Os socialistas reclaman a devolución dos orzamentos da Xunta

Os socialistas reclaman a devolución dos orzamentos da Xunta

Os socialistas reclaman a devolución dos orzamentos da Xunta

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, presentou hoxe a emenda de devolución dos Orzamentos da Xunta presentada polos socialistas galegos. Explicou que as contas do goberno de Feijóo “non solucionan os problemas de Galicia” ao esquecer a loita contra o desemprego, manter aos servizos públicos baixo mínimos e “hipotecar o futuro de Galicia” a costa de endebedamento.

O responsable socialista explicou que a xestión de Feijóo durante os seus cinco anos de goberno desmenten a súa autopromoción como “gran xestor”. Pola contra, é o responsable, dixo, de que haxa 95.600 parados mais que en 2009, 151.200 ocupados menos, 87.800 familias con tódolos seus membros en paro, 33.000 fogares sen ningún tipo de ingreso e mais de 80.000 galegos e galegas leven mais de dous anos sen axudas.

Feijóo ten demostrado a súa “renuncia ao impulso do crecemento” ao reducir en mais de 100 millóns de euros o investimento produtivo, e as aportacións de capital descenderon nun 56 por cento.

A “nefasta xestión dos cartos públicos” por parte de Feijóo evidénciase, dixo, na evolución da débeda pública, que pasou de 4.000 millóns de euros en 2009, o 7 por cento do PIB, ata os 10.500 millóns de euros de 2015, o 18,2 por cento do PIB. A consecuencia mais grave, explicou, é que Galicia pasou de ter que pagar ao ano 393 millóns de euros, o 3,6 por cento do orzamento, aos 1.515 millóns que terá que pagar en 2015, o 15,5 por cento do orzamento total.

Austeridade

A insistencia de Feijóo nunha política de austeridade que cada vez menos líderes europeos defenden afecta directamente ao gasto social, que viu cómo entre 2009 e 2015 perdía un montante global de 5.300 millóns de euros. Santín explicou que a Xunta destinará a gasto social en 2015 1.140 millóns de euros menos dos que orzamentaba en 2009, malia que para o próximo ano teña aumentado 40 millóns de euros, unha contía “totalmente insuficiente”.

González Santín advertiu que a sanidade pública ten perdido 358 millóns de euros e 2.000 postos de traballo dende o ano 2009, aos que hai que sumar as 275 camas de hospitais públicos que Feijóo ten pechado dende a súa chegada á Xunta, que fan insuficiente o aumento de 11 millóns para o próximo ano. O caso do ensino segue un proceso semellante, tendo perdido 350 millóns de euros e 1.200 profesores, o que fai o aumento de 1,5 millóns de euros para 2015 “moi insuficiente”.

O deputado socialista acusou a Feijóo de ter iniciado un camiño “absolutamente equivocado” para loitar contra a crise, a través de medidas de axuste fiscal, incrementando os impostos, copagos e repagos dos galegos e galegas, e da devaluación salarial, provocando a perda de capacidade adquisitiva do conxunto da cidadanía.

Mentres, renuncia a abordar o problema do desemprego en Galicia, diminuíndo nun 50 por cento as partidas para a creación de postos de traballo dende 2009. Acusouno de “facer trampa” ao anunciar un incremento das partidas para creación de emprego en 2015, xa que a Xunta incluíu nos orzamentos os 18,2 millóns de euros de fondos procedentes da UE mentres reduce os fondos propios.

Melloras

Os socialistas presentaron tamén unha emenda para incrementar os ingresos, reducir os gastos produtivos e aumentar o gasto social que acadaría a mobilización dun total de 586 millóns de euros para reforzar as políticas sociais e a actividade económica dirixida á creación de emprego.

O obxectivo é incrementar as partidas para un Plan de Emprego -192 millóns de euros-, apoio ao I+D+i -15 millóns-, o seguro de mal tempo e de accidentes do mar e para as mariscadoras -3,2 millóns-, a dinamización do sector industrial -35 millóns- ou o apoio ao pequeno comercio e a cultura -14,5 millóns-. Tamén propuxo dedicar 31 millóns de euros a investimentos sobre o territorio na loita contra a desertización do rural.

O responsable socialista propuxo aumentar os orzamentos de sanidade en 95 millóns de euros, os de educación en 50, ás partidas á universidade en 5 millóns de euros e conceder 1,4 millóns de euros adicionais á lingua. Ademais, reclamou un aumento de 170 millóns para gasto social e outros 22 para a prestación de servizos polos concellos.

Ademais, propuxo aumentar nun 50 por cento o orzamento do Consello de Contas para dotalo de mais medios na loita contra a corrupción. Trátase, explicou, dun incremento de tan só 3 millóns de euros, o 0,035 por cento do orzamento total da Xunta, que evidencia que “si non se fai é porque non se quere”.

Para mobilizar estas contías, González Santín reclamou o aumento de 364 millóns de euros de ingresos a base de aumentar impostos ás maiores rendas ou a mellora da capacidade recadatoria do goberno galego. Mentres, reclamou a redución de gastos de gabinete, persoal e propaganda, transferencias aos centros concertados que segregan por sexos, administración paralela e gastos inmateriais.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar