Os socialistas reclaman a paralización da mina de Faramontaos polo risco de contaminación das augas

Os socialistas reclaman a paralización da mina de Faramontaos polo risco de contaminación das augas

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, advertiu hoxe que a mina de feldespato e arxilas de Faramontaos, en terreo deste concello e de Xinzo de Limia, contaminará as augas subterráneas da zona polo uso de ácido fluorhídrico. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na Comisión de Industria que tivo lugar hoxe no Parlamento.

A responsable socialista explicou que esta mina afectará a 20.000 hectáreas de cultivo e a 600 explotacións gandeiras da zona nas que traballan mais dun millar de familias e xeran mais de 30 millóns de euros anuais. Explicou que a concesión da mina abrangue unha área de 396 hectáreas e producirá 2,7 millóns durante 30 anos nos que permanecerá utilizando augas ácidas directamente no subsolo.

Vilán sinala que, malia que a Xunta someteu a información o proxecto de explotación, o estudo de impacto ambiental e o plan de restauración pública da concesión, esta carece dos informes obrigatorios de Augas de Galicia e da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, xa que afecta ás comunidades de regantes de Alta Limia e Corno de Monte, así como ás zonas de regadío do regueiro de Faramontaos e do río de Nocela.

Ademais, apuntou que “non existe un adecuado estudo de impacto sobre a poboación, usos do can, infraestruturas, proteccións e afeccións urbanísticas e ambientais”. Sinala que a mina “contradí o modelo de desenrolo sostible da zona, centrado na agricultura”, mentres non especifica o perfil dos postos de traballo nin a situación dos empregos que supostamente xerará.

Advertiu que o proxecto “provocará alteracións nos usos do chan e na estabilidade do terreo, alterando as drenaxes naturais das augas superficiais e subterráneas”, cambiando ademais a clasificación do chan, “pasando de solo rústico de protección agropecuaria a solo rústico de infraestruturas, condicionando e limitando os cultivos e aproveitamentos nas propiedades particulares”.

Vilán reclamoulle hoxe á Xunta que explique “cal será a súa postura” sobre o impacto meioambiental desta explotación e reclamoulle que, no caso de ser aceptada, a aplicación de medidas cautelares fronte ao alto risco de contaminación. Lembrou que este proxecto leva unha tramitación de oito anos, malia o que a Xunta advertiu hoxe que aínda non están preparados os informes necesarios.

Iniciativa do Concello

A parlamentaria socialista lembrou hoxe que os grupos municipais do Concello de Xinzo de Limia teñen aprobado unha iniciativa conxunta para pedirlle á Consellería de Economía e Industria que rexeite a concesión. Esta iniciativa salienta a alta produtividade agropecuaria da zona da explotación, deteriorara as vías de acceso ás explotacións e creará lagoas artificiais que contaminarán as augas dos cultivos.

O concello salientou ademais a “incidencia negativa que se derivará para o proxecto de regadío previsto para a modernización das explotacións desta área” anterior á concesión da mina. Finalmente, sinalou que “non se pode esquecer o impacto negativo que terá esta explotación sobre a Zepa da Limia e o seu perímetro de protección”.

Vilán apuntou que un dos lemas da Dirección Xeral de Minas sinala que “Galicia é unha mina”, e apuntou que “somos a sétima Comunidade Autónoma por superficie, pero a cuarta por produción mineira, con mais de 520 explotacións activas”.

Advertiu que a Xunta “utiliza a escusa da crise para permitir que as empresas mineiras fagan de Galicia unha gran mina a ceo aberto sen garantías suficientes de non arrasar o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, de non contaminar o entorno e de non poñer en risco a saúde das persoas”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar