Os socialistas propoñen unha Lei que garanta o acceso á información e documentación do Parlamento e da Xunta

Os socialistas propoñen unha Lei que garanta o acceso á información e documentación do Parlamento e da Xunta

Os socialistas propoñen unha Lei que garanta o acceso á información e documentación do Parlamento e da Xunta

O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, presentou hoxe unha iniciativa para que se constitúa no Parlamento unha ponencia elabore unha Lei que garanta o acceso dos galegos e galegas a toda a información e documentación da administración pública. Dixo que esta proposta “mellorará a calidade do noso sistema democrático” e reforzar a lexitimidade das institucións.

 

O responsable socialista explicou que esta iniciativa incrementa a capacidade de control e fiscalización da xestións dos recursos públicos por parte dos cidadáns e dos medios de comunicación social, “fortalecendo e ampliando a transparencia das nosas institucións”. Dixo que esta iniciativa quere garantir o dereito á información, favorecendo que “nin a Xunta nin o Parlamento teñan zonas escuras nin espazos de sombra a ollos da cidadanía”.

 

A iniciativa presentada por Lage Tuñas supón que o Parlamento se adhira ao “convenio do Consello de Europa sobre acceso a documentos públicos”, á que xa hai adheridos 42 países, facilitando o acceso da cidadanía a toda a información e documentación da Cámara. Reclámalle tamén á Xunta que faga o seu propio convenio sobre acceso a documentos públicos na mesma liña e coa única excepción de cuestións de seguridade.

 

O parlamentario socialista dixo que “non é de recibo nin xustificable que por exemplo se descoñeza o orzamento e licitación das obras que hoxe se están levando a cabo no Parlamento por parte da presidenta do Parlamento”. Explicou que no Parlamento hai “zonas escuras” e engadiu que estas obras non aparecen na web de contratos da Cámara Autonómica.

 

Boicot ao Parlamento

 

Lage Tuñas acusou á presidenta da Cámara de “boicotear o Parlamento” ao exercer como deputada do PP en lugar de máxima responsable da institución e permitir que o Goberno non responda ás solicitudes formais de información remitidas pola oposición. Explicou que o goberno ten sen responder o 63,2 por cento das 997 solicitudes de documentación remitidas polos socialistas polo que se coñece como Artigo 9 do Regulamento.

 

Lembrou que de acordo co Regulamento do Parlamento estas solicitudes teñen que ser respondidas nun prazo máximo de 30 días, que é vulnerado reiteradamente polo goberno galego coa aquiescencia da presidenta da Cámara. Lage Tuñas presentou a modo de exemplo 23 solicitudes de documentación escollidas “ó chou”, presentadas entre 2009 e 2010, e que “a día de hoxe”, dos anos despois, aínda non foron respondidas.

 

Entre estas destacan as solicitudes da auditoría de KPMG sobre a fusión das caixas, o estudo feito sobre a lingua no ensino, os convenios de financiamento do Xacobeo, o Plan Director de Banda Larga, información sobre as filtracións de exames en Sanidade ou axudas asinadas pola Consellería de Industria, que son sistematicamente furtados ao Parlamento.

 

Mentres, dixo, a presidenta do Parlamento, en lugar de defender á institución, decide “supeditar a presidencia aos intereses do PP” paralizando durante 21 meses a solicitude de comparecencia do Valedor do Pobo na Comisión de Peticións da Cámara para dar conta do informe sobre as filtracións de exames nas oposicións ao Sergas.

 

Omertá e coches oficiais

 

Denunciou a “dobre moral” do PP, que sitúa na presidencia da Cámara a unha militante “da máxima confianza de Feijóo e Rajoy” para supeditar a institución aos intereses do partido amparada por unha inxustificada “omertá” –lei de silencio- sobre o seu “séquito”. Advertiu que “mentres claman pola austeridade, a dirixente do PP supera a certas consellerías ao contar con 2 condutores, unha xefa de gabinete, 2 xefes de prensa, 2 asesores e ata un fotógrafo para ela soa”.

 

O responsable socialista amosou publicamente unha serie de imaxes que demostran que o Parlamento segue contando coa mesma flota de vehículos oficiais que ao comezo da Lexislatura. Isto demostra que “Pilar Rojo lle ten mentido á cidadanía” cando anunciou hai un ano que o Parlamento renunciaría aos vehículos oficiais e puntualizou que “nin o PSdeG nin o BNG usan os coches oficiais, que sen embargo permanecen aparcados a disposición da presidenta do Parlamento”.

 

Feijóo tahúr

 

Lage Tuñas cualificou a Feijóo de “tahúr político” ao presentar unha proposta de redución de deputados porque “quere ter mais escanos con menos votos”, e sinalou que “ao PP non lle sobran 14 deputados, sóbralle o Parlamento de Galicia”. Esixiu “que rectifiquen e retiren a proposta dirixida a adulterar o resultado electoral”, e lembrou que “ninguén se atreveu a modificar unha Lei Electoral a menos de 3 meses das eleccións”.

 

Criticou que teña sido presentada “coa falacia da austeridade” que se demostrou falsa por canto os socialistas demostraron que “é posible aforrar moito mais mantendo a pluralidade e a representatividade” reducindo o salario dos parlamentarios e equiparando as retribucións dos membros da Mesa –e singularmente a da presidenta do Parlamento- co resto dos deputados.

 

Dixo que “os galegos necesitan agora un presidente e non un tahúr”, porque mentres Rajoy está de vacacións en Sanxenxo hai 9.000 galegos angustiados porque non saben si van dispoñer da prestación de 400 euros. Esixiulle ao presidente do Goberno “que volva de vacacións” e deixe de “humillar” aos galegos e galegas e expoñerse a “unha explosión social”.

 

Apuntou que “moitas persoas o están pasando mal, e ven que fai falta un goberno que actúe pensando nos intereses da xente e non nos intereses propios” para resolver a situación dos cidadáns que non cobran as prestacións dende finais de xullo, ou dos 15.000 coidadores que van quedar sen cotizar polas prestacións de Atención á Dependencia do Estado.

 

Cualificou finalmente de “involución democrática” que o PP estea rachando cos principios de solidariedade e coa sanidade e educación universais establecidas por consenso social e político ao “facer que unha persoa, por ser inmigrante, non teña os mesmos dereitos que os deputados ao ir ao médico”. Acusou ao PP de establecer unha saúde pública “con dúas portas, para cidadáns de primeira e de segunda”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar