Os socialistas reclaman un cambio de política que devolva a esperanza ás persoas

Os socialistas reclaman un cambio de política que devolva a esperanza ás persoas

Os socialistas reclaman un cambio de política que devolva a esperanza ás persoas

Hoxe escoitamos un discurso melancólico, no que apelaba á capacidade de sufrimento e a resignación dos galegos e galegas. Sen ambición nin obxectivos. Un discurso claudicante, de derrota.

Apelou ós heroes civís de Angrois, para incluírse indisimuladamente no grupo de modelos éticos, cos policías mortos e os brigadistas forestais. Nese grupo de honra, que todos respectamos, faltaban algúns e sobraba un. Faltaban os 33.000 fogares galegos nos que non entra ningún ingreso, faltaban os 96.000 fogares con tódolos seus membros en paro, e os 662.000 fogares no limiar da pobreza. Faltaban os centos de miles de fogares onde os pensionistas coas pensións máis baixas do Estado sosteñen os máis novos. Son tamén heroes da resistencia civil á claudicación e á desesperanza, que dificilmente se atoparían reflectidos no seu discurso.

Sobraba vostede, que está noutro marco. No marco dos que teñen responsabilidades e foxen delas, dos que viven na gaiola de marfil e non escoitan á xente. Dos que falan de abstraccións para non falar de persoas reais.

Se quere coñecer unha foto do país máis real que a retratada no seu discurso, visite a exposición que onte se inaugurou neste Parlamento. Un percorrido estremecedor polas situacións de pobreza que forman parte do país pero que vostede non ve.

Debemos ós nosos fillos un mundo mellor do que herdamos. Non é aceptable que logo de cinco anos do seu goberno, a situación empeore en case todos os sectores. Peor para os traballadores, tamén para os desempregados, pensionistas, dependentes, estudantes. Non é aceptable que os asalariados estean sendo empobrecidos e as clases medias arruinadas. Vostede impulsa unha sociedade despiadada, con poucos gañadores e moitos perdedores. Ten razón Krugman, Premio Nobel de Economía cando di que os ricos están saíndo moi ben da crise mundial. Grazas a gobernantes como vostede, defensores da riqueza da minoría fronte á necesidade da maioría.

Este debate só debe responder a unha pregunta: ¿vivimos igual, mellor ou peor que hai cinco anos?, cando vostede chegou á Presidencia. Para a maior parte das persoas deste país, a resposta é moi simple, tamén moi triste: viven peor, moito peor. Hai uns días, Cáritas facía público o seu informe anual. 600.000 fogares galegos no limiar da pobreza. Equivalen á totalidade dos fogares das provincias de Lugo e Ourense.

DESTRUCIÓN DO ESTADO DE BENESTAR

Vostede, xunto co seu goberno, están destruíndo o Estado de Benestar construído durante décadas. España chegou tarde á modernización polas razóns que todos sabemos. De feito no noso país, falar de democracia é sinónimo de Estado de Benestar. Así foi o pacto da Transición, plasmado na Constitución: amnistía e dereitos civís, Estado social e democrático. Destruír o Estado social é baleirar de sentido a Constitución e deixala reducida á arquitectura institucional. A Constitución tamén propugna como un dos valores superiores a igualdade que vostedes están crebando. Non é estraña a desafección, especialmente da mocidade, diante da situación actual.

Agora hai que falar en tempo pasado. Houbo un Estado de Benestar que mingua rapidamente. Baixo a dirección de vostede e do señor Rajoy, están promovendo un cambio de modelo social, para o que non teñen nin mandato electoral nin lexitimidade. Están facendo o contrario do que prometeron. Por poñer un exemplo, onde prometeron rebaixas fiscais, tense producido o maior incremento impositivo da historia. Hoxe vostede anunciou unha rebaixa fiscal de 84 € anuais. Logo de ter prorrogado o aumento do IRPF para o ano vindeiro, de crear taxas de todo tipo, implantar repagos na sanidade e no ensino, incrementar o IVE, os carburantes, o canon da auga. Asfixia para a maioría, e agora unha cativa rebaixa que mesmo favorecerá máis ás rendas máis altas.

As consecuencias son terribles.Un coñecido escritor, Muñoz Molina, defíneo no titulo dun recente ensaio: Todo o que era sólido estase esvaecendo. Todo o que era sólido para millóns de persoas, destruído. Onde había seguranza no futuro, emprego estable, dereitos laborais consolidados e oportunidades profesionais, hoxe hai paro e incerteza.

O modelo impulsado na democracia, sociedade máis igualitaria, con dereitos universais e fiscalidade progresiva, é substituído pola estratificación social, mediante restricións de todo tipo. Foron necesarias décadas para reducir a desigualdade derivada da orixe social ou xeográfica, pasando da beneficencia paternalista ós dereitos sociais para todos. Agora desandamos o camiño.

Oficialmente a reforma laboral era o instrumento para recuperar emprego. Un ano e medio máis tarde, segundo a EPA, en Galicia hai 20000 novos parados e os ocupados diminuíron en 52000. Non é precisamente un éxito. Peor aínda, de cada 100 novos contratos, 92 son temporais e só 8 indefinidos.

Está demostrando ser o alumno avantaxado de Rajoy, quen viaxa ao estranxeiro non para amosar a cualificación dos traballadores españois, senón para alardear de salarios baixos. Esa é a marca España e a marca Galicia que vostedes ofrecen no exterior: posibilidade de grandes beneficios á costa de desvalorizar salarios e condicións de traballo. E de portas cara dentro, resignación e capacidade de sufrimento.

A baixada de custos salariais en Galicia, 900 euros/ano por traballador, é case cinco veces a media española. Con total insensibilidade o ministro Montoro fala de crecemento moderado dos salarios. Sobre a explotación, escarnio.

Quero sinalarlle dende agora as prioridades absolutas do Grupo socialista. En primeiro lugar a loita contra o desemprego. Tamén a defensa de servizos públicos universais e gratuítos, na saúde e no ensino. E unha política fiscal progresiva, que grave sobre todo a riqueza.

PARO

O primeiro problema deste país é o paro. Non é un dato máis. É o verdadeiro problema que condiciona absolutamente a vida das familias. A pesares da última enquisa do CIS, na que o paro figura como problema máis preocupante para o 80% das persoas, a pesares dos abafantes datos de desemprego que amosa cada EPA o señor Presidente, nunca fala do paro. Non o fixo no anterior debate de hai 18 meses, nin do discurso de investidura e non o fixo hoxe. Non lle preocupa nin a vostede nin ao seu goberno.

Vostede leva administrado 50.000 millóns de euros nestes anos sen poñer en marcha ningunha actuación relevante contra o paro. Non atopou tempo, ideas, recursos ou simplemente os parados son invisibles para vostede? Como co señor Bárcenas ou co financiamento ilegal do seu partido, pensa que o que non se nomea non existe?

Durante o seu mandato, señor Feijoo o paro medrou en 125.000 persoas, chegando a 288.000, e os afiliados á Seguridade Social baixaron en 113.000 persoas. Temos o duplo de fogares que hai cinco anos con tódolos seus membros en paro. E un terzo desas persoas non reciben prestación. A metade levan máis de doce meses parados, o que fai moi difícil a súa contratación

O modelo que están implantando é a rotación de parados e activos, en traballos precarios, sempre dispostos a rebaixar salario a cambio de telo. Así, unha inmensa man de obra está dispoñible, con salarios apenas por riba do nivel de subsistencia. Man de obra intercambiable, que non xera dereitos, que ten menos protección.

Señor Presidente: Vostede non ten fillos pero coñecerá persoas novas en paro. Fala con elas como fixo hoxe aquí? Sabe vostede que hai moitos mozos e mozas maiores de 30 anos que nunca tiveron un contrato, que nunca cotizaron, e que non teñen ningunha esperanza de telo? Sabe que moitos deles teñen un elevado grao de formación, e que por primeira vez na historia recente vivirán peor que os seus pais?.

É consciente dos dramas persoais que están ocorrendo? Persoas no momento cimeiro da súa vida, sen horizontes, sen poder formar unha familia, sen saber de que vivirán. Homes e mulleres que ven, impotentes, como as institucións non están para eles. Uns poucos acadarán un emprego de menos de 600 euros, temporal, outros poucos estarán en Alemaña ou noutros países tamén por 600 euros e a maioría está sendo unha xeración perdida. É tan insensible ao seu drama que nin fala deles nin propón ningunha actuación?

Son 288.000 parados. Tan invisibles e tan inexistentes para vostedes que reduciron á metade os orzamentos en políticas activas contra o desemprego. Agora as estatísticas europeas nos devolven á realidade. Estamos no grupo de cabeza europeo, no peor ranking posible, a destrución de emprego.

PENSIÓNS

Vemos como os gobernos de dereitas, tanto o seu como o do Sr. Rajoy, son capaces de ir máis aló e conxelar as retribucións dos pensionistas o que representa unha diminución real polo efecto da inflación. Un 20% , titulaba onte un xornal. Parécelles excesiva unha pensión media en Galicia de 722€, e por iso a reducen, por lei, con efectos indefinidos. Están castigando a 740.000 pensionistas, case un terzo das familias. Galicia xa ten a pensión media máis baixa de todo o Estado, non conten con nós para seguir diminuíndo o poder adquisitivo dos nosos pensionistas.

Vostede non falou deles. En 105 minutos non tivo interese. A ministra do ramo, nun alarde de cinismo, tenta explicar que o que fan é garantir que sempre medrarán. Durante 20 anos, como consecuencia do Pacto de Toledo, as pensións medraron ao ritmo do IPC, o que permitiu por primeira vez na historia de España, que os pensionistas tiveran un nivel retributivo progresivo e unha menor taxa de dependencia.

Os bancos de alimentos ou Cáritas están desbordados pola demanda. É vostede consciente do desgarro que lle produce a calquera persoa acudir a un centro desas características? Entende vostede a humillación que representa para persoas acostumadas a traballar ter que ir pedir auxilio para os seus? Sentir a súa vida e a súa capacidade profesional reducida a nada?

Un dato mais sobre pensionistas. A miles de persoas que emigraron a Europa nos anos 60 e 70 se lles reclama unha tributación con efectos retroactivos máis correspondentes penalizacións e sancións. Os que mantiveron a economía cos seus aforros, que en ningún momento agocharon nada nin deixaron nada sen declarar, son espoliados. Para eles non hai amnistía fiscal como para os grandes defraudadores e as empresas amigas que fan escuros donativos.

Nunha máis das súas actuacións tramposas, apoiaron nesta Cámara unha iniciativa socialista para paralizar esa actuación da Axencia Tributaria. A semana pasada votaban o contrario no Senado. Terá que repetirse unha mobilización máxima como coas participacións preferentes, para que vostedes rectifiquen?

SERVIZOS PÚBLICOS

Vostede chama aforro farmacéutico ó desprazamento do gasto. Antes os cidadáns pagaban impostos, agora pagan impostos e medicamentos. Eliminaron máis de 400 medicamentos da prescrición pública, que inmediatamente dobraron ou triplicaron o seu prezo. Ademais queren que os enfermos crónicos, obrigados a longos tratamentos, ás veces de por vida, paguen por cada medicamento na farmacia hospitalaria. Tumorais para esperanzas de vida de 14 meses. Sr. Presidente, Se non cre na igualdade, polo menos actúe con humanidade.

Nunha mostra de insensibilidade preocupante, vostede xustificou o novo repago como “homoxeneización da prestación farmacéutica”. Con que? Para que?

Vostede aposta por unha sanidade que antes de mellorar a saúde dos pacientes, produza beneficios ós grandes capitais. E no canto de investir na saúde dos galegos, propón financiala cun imposto proporcional sobre os carburantes. Pagará o mesmo unha familia de renda alta que unha familia de desempregados, pero afectará de maneira radicalmente desigual ás súas economías.

Para nós a sanidade pública universal é irrenunciable. Debe ser financiada solidariamente polos impostos. Representa a defensa do interese xeral baseado na equidade. Cómpre afrontar a crise económica outorgando valor ao capital público con criterios éticos e científicos e non dende o interese de grandes empresas privadas.

Se vostede pretende que a atención sanitaria dependa da capacidade económica do paciente, vainos encontrar sempre de fronte. Non conte cos socialistas para impulsar en Galicia un modelo sanitario de negocio que acabe co dereito á saúde en igualdade de condicións.

Está convocada unha folga do sector sanitario. Provocada polo deterioro das condicións de traballo e de atención ós doentes, por falta de recursos e pola redución de plantillas. Médicos e persoal de enfermería defenden con orgullo o sistema público de saúde, porque contribuíron a facelo e saben da diferenza con outros países. A Xunta en lugar de defender e consolidar eses logros pretende privatizar, modificar, reducir. Como se tiveramos un problema e non unha conquista extraordinaria.

Esquece vostede que se a esperanza de vida en España é superior á da maioría dos países da OCDE, é precisamente pola calidade dese sistema de saúde que vostedes esnaquizan cada dia?

O servizo publico de saúde é perfectamente sostible na nosa economía. Os socialistas queremos que os cidadáns só paguen unha vez os seus impostos e non teñan que pagar de novo en hospitais ou centros de saúde. Os orzamentos destinados á sanidade deben ser finalistas garantindo que tanto os ingresos potenciais, como os aforros xerados por unha mellor xestión dos recursos, vaian exclusivamente ó financiamento da sanidade pública. Dende que vostede goberna restáronse 847 millóns do orzamento en sanidade que propiciaron menos médicos e máis listas de espera. Por iso os novos hospitais e centros de saúde seguen sendo fundamentalmente virtuais, dende hai anos. Existen nos discursos, pero non están construídos.

Sr presidente. Se hai unha actuación indignante, pola discriminación que supón, e da que sufriremos as consecuencias durante anos, é abandonar a igualdade de oportunidades.

Durante anos, en España, mentres se conformaba unha clase media, a aspiración de igualdade de oportunidades medraba. Existía o convencemento de que o acceso á educación, sen trabas derivadas da orixe familiar facilitaría a mobilidade social ascendente. A selección baseada na posición social ou na riqueza foi substituída pola educación, o esforzo e talento persoal.

A democracia recolleu esa demanda, especialmente a partir de 1982, multiplicando o número de universidades, de becas e de axudas, ata alcanzar por primeira vez na historia de España a situación dos países adiantados de Europa. A Universidade pasou a reflectir a composición sociolóxica do país e non a reproducir as elites dominantes. En Galicia ocorreu exactamente o mesmo, co desenvolvemento do sistema universitario.

Agora o ministro Wert, ideólogo da dereita máis reaccionaria, inverte o camiño, e as comunidades populares secúndano. Vostedes volverán votar o mesmo: menos becas, menos axudas, máis barreiras de acceso como reválidas e notas mínimas, menos oportunidades. Retiraron 700 millóns de euros do gasto educativo, suprimiron mil douscentos profesores e reduciron as becas universitarias nun 25%. Mesmo están reclamando a devolución das becas concedidas. Tamén aquí se abandona o principio de servizo público universal para introducir os criterios economicistas de rendemento, avaliación, é dicir a renda familiar ou a orixe social, medida indirectamente.

O único consenso que vostedes acadaron foi poñer a toda a comunidade educativa en contra e facer que se convoque unha folga xeral o vindeiro día 24 de outubro, confrontando a LOMCE, mobilización que os socialistas dende logo secundamos.

O ataque aos servizos públicos é totalmente ideolóxico. Pretenden recadar 12 millóns de euros cos comedores escolares, pero dedican 103 millóns de euros á TVG, onde calquera información plural está perseguida e que funciona como espello e altofalante do Goberno. Implantan o repago da farmacia hospitalaria para recadar menos do que gasta cada conselleiro en autopropaganda. As prioridades os definen.

Para negar o retroceso evidente dos servizos públicos vostedes repiten que queren “facer máis con menos”, que o 80% do orzamento é gasto social. Sr. Presidente, sen acritude, neste punto, vostede tamén minte. No sentido que di o dicionario. Falta á verdade conscientemente. Porque a suma dos Grupos III e IV do orzamento, que recollen o gasto social, sobre o total consolidado, ten diminuído en porcentaxe tres puntos respecto a 2009. (do 71% ó 68%). E sobre todo ten diminuído en cifras reais. Nada menos que en 1224 millóns de euros. Baixaron o gasto sanitario en 350 millóns de euros anuais, un 9%, e o gasto educativo un 14%.

Un apunte sobre o seu discurso. Van crear un Centro de Recuperación de Mulleres. Debe de ser un lapsus. Non son unha especie a recuperar. Son persoas a protexer. Vostedes reduciron o orzamento e suspenderon as axudas dende xuño pasado.

CRECEMENTO

Sr. Presidente, o PIB de Galicia retrocede de ano en ano, e o paro aumenta.No ano 2008 vostede, na oposición, dixo nesta Cámara que a situación de Galicia, con 162000 parados era horrible.

En consecuencia, no 2010, xa no Goberno, declarou que os orzamentos de ese ano eran “os que ían a sacar a Galicia da crise”; o paro medrou ata 200.000 persoas. Os orzamentos do 2011 eran “os da recuperación”; o paro chegou a 226.000. E os orzamentos do 2012 eran “os que ían a conter o paro”. Pouco despois había 265.000 parados.

Superouse a si mesmo afirmando que os actuais orzamentos eran “os do remate da recesión e o comezo da recuperación”. Estamos en 288.000 persoas paradas. Qué nos espera dentro dun ano coas súas cifras? A súa previsión oficial é que o paro se reduza menos dunha décima, pero o FMI apraza a 2015 calquera recuperación do emprego.

No emprego industrial temos 50.000 empregos menos sobre 20.000 existentes no 2008 (datos EPA). Cun mínimo investimento do estranxeiro, e un fracaso constante nos intentos de conseguir novas implantacións industriais ou en dinamizar o solo empresarial.

A Xunta fala con frecuencia dun novo modelo produtivo. Non existe nos orzamentos nin se aborda nos rutinarios Consellos da Xunta. Contra todas as tendencias internacionais, o investimento en I+D decreceu nun terzo. Agora falan de recuperar investigadores. Vostedes expulsaron a ducias e ademais reduciron o gasto en universidades. De novo, cuestión de prioridades.

Unha das pancas tradicionais contra a crise é o investimento público. Hoxe estamos na cifra máis baixa dos últimos 15 anos, con 135 millóns de euros de licitación pública. Desa cantidade o 40% corresponde ao hospital de Ourense, paralizado, como as autovías da Costa da Morte, de Ferrol a San Cibrao e outras. En canto ao goberno central, do investimento que farán os organismos e sociedades estatais en Galicia, no 2014 só 4 millóns de euros de 1.127 millóns, o 0´35%, se corresponde con obra nova. O resto son proxectos iniciados case todos polo anterior Goberno do Estado e que están sendo adiados.

Por que esta permisividade agora co Goberno de España, Sr. Feijóo? Vostede pasou de rebelarse continuamente contra o Goberno anterior cando máis se investía en Galicia, a facer de nós un país submiso ao Goberno de Rajoy, que é o que máis recortou a calidade de vida dos galegos. Quero que me conteste a esta pregunta Sr. Feijóo. Por que rebaixou vostede o nivel de esixencia ao goberno de España cando máis o están a necesitar os galegos? Por que pasou vostede da diatriba contra os que investían a gabar aos que recortan?

Vostede é o autor intelectual da fracasada fusión das Caixas de Aforros, levada adiante de xeito chapuceiro e insolvente, con informes de auditorías á medida. Hoxe non hai Caixas, o Banco resultante está en venta e o seu futuro non dependerá das decisións da Xunta. Polo camiño o crédito esgotouse. Con vostede desapareceron tódalas entidades financeiras galegas: as dúas Caixas, o Bancos Pastor, Gallego e Etcheverría.

Porque se rende diante da venta de Novagalicia Banco? Porque permite que o FROB venda agora e non espere algún tempo para garantir que o banco poida ser galego? Se, como aseguran os seus directivos, o modelo de negocio e a rendibilidade están garantidos, se o banco é tan apetecible que hai varios posibles compradores, porque non defende que o centro de decisión financeira siga aquí? Que gañamos coa venda?

Sr. Feijoo, vostede liquidou as caixas galegas, quere ser ademais o liquidador de NGB? Un banco galego é un instrumento fundamental para facilitar crédito e liquidez ás empresas, hoxe totalmente asfixiadas. As empresas crean emprego. Sen crédito non hai empresas nin traballo.

Outro dos seus grandes proxectos era o concurso eólico. Ían mobilizar 6.000 millóns de euros de investimento, e crear 13000 empregos. Hoxe non hai nin investimento, nin emprego, nin parques eólicos. Pero si hai perdas nas empresas que confiaron na Xunta popular. Onte o Partido Socialista presentou recurso de inconstitucionalidade contra da reforma do sector eléctrico, por introducir retroactividade lesiva para os dereitos individuais e alterar fondamente as regras de mercado, en defensa do principio constitucional de seguridade xurídica. Si. Sr. Feijoo, estamos defendendo a capacidade das empresas para competir nun marco xurídico estable e non só os intereses das grandes empresas e multinacionais ás que vostedes serven.

Debo lembrar a sucesión de promesas incumpridas no sector naval? Esperanzas afundidas, milleiros de postos de traballo perdidos e a economía de dúas grandes cidades gravemente afectada. Vostedes xogan co estado de necesidade das persoas facendo promesas irreais.

As empresas están demandando facilidades para cumprir as obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Vostedes modificaron as recargas por retrasos no pagamento de seguros sociais, pasando do 3% ó 20% dende o primeiro día. E na Axencia Tributaria cando as empresas solicitan adiamentos é frecuente escoitar que alí non están para financiar ás empresas. A mesma resposta que deu o seu Grupo en comisión a semana pasada. Prefiren que pechen as empresas antes que outorgar facilidades de pago?

Doutra banda non conseguen desfacerse do clientelismo. Contra da vontade do sector, o proxecto de Alimentos Lácteos foi posto nas mans de dirixentes populares. Hoxe está liquidado. O prezo do leite en Europa esta alto neste intre, pero a Xunta estase negando a consolidalo. No ámbito forestal, malia a enorme produción, Galicia importa madeira de calidade, destrúe emprego e carece dunha planificación de futuro. Pero procuraron desmontar a explotación racional dos montes iniciada polo goberno Touriño, seguindo modelos doutros países. Hoxe iniciaron unha rectificación. Benvida sexa. Un dato máis, a perda de superficie agraria pode ter consecuencias nas axudas da PAC.

Sr. Feijóo, seguramente vostede non se considera responsable mais Galicia acusa a maior caída de poboación do conxunto do Estado. Estamos á cabeza de Europa en despoboamento, envellecemento e desocupación do territorio, problemas que non lle poden pasar inadvertidos e que son decisivos para o noso futuro. E ademais, dous mil mozos marchan cada mes para buscar a vida fóra dunha terra que non lles ofrece oportunidades de futuro. Isto non pasaba antes de que vostede gobernara Sr. Feijóo. Con vostede, os galegos somos máis febles e cada vez somos menos. Compre facer unha política distinta en tódalas áreas de Goberno, impulsando o cooperativismo, traballo en rede, internacionalización, a creación de valor engadido, a reordenación territorial ou a dotación de novas tecnoloxías e infraestruturas ao medio rural. Propoñemos unha política transversal contra do deterioro demográfico de Galicia.

As leis económicas aprobadas son propagandísticas, sen compromiso orzamentario. A nova normativa do comercio non impide que miles de pequenos comercios pecharan as súas portas no último ano, a un ritmo de case que 20 ao día, nin que a cifra de negocios e persoal empregado baixara unha décima parte no último ano.

A lei de fomento da investigación e a innovación non evitou a caída do gasto nin que os investigadores teñan que emigrar. A lei de política industrial está por desenvolver e carece de orzamento. A lei de emprendemento, en trámite parlamentario, non ten contido efectivo. Abonda dicir que se prevén bonificacións fiscais de 37 euros de media, por proxecto emprendedor.

FINANCIAMENTO

Para que se entenda, vostede está gastando cartos de todos os galegos en pagar o aluguer, no canto de gastalo para pagar a casa. Un endebedamento máximo, tanto en importe absoluto 9.397 M€, como en porcentaxe sobre o PIB, 16,8%., o que ten dúas consecuencias que o retratan como un xestor incapaz:

1ª) A débeda dos últimos catro anos duplica a acumulada polos gobernos anteriores da Xunta (En 2008 era de 3.954 e 6,8%). Ninguén endebedou tanto á comunidade en tan pouco tempo como vostede.

2ª) A débeda que vostede está comprometendo para que a paguen os galegos no futuro, iguala o orzamento dun ano. (O orzamento para o ano 2013 foi de 9480 M€ e a débeda actual de Galicia é de 9.379 M€)

Este, Sr. Feijóo, si é o verdadeiro legado do seu goberno da Xunta de hoxe, para os galegos de mañá. Que fixo vostede con ese endebedamento? Nin impulsou a economía produtiva, nin fomentou o emprego, nin mellorou os servizos públicos.

E aínda cómpre engadir as cargas financeiras futuras derivadas da privatización na xestión de certos servizos públicos (hospital de Vigo: 66,5 millóns de euros anuais durante 20 anos; servizos tecnolóxicos; hospital de Ourense).

A crise económica afecta ós ingresos fiscais da comunidade. Para o Grupo Socialista, cómpre impulsar unha auténtica progresividade fiscal especialmente sobre a riqueza. Debe existir unha maior aportación impositiva no IRPF das rendas máis altas, onde temos os tipos marxinais máis baixos do Estado, con Madrid. Vostedes aducen pouca capacidade de recadación con ese incremento. Prefiren que os pensionistas paguen medicamentos en lugar de que tributen as rendas máis altas. Un mínimo incremento de un punto sobre as rendas máis altas representaría 50 veces o repago de farmacia hospitalaria.

A proposta dunha emenda socialista nos orzamentos actuais, recuperaron o imposto sobre o patrimonio. Foi un paso na boa dirección pero insuficiente. Canto ó imposto de sociedades resulta imprescindible incrementar a súa capacidade recadatoria. E desenvolver novas figuras tributarias sobre algunhas actividades económicas como a banca.

Sr, Presidente, a Xunta transmite esgotamento e ausencia de iniciativa. Non hai ideas, non hai actividade, non hai vontade de superar a situación. Vostede preside un goberno burocrático, como amosan os Consellos semanais da Xunta, sen incidencia na vida cotiá das empresas e dos cidadáns.

Pide consensos, pero evita acordos. Se quere falar, non propoña asuntos secundarios como o Consello Consultivo, o Valedor do Pobo ou a Televisión.

Mañá aquí debateremos 200 propostas para saír da crise. Fágolle unha suxestión. Acordemos a lo menos algunhas que sexan imprescindibles. Discutámolas todo o tempo que faga falta, pero comprometámonos. Propóñolle dúas: Un programa de emprego neto, estable, no sector privado, para 30.000 persoas, primando ás que levan máis de doce meses en paro ou que teñen menos de doce meses de vida laboral. E unha proposta para manter NGB como entidade financeira galega e non vendida a terceiros, para facilitar crédito e liquidez ás familias e ás empresas.

Dicía Cicerón que a lei suprema é o ben do pobo. Vostede e o seu grupo teñen unha enorme responsabilidade, gobernan no Estado, en moitas autonomías e concellos. Teñen plena capacidade de obrar, lexislar, e administrar. Ata agora evitaron calquera tipo de acordos políticos. Están no seu dereito. Nin os problemas van a menos nin as cifras macroeconómicas crean emprego. É inaprazable abordar as políticas de crecemento e de emprego.

Sr. Feijóo, a Presidencia da Xunta, o seu Goberno e o Parlamento carecen de sentido se entre todos non atopamos vieiros para resolver o urxente ademais do importante. Hoxe hai que ofrecer futuro. O contrario do que fan vostede e o seu Goberno.

Quero rematar con esperanza, malia as enormes diferenzas que temos con vostede. Nada mellor que facer miñas unhas verbas que o Presidente de Estados Unidos pronunciou no último debate do Estado da Nación. Alí, onde as tensións partidarias están a piques de bloquear o goberno dixo Obama ós congresistas:

“Os que nos elixiron para estes postos teñen distintas orixes, distintas experiencias e distintas crenzas, pero as angustias que sofren son as mesmas. As aspiracións que teñen son comúns a todos. Un posto de traballo que permita pagar as facturas. Unha oportunidade de progresar e, sobre todo, a capacidade de dar ós nosos fillos unha vida mellor”.

Con ese espírito construtivo, Sr. Presidente reclámolle hoxe, no nome do Grupo Socialista, un cambio de política que devolva a esperanza ás persoas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar