Os socialistas rexeitan o teito de gasto do PP por "subordinar o financiamento de Galicia aos intereses electorais do PP"

Os socialistas rexeitan o teito de gasto do PP por "subordinar o financiamento de Galicia aos intereses electorais do PP"

Méndez Romeu advirte do fracaso do modelo económico do PP cando o emprego ten unha taxa de temporalidade do 93 por cento e o paro desestacionalizado medra en xullo

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou ao PP de subordinar as necesidades de financiamento de Galicia aos seus intereses electorais. Así o dixo no debate do teito de gasto para Galicia que foi aprobado hoxe co voto en contra dos socialistas galegos.

O responsable socialista esixiulle hoxe ao goberno galego que realice unha proposta de orzamento “a partir das necesidades sociais e non das necesidades electorais” como primeiro paso para acadar un acordo coa oposición. Invitou á conselleira de Facenda e ao presidente da Xunta a facer unha proposta “consonte ás necesidades do país e dos colectivos que soportan a crise”.

Salientou que o modelo económico do PP garante “importantes beneficios” para a banca mentres os salarios “caen dramaticamente”. así o demostra que teñan presentado o teito de gasto “tres días despois de que o goberno iniciara por decreto e sen consulta unha reforma fiscal moi beneficiosa para as rendas altas, simbólica para as rendas medias e indiferente para as rendas baixas”.

Os traballadores son, explicou, os que teñen pagado a meirande parte do prezo da recuperación da economía ao transferirlle 40.000 millóns de euros ao refinanciamento do sector financeiro. Mentres, e por primeira vez na historia recente, as rendas salariais pasan do 50 ao 46 por cento do PIB mentes a meirande parte corresponde ás rendas de capital e aos beneficios empresariais.

Insolvencia

Méndez Romeu puxo en cuestión a capacidade de Feijóo para xestionar as contas dunha Comunidade Autónoma á que lle ten reducido un 8 por cento o gasto social ao tempo que multiplicaba o gasto financeiro por 4,6. Cada ano dende a súa chegada ao goberno, dixo, reduciron 1.300 millóns de euros correspondentes ao gasto social mentres medra o gasto financeiro en 1.600 millóns e a taxa de pobreza aumenta ata o 20 por cento.

Criticou que Feijóo teña empregado 400 millóns de euros de endebedamento para reducir 160 de déficit, ata o punto de que en 2015 a débeda de Galicia superará os 10.000 millóns de euros, un 250 por cento mais que en 2009, cando Feijóo tomou posesión, aos que compre engadir 3.000 millóns de euros mais correspondentes ás concesións público – privadas impulsadas pola Xunta.

Paro

O responsable socialista aludiu tamén na súa intervención ao paro rexistrado coñecido hoxe, e advertiu que, fronte ao “optimismo esaxerado” do goberno galego, o dato agocha a realidade da “escandalosa taxa de temporalidade” que acada un 93 por cento dos novos contratos. Isto significa, explicou, que “hai moitas persoas encadeando un contrato temporal tras outro mal pagado, con baixa cualificación e en moitos casos a tempo parcial”.

Ademais, dixo que a nota oficial do Ministerio de Traballo revela tamén que o paro rexistrado desestacionalizado “medrou en xullo”, o que cualificou de “moi preocupante”. Sinalou tamén que o 40 por cento das persoas en paro non reciben prestación, e o goberno “lonxe de preocuparse por mellorar a súa situación mándalles unha nota para que non practiquen a mendicidade”.

Dixo que a austeridade exercida por Feijóo e polo P “deixa vítimas colaterais, que como sucede en Palestina son inocentes pero convenientes porque axudan a ratificar a mensaxe implícita do goberno: que nada volverá a ser como foi no pasado”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar