Os socialistas situan a Feijóo como "cómplice" dunhas reformas xudiciais destinadas a afastar á cidadanía do dereito á xustiza

Os socialistas situan a Feijóo como "cómplice" dunhas reformas xudiciais destinadas a afastar á cidadanía do dereito á xustiza

Os socialistas situan a Feijóo como "cómplice" dunhas reformas xudiciais destinadas a afastar á cidadanía do dereito á xustiza

Beatriz Sestayo denuncia o desleixo do goberno galego fronte á “redución drástica da capacidade de defensa” fronte aos atropelos do PP

Anuncia unha xornada de debate sobre a reforma xudicial coa participación de Xuíces pola Democracia, a Unión Progresista de Fiscais e a maxistrada do Tribunal Supremo Margarita Robles que será inaugurada por Gómez Besteiro o próximo xoves

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Beatriz Sestayo, acusou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de asistir como “cómplice silente” a unhas reformas legais dirixidas a “afastar á cidadanía da Xustiza”. Sestayo presentou hoxe a interpelación sobre a reforma da xustiza que será presentada no Pleno do Parlamento que comeza mañá.

A parlamentaria socialista denunciou hoxe o desleixo do goberno galego, que deixa de exercer as súas competencias propias sobre xustiza fronte ás “agresións” que supoñen as reformas xudiciais do goberno central. Sestayo advertiu que estas medidas van todas na mesma dirección de “reducir drasticamente a capacidade de defensa da cidadanía fronte aos atropelos do PP”.

Feijóo e Gallardón, dixo, son cómplices necesarios na destrución da xustiza universal, que deixa á cidadanía “mais desamparada que nunca” para “volver ás cavernas” dun modelo xudicial “predemocrático”. Censurou así o taxazo xudicial, o novo mapa xudicial, que elimina tódolos partidos xudiciais para concentralos nas capitais provinciais, e a privatización dos rexistros civís “atendendo á asociación de rexistradores da propiedade”.

Sestayo denunciou o silencio do goberno galego logo de un ano de ter coñecidas as intencións reformistas do goberno central e esixiulle a Feijóo que “se posicione na defensa das competencias de Galicia” porque, subliñou, “temos competencias pero lamentablemente temos tamén incompetentes no goberno”.

Advertiu así que a reforma do mapa xudicial, ademais de afastar aos cidadáns da xustiza, supón un “despilfarro” das infraestruturas xudiciais de 41 dos 45 partidos xudiciais cos que conta Galicia e un serio revés á economía das cabeceiras de comarca. En opinión da responsable socialista, esta medida, ademais de reducir os dereitos da cidadanía, paralizará a dinamización socioeconómica das localidades afectadas.

Xornadas

Esta reforma será debatida nunha xornada parlamentaria sobre a reforma xudicial organizada polo Grupo Socialista o próximo xoves a partir das 16,30 h., e que será inaugurada no Parlamento de Galicia polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro.

Esta xornada quere situar á xustiza como protagonista do debate parlamentario “nestes tempos escuros para o dereito á defensa xudicial da cidadanía”, para o que constará dunha primeira mesa de debate coa participación do portavoz de Xuíces para a Democracia, Luis Villares, o da Unión Progresista de Fiscais, Álvaro García Ortiz, así como representantes da avogacía e dos sindicatos xudiciais.

Sestayo anunciou que a continuación terá lugar unha segunda mesa de debate centrada desta volta sobre a xustiza universal, na que participará a maxistrada do Tribunal Supremo Margarita Robles.

Paula Prado

A deputada socialista respondeu hoxe á defensa por parte de Alfonso Rueda da deputada e ex concelleira do PP no Concello de Santiago Paula Prado, o que cualificou como “mostra da dobre moralidade do PP”, que demostra que é “un partido hipócrita, que non cre na ética e que ten paralizada no Parlamento a Comisión para o estudo da corrupción”.

Sinalou que mentres constrúen “realidades paralelas e virtuais” para “evitar falar de política”, albergan a referentes da hipocresía como esta deputada, de quen dixo que é “un bo expoñente da súa estratexia de silenciar a ética e os casos de corrupción”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar