Reclaman a paralización de desafiuzamentos por execución hipotecaria en casos de risco social

Reclaman a paralización de desafiuzamentos por execución hipotecaria en casos de risco social

Reclaman a paralización de desafiuzamentos por execución hipotecaria en casos de risco social

A parlamentaria socialista e coordinadora da Área de Economía da Executiva do PSdeG-PSOE, Carmen Gallego, presentou unha serie de iniciativas nas que lle reclama á Xunta que tome as medidas necesarias para paralizar as execucións hipotecarias “que recaian sobre a vivenda habitual, en familias con situación de insolvencia sobrevida de boa fe”.

A responsable socialista insta ao goberno galego a que ordene á Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma que se absteña de intervir en desafiuzamentos que se poidan producir en Galicia. Ademais, solicítalle á Xunta que “extinga as relacións contractuais coas entidades financeiras que operen en Galicia” e executen estas hipotecas, “retirándolles os saldos líquidos que existan”.

Ademais, pide ao goberno autonómico que poña a asesoría xurídica da Xunta a disposición destas familias, promovendo ademais que na bolsa de aluguer da comunidade Autónoma “se prioricen ás familias que padeceran un desafiuzamento por situacións de insolvencia sobrevida de boa fe”.

Os socialistas reclaman que a Xunta se dirixa ás entidades financeiras que operen en Galicia para que paralicen de xeito inmediato os lanzamentos derivados de execucións hipotecarias en familias con insolvencia sobrevida de boa fe. Ademais, propoñen o restablecemento do “seguro de pagos” para a compra de vivenda habitual “a fin de evitar o risco de impago ante a perda de emprego”.

Gallego chama ao Goberno autonómico a dirixirse ao goberno de España para esixir a modificación lexislativa do procedemento xudicial hipotecario a favor destas familias, e que adopte as medidas necesarias “para que se aplique a dación en pago” para cancelar a totalidade da débeda coa entrega da vivenda. Tamén insta a retirar o anteproxecto de Lei para a dinamización da vivenda en aluguer, que prevé desafiuzamentos en 10 días.

Finalmente, propón que as vivendas adxudicadas ou mercadas en pago de débedas hipotecarias por parte do “Banco Malo” contribúan “á formación dun parque de vivendas para aluguer social das familias afectadas”.

Gallego salienta que a lexislación de execución hipotecaria que está deixando a milleiros de familias na rúa e coa débeda nas súas costas “non se aplica noutros países e ademais era descoñecida polas familias cando formalizaron as hipotecas”. Apunta que “pode considerarse que os hipotecados se viron sometidos a un proceso enganoso, á sobrevaloración das taxas das vivendas e a unha linguaxe pouco doada de comprender nos contratos que asinaron”.

Chama a “intervir con urxencia ante esta dramática situación que levou a terribles desenlaces xa coa perda de vidas humanas noutros territorios de España”. Reclamou “reaccionar para evitar que todas as consecuencias da crise recaian sobre a parte mais feble do contrato hipotecario, evitando que as entidades financeiras, que son unha parte responsable desta crise, manteñan a súa posición de forza na execución hipotecaria”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar