Os socialistas reclámanlle a Feijóo a auditoría sobre a fusión das caixas que mantén "secuestrada" dende hai dous anos

Os socialistas reclámanlle a Feijóo a auditoría sobre a fusión das caixas que mantén "secuestrada" dende hai dous anos

Os socialistas reclámanlle a Feijóo a auditoría sobre a fusión das caixas que mantén "secuestrada" dende hai dous anos

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que entregue no Parlamento a auditoría de KPMG sobre a fusión das caixas. A responsable socialista criticou que Feijóo manteña “secuestrado” este documento e preguntou “qué ten que agochar á luz pública”.

 

Caride esixiulle ao presidente da Xunta que faga entrega desta auditoría pagada cun millón de euros de diñeiro público para xustificar unha fusión das caixas que “a realidade demostrou que era un fracaso”. Esixiulle que “deixe de secuestrar o informe impedindo o acceso do Parlamento, da cidadanía e mesmo dos directivos das caixas” a dito informe.

 

Lembrou que os socialistas galegos “levamos dous anos esperando que a Xunta envíe o informe á Cámara” logo de telo solicitado por tódalas vías formais a disposición dos parlamentarios, e que foron vulneradas unha a unha pola Xunta de Galicia. Sinalou que o presidente da Xunta debe remitir o informe mesmo diante dun hipotético adianto electoral, que impediría o traballo da Comisión pola disolución do Parlamento.

 

Constitución da Comisión

 

Caride reclamou hoxe a convocatoria de Deputación Permanente para habilitar a constitución “inmediata” da Comisión de Investigación sobre as caixas. A responsable socialista esixiulle ao presidente da Xunta que cumpra coa súa palabra de comezar en agosto cos traballos do órgano que permanece paralizado dende a súa aprobación polo Pleno do Parlamento hai xa 20 días.

 

Salientou que dous anos despois da fusión, logo de nove meses de que o PP rexeitara as peticións do PSdeG-PSOE para constituír a Comisión, logo de que o presidente da Xunta comprometera a súa posta en marcha e tras permanecer 20 días bloqueada despois de ter sido aprobada no Parlamento, o PP presentou hoxe a solicitude de constitución 45 minutos despois de que os socialistas rexistraran a súa iniciativa.

 

Caride reclamara a celebración dunha Deputación Permanente do Parlamento para habilitar agosto e desbloquear o órgano coa súa constitución e aprobando as normas e calendario de funcionamento. Advertiu que o presidente da Xunta “terá que explicar por qué non lle interesa dar luz sobre este asunto” e explicar o fracaso da fusión das caixas, o escándalo das indemnizacións aos exdirectivos e a fraude das participacións preferentes.

 

Reclamoulle que “deixe traballar ao Parlamento de Galicia” para comezar cun traballo, xa que “con vontade política podería constituírse mañá mesmo”. Advertiu do “prexuízo” que o presidente da Xunta provoca a Galicia ao permanecer “agochado e calado, mudo dende o momento en que comezaron os problemas” logo de, lembrou, “ter brindado cos presidentes das caixas no momento da fusión”.

 

Lamentou que “mentres Feijóo considera que non é o seu problema, si que o é para milleiros de familias e de aforradores, incluídos os afectados pola fraude das participacións preferentes, que merecen a devolución íntegra dos seus aforros”.

 

Adianto electoral

 

En resposta a preguntas dos xornalistas, Caride reclamoulle ao presidente da Xunta que “se pronuncie xa” sobre a data electoral porque “a incerteza non beneficia a ninguén”. Dixo que mentres o lehendakari vasco explicou que convoca por ter os obxectivos de lexislatura cumpridos e carecer de maioría, Feijóo ten maioría absoluta para aprobar uns orzamentos e “non só incumpriu o seu compromiso de acabar co paro e coa crise senón que se teñen agravado”.

 

Explicou que o calendario electoral dispón marzo como data das eleccións, e o presidente da Xunta terá que explicar calquera alteración “co único motivo de sacar vantaxe partidaria e rédito electoral para un goberno e un proxecto que se demostran esgotados”.

 

Alterar as regras de xogo

 

Caride engadiu que mentres no País Vasco celebraranse eleccións coas mesmas regras de xogo, Feijóo propón un “pucheirazo electoral” reducindo o número de deputados para obter “rédito electoral” xerando un “escándalo para reducir o pluralismo político e que lle fai perder lexitimidade política”. Sinalou que Feijóo “ten un voto mais no Parlamento, pero o respaldan menos votos que os que apoiaron á oposición”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar