Os socialistas reclaman o cese ou dimisión do conselleiro de Economía por ter acadado “as peores cifras da industria da historia de Galicia”

Os socialistas reclaman o cese ou dimisión do conselleiro de Economía por ter acadado “as peores cifras da industria da historia de Galicia”

Os socialistas reclaman o cese ou dimisión do conselleiro de Economía por ter acadado “as peores cifras da industria da historia de Galicia”

O portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, reclamou hoxe o “cese ou dimisión” do conselleiro de Economía logo de ter rexistrado “as peores cifras da industria da historia de Galicia e as peores de todo o Estado”. Así o dixo logo de reclamar a retirada da Lei de Industria porque promove “a deslegalización xeral do territorio”.

Dixo que “a estas alturas só o cese do conselleiro e un cambio de rumbo permitirán recuperar o tempo perdido” e instou a Feijóo a “reconsiderar o perfil dos seus conselleiros”. Méndez Romeu lembrou que o Índice de Produción Industrial de Galicia foi o peor do Estado, baixando un 12 por cento no último ano –un 7,5 dende xaneiro- mentres en España crece un 0,6 por cento.

O responsable socialista apuntou que a nova Lei resulta ademais “temeraria” por canto promove a “deslegalización xeral do territorio” ao deixar en mans do conselleiro a potestade de instalar “grandes proxectos estratéxicos” sen ter en conta os plans de urbanismo. Dixo que o conselleiro é “pioneiro no camiño do desastre” ao ser a única Lei do Estado que permite decidir “por riba do planeamento e a autonomía local”.

Méndez Romeu reclamou así a retirada da Lei e instou ao conselleiro a que “chame a consultas” aos axentes sociais e económicos implicados para “propoñer algo concordante”, e dixo que “si non é quén de facer algo tan sinxelo debe presentar a súa dimisión”.

Inoperancia

O parlamentario socialista lamentou que “o mellor que se pode dicir” da xestión do conselleiro en relación coa industria é “inoperancia” que provoca o “desastre industrial” de Galicia. Aludiu así a que “despreza reformular o papel do Igape como instrumento da política económica e industrial” ou “rexeitan a oportunidade de avanzar en política de I+D e están acabando coa investigación en Galicia”.

Apuntou que a norma limítase a regular “a burocracia industrial” a pesares de que “para isto non fai falta unha Lei”, mentres a Consellería de Facenda fixo retirar as bonificacións fiscais para a industria. Tamén lamentou que mentres o texto fai referencia ao papel internacional do Igape “este foi privatizado a favor da CEG con 18 millóns de euros de prima”.

Criticou que este texto “non define as industrias estratéxicas nin aporta nada para innovación, información, reestruturación das empresas, calidade enerxética, territorialización, a deslocalización industrial nin a formación ou implilcación dos traballadores nas industrias”.

Lembrou que mesmo o Consello Económico e Social ten censurado o “reducionismo” do texto, xa que carece dunha memoria que explicite os compromisos financeiros da Xunta nesta norma que só aborda cuestións, dixo, de “nula incidencia na política industrial”.

Emprego industrial

O responsable socialista criticou que a falla de xestión do conselleiro en política industrial ten provocado a perda do 14 por cento do emprego industrial -20.000 postos de traballo- dende a chegada do PP á Xunta. A única resposta a esta situación, lamentou, foron “plans de papel” ou promesas “das que nada queda”, como o concurso eólico “descoñecido ata hoxe”, así como o Plan I2D.

Dixo que a súa xestión non ter acadado “ningún novo parque eólico” e provocando o peche de factorías de compoñentes da industria eólica. Esta situación complétase coa “destrución sistemática do I+D” cun 20 por cento menos de investimento e a “drástica perda de investigadores” mentres “a perda da única patente de Galicia é unha anécdota que evidencia a súa actuación”, así como a planta de Mitsubishi en Salvaterra ou a planta de vehículos eléctricos en Ourense.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar