Os socialistas reclaman o rexeitamento da reforma fiscal feita “á imaxe e semellanza das rendas altas”

Os socialistas reclaman o rexeitamento da reforma fiscal feita “á imaxe e semellanza das rendas altas”

Os socialistas reclaman o rexeitamento da reforma fiscal feita “á imaxe e semellanza das rendas altas”

González Santín acusa ao PP de “maquillar” que as rendas medias teñen que soportar mais carga fiscal fronte ao desleixo diante da fraude

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, presentou no Pleno do Parlamento unha proposición non de Lei para rexeitar a reforma fiscal anunciada polo goberno do Estado, feita “á imaxe e semellanza das rendas altas”. O PP rexeitou esta proposta que reclamaba tamén garantir a participación da Xunta nos cambios a propoñer na reforma fiscal do Estado.

O responsable socialista advertiu que Galicia será unha das comunidades autónomas nas que os cidadáns menos notarán a suposta rebaixa de impostos, debido ao maior número de rendas baixas. Finalmente, dixo, o IRPF “o seguen a pagar os mesmos, as clases medias” mentres as clases altas reciben unha notable rebaixa das súas aportacións, o que vai contra os principios de equidade e progresividade fiscal.

Explicou que os 550.000 galegos e galegas con rendas de entre 12.450 e 33.000 euros apenas percibirán unha rebaixa de 12 euros ao mes, mentres os 600.000 que cobran menos de 12.000 euros ao ano “continúan igual”. Ao mesmo tempo, explicou, as rendas de 150.000 euros terán unha rebaixa de 270 euros ao mes, e os de 300.000 euros deixarán de pagar 1.250 euros ao mes.

González Santín dixo que esta reforma “non compensa nin de lonxe o incremento dos tributos” que están a soportar as persoas con menores rendas dende 2011, que viron un aumento xeneralizado do IRPF coa chegada de Rajoy á Moncloa. O deputado socialista citou a Voltaire ao sinalar que “a arte de gobernar non pode consistir en despoxar da maior cantidade posible de diñeiro a unha clase de cidadáns para transferila a outras”.

Son os mesmos, dixo, que padecen o aumento do IVE, a aplicación das taxas xudiciais, a suba do imposto de Sogama, os novos copagos e repagos de medicamentos e comedores escolares e a aplicación do céntimo sanitario aos hidrocarburos.

En definitiva, advertiu que as rendas do traballo teñen que asumir un aumento xeneralizado dos impostos indirectos mentres as rendas altas perciben unha rebaixa considerable dos seus impostos logo de beneficiarse da amnistía fiscal. Considerou incomprensible o desleixo do goberno fronte ao incremento da fraude fiscal en 15.000 millóns de euros ao ano en todo o Estado.

Descenso dos ingresos

Ademais, González Santín explicou que esta reforma provocará un descenso dos ingresos fiscais percibidos por Galicia en torno a 600 millóns de euros para Galicia, mentres a Xunta e o PP renuncian a reclamarlle ningún tipo de compensación ao goberno central. Sinalou que esta caída xeneralizada de ingresos deberá “por forza” ser compensada co aumento de outros impostos que o PP agocha para cumprir co programa de estabilidade.
Os socialistas reclamábanlle ao goberno o rexeitamento da reforma fiscal e esixíanlle á Xunta a participar previamente nos cambios a propoñer na reforma fiscal do Estado.

O obxectivo é que o goberno “realice as actuacións necesarias para conseguir unha maior progresividade do sistema impositivo e equiparando os tributos das rendas do traballo e do capital”. Tamén lle esixía ao goberno galego informar á Cámara “de xeito puntual de cantas accións se leve a cabo neste sentido” e informar sobre os efectos da reforma sobre a cidadanía e as empresas galegas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar