Losada: "O incremento de impostos e os recortes de Rajoy suporán unha perda de 900 millóns para Galicia"

Losada: "O incremento de impostos e os recortes de Rajoy suporán unha perda de 900 millóns para Galicia"

Losada: "O incremento de impostos e os recortes de Rajoy suporán unha perda de 900 millóns para Galicia"

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, dixo hoxe que o incremento de impostos e os recortes decretados por Rajoy suporán unha perda de 900 millóns de euros para Galicia. Dixo que a caída supón un “recorte claramente inxusto” para Galicia, que se ve obrigada por esta decisión a ter que “cubrir as débedas de outras autonomías”.

O responsable socialista explicou que este recorte global equivale a un total de 875 euros menos por cada familia galega durante o ano 2012. Os 900 millóns de euros totais, explicou, resultan do incremento de “algo mais de 300 millóns” de euros nos impostos para os galegos e galegas, ademais da caída de “algo menos de 600 millóns” en recortes fundamentalmente en infraestruturas e I+D+i, así como á eliminación da renda de emancipación.

A estes recortes engádense, dixo, a conxelación da Lei de Dependencia e a redución de poder adquisitivo dos pensionistas, logo de incrementar as súas pensións por debaixo do IPC. Losada sinalou que Galicia resulta “dobremente recortada” logo de que teña padecido durante tres anos as restricións orzamentarias de Feijóo “que se presentou como campión da ortodoxia”.

Losada dixo que os recortes decididos por Rajoy supoñen un “gran fraude democrático” que incumpre un compromiso de goberno e supón un “bandazo a unha semana de ter asumido o goberno”. Dixo que está baseado “na gran mentira dunha análise errada da realidade”, xa que o PP “si que coñecía o déficit” co que xustifica o aumento de impostos, e ademais constitúe unha decisión “profundamente inxusta e ineficiente”.

O parlamentario socialista explicou que a ministra de Economía transmitiu puntualmente os datos de déficit ao goberno entrante, e engadiu que “si hai desviación orzamentaria corresponde ás comunidades autónomas -11 delas gobernadas polo PP- e algúns concellos. Así, dixo que Rajoy si que coñecía e agochou os 20.000 millóns e euros de déficit de Valencia, os 15.000 de Madrid ou os 7.000 de Galicia.

No caso dos concellos, explicou que tanto Madrid como Valencia, ámbalas dúas gobernadas polo PP, acumulan unha débeda de 6.900 e 850 millóns de euros, respectivamente. Isto supón que cada madrileño ten 2.110 euros de débeda, fronte aos 130 que suma cada vigués –concello gobernado por un alcalde socialista-.

Inxusta e ineficiente

Abel Losada engadiu que o decreto aprobado por Rajoy a pasada semana resulta inxusto por canto “carga os impostos sobre as clases medias, pensionistas, asalariados e mozos e mozas” e fai “excepcións” co imposto de sociedades ou as cargas fiscais ás grandes fortunas. Dixo que o 70 por cento do axuste será soportado por contribuíntes cuns ingresos inferiores aos 53.000 euros anuais.

Ademais, criticou que “vendan as medidas como socialdemócratas e redistributivas cando non o son” e recortan os dereitos sociais paralizando a Lei da Dependencia, elimina a renda de emancipación, conxela o salario mínimo e baixa o poder adquisitivo de pensionistas e funcionarios.

Dixo que as medidas resultan “ineficientes” a nivel económico por canto supoñen reducir a renda das familias e polo tanto contraer o consumo, mentres ao mesmo tempo reducen o investimento produtivo, asfixiando á economía.

Criticou que as propostas sexan complementadas coa recuperación das exencións fiscais pola compra de vivenda, co que “reactiva a burbulla inmobiliaria”, co que demostra “inequidade” ao afectar a tódalas rendas por igual, e que “non aprenden do pasado”.

Cambio de Goberno

Losada dixo que este é o contexto no que o presidente da Xunta decidiu cambiar o goberno para nomear a dous novos conselleiros que cualificou de “tecnócratas apóstoles do axuste orzamentario con sensibilidade cero coas políticas sociais”. Referiuse así á conselleira de Facenda, antiga interventora xeral da Xunta de Feijóo, e á titular de Sanidade, procedente da sanidade privada e avalou dende o Sergas a redución de servizos sanitarios.

Tamén preguntou por “qué tipo de compromiso teñen os conselleiros de Feijóo, que nun momento de dificultades optan por emigrar a cargos de segundo nivel no Goberno central”. Así, salientou que por primeira vez na historia Galicia carece dunha consellería específica tanto para Medio Rural como para Pesca, mentres o conselleiro saínte fai unha “declaración de intencións” ao declarar que “o mercado decidirá” sobre o medio rural.

Finalmente, criticou a desaparición da Consellería de Cultura como ente propio, o que demostra que Feijóo considera que “non fai falla política cultural” para Galicia, mentres o departamento de presidencia asume o departamento de Turismo cun sector fundamental “literalmente paralizado” e con “datos nefastos” para Galicia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar