Os socialistas reclaman a comparecencia da conselleira de Traballo para dar conta da elevada sinistralidade laboral en Galicia

Os socialistas reclaman a comparecencia da conselleira de Traballo para dar conta da elevada sinistralidade laboral en Galicia

Os socialistas reclaman a comparecencia da conselleira de Traballo para dar conta da elevada sinistralidade laboral en Galicia

Pilar Cancela apunta que a redución de investimento en políticas públicas fai que Galicia teña o índice de accidentes graves mais alto do Estado e sexa a terceira comunidade en sinistros mortais

A Secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, advertiu onte que a redución do investimento en políticas públicas por parte da Xunta está a xerar un alarmante ascenso na sinistralidade laboral e das enfermidades profesionais en Galicia. A responsable socialista sinalou que os datos fan “inescusable” a “inmediata comparecencia” da conselleira de Traballo no Parlamento de Galicia.

Con motivo da celebración, onte, do Día Internacional da Seguridade e da Saúde no Traballo, Cancela apunta que Galicia conta o índice de incidencia de accidentes graves –número de sinistros laborais con baixa por cada 100.000 traballadores- mais alto de todo o Estado, con 52,2 puntos fronte á media estatal de 23,8. Sinalou ademais que en 2013 22.377 persoas foron vítimas dun accidente no seu posto de traballo en Galicia.

Ademais, engade, Galicia ocupa o terceiro lugar do Estado en canto a sinistros mortais, dous puntos por enriba da media estatal, con 5,3 fronte a 3,1. En termos absolutos, os accidentes mortais no traballo creceron no ano 2013 en Galicia ata acadar as 47 vítimas, cos sinistros aumentando malia que por mor da crise diminúe a man de obra de maior risco, ao abandonar o mercado laboral os traballadores temporais.

Sectores

Salienta a suba dos accidentes de traballo no sector primario –agro e pesca-, xa que mentres no sector agrogandeiro a poboación laboral diminúe un 5,4 por cento respecto a 2012, os accidentes graves aumentan un 19,3 por cento e os mortais aumentaron de 3 en 2012 a 4 en 2013. Na pesca, mentres se reduce o número de accidentes mortais nun 5 por cento, os accidentes medran un 31,8 por cento, e os mortais pasaron de 5 a 7.

Esta tendencia repítese no sector da construción, onde se mantén o número de accidentes mortais con respecto ao ano 2012, malia que o número de traballadores diminuíu nun 13,61 por cento.

Recortes

Cancela advirte que a redución de investimentos en políticas públicas, coa desculpa da crise, “provoca que a loita a prol da seguridade e de saúde laboral dos traballadores e traballadoras de Galicia pase a un segundo plano”. Salienta que “o modelo de precariedade no mercado laboral imponse e despraza a un modelo de estabilidade e de dereitos para as persoas traballadoras”.

Os socialistas galegos reivindican, no Día Internacional da Seguridade e Saúde no Traballo, os investimentos públicos necesarios na promoción, información e loita contra a sinistralidade laboral. A responsable socialista sinala que a seguridade e a saúde laboral constitúe “un ben superior a protexer sempre, que non pode nin debe ser adiada por razón do austericidio económico do PP”.

Advirte que as políticas da dereita teñen considerado a saúde laboral e o dereito á seguridade no traballo como un impedimento que debe ser superado para aumentar a competitividade. Lembra que estes principios constitúen “un dos obxectivos centrais das políticas sociais europeas” e rexeita a drástica diminución de investimento público en políticas preventivas e as reformas lexislativas que rebaixan a protección da seguridade e da saúde dos traballadores e traballadoras.

Lembra que os socialistas galegos crearon dende a Xunta de Galicia o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral –ISSGA-, “dotado dos recursos humanos óptimos e cunha dotación presupostaria axeitada para loitar contra a sinistralidade laboral en Galicia. A chegada de Feijóo ao goberno, dixo, supuxo a redución desas partidas presupostarias en mais dun 40 por cento dende 2009.

Pilar Cancela subliña que “apostar pola prevención en seguridade e saúde laboral é apostar polas persoas ante todo, por empresas socialmente responsables e competitivas e apostar, en definitiva, polo futuro”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar