratéxico, é unha suma de medidas sen acerto e non ten memoria económica nin se di o presuposto previsto para cada acción ou grupo de accións”.

Pero o que provocou a maior crítica dos socialistas ao Plan de Turismo foi a proposta de creación de turismo de Saúde, “pero non están falando de turismo termal”, apunta Manel Gallego, “senón que propoñen entre os axentes implicados á rede de hospitais privados de Galicia”, censuran os socialistas que o plan recolle que hai que fomentar a cooperación entre centros de saúde e axencias de viaxe para deseñar paquetes turísticos. “Parécenos escandaloso, tal e como está a Sanidade no nosos país”, afirmou o deputado socialista, para engadir que “non damos crédito á proposta desta liña de produto mentres se despreza o patrimonio e a cultura”.

Criticou a constante diminución dos orzamentos para Turismo do Executivo de Feijóo, desde 2011. “O recorte ascende aos 131 millóns de euros”, afrimou Gallego.

Gallego Lomba reprochou a Castro que o documento non sexa transversal. Salientou eivas importante na relación de Administracións e os seus departamentos ata tal punto que se “esquece inexplicablemente da consellería de Cultura na liña estratéxica do Camiño de Santiago, ou sexa, que o patrimonio e a cultura non teñen nada que ver co Camiño, aínda que sexa esta consellería a que o delimita e rehabilita o seu patrimonio”, dixo. O mesmo sucede coa consellería de Economía, que non aparece relacionada co turismo rural.

Gallego botou en falta unha análise da situación do Turismo en Galicia. Recriminou á secretaria xeral de Turismo que presentara un Observatorio de Turismo do que non se coñecen resultados. “Onde están os datos, porque na páxina web do Instituto de Estudos Turísticos a última análise de conxuntura é de 2011”, preguntou o deputado do PSdeG.

Para os socialistas os obxectivos para 2016 “non son moi ambiciosos”, xa que contempla incrementar a estancia media de 2,13 noites a 2,5, o cal “non é para botar foguetes”, criticou o portavoz de Turismo.

O PSdeG salientou que, en 2013, a ocupación hoteleira foi do 28,5%, a terceira comunidade con datos máis baixos, só por diante de Castela A Mancha e Aragón. A media de España é do 53,1%.

Gallego esixiu á titular de Turismo da Xunta que aclare si o apoio ás compañías aéreas de baixo custe é unha ameaza ou unha oportunidade, pois no plan se fala da proliferación de compañías low cost en ambos sentidos. Rexeita tamén a escasa referencia que se fai aos cruceiros, que permite a chegada de fluxos turísticos ao longo de todo o ano, e a través do que chegan 330.000 viaxeiros.

A Cultura, neste plan da Xunta, “queda relegada ao apoio ás festas de interese turístico e o patrimonio queda ao mesmo nivel que o golf e á creación de rutas entre as grandes cidades”, afirmou.

GALICIA PRECISA UN PLAN TURÍSTICO AVALADO POLO SECTOR E REFRENDADO POLAS ADMINISTRACIÓNS

Manel Gallego recriminou á secretaria xeral de Turismo que o Plan que presentaba á Cámara non concretara a cooperación cos concellos. “Fálase moito dela pero non se di nin como nin cando”.

O portavoz de Turismo do Grupo Socialista propuxo a necesidade dun Plan Turístico avalado polo sector privado e refrendado e apoiado por todas as administracións públicas. “Un plan sobre o que ten que pivotar unha mellora integral das infraestruturas de entrada e saída ao noso país, así como unha aposta decidida pola diferenciación e a posta en valor dos recursos endóxenos de Galicia”.

Para ser competitivos “precísase formación, profesionalidade, folla de ruta clara e diversificada, desestacionalización do produto turístico e unha aposta económica decidida e cuantificable”.

Por desgraza, apunta o socialista, “moitas destas medidas brillan pola súa ausencia, así pois unha nova oportunidade perdida, que se escenificou a bombo e platillo por parte da Xunta e o seu presidente”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar