Os socialistas presentan no Parlamento alternativas a Sogama máis ecolóxicas e baratas

Os socialistas presentan no Parlamento alternativas a Sogama máis ecolóxicas e baratas

Os socialistas presentan no Parlamento alternativas a Sogama máis ecolóxicas e baratas

Patricia Vilán e os alcaldes socialistas de Brión e Piñor advirten que Sogama naceu para solucionar un problema aos concellos “e agora somos os concellos os que temos que solucionar o problema de Sogama”

O Grupo Socialista reclama a comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente pola suba “unilateral, inxusta e sen precedentes” no recibo do lixo

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, e os alcaldes de Brión e Piñor, os socialistas Xosé Luis García e Francisco Fraga, presentaron hoxe os seus modelos alternativos a Sogama “máis ecolóxicos e baratos”. Os socialistas galegos reclaman a comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente no próximo Pleno para dar conta da suba “unilateral, inxusta e sen precedentes” do 34 por cento no recibo do lixo.

Patricia Vilán deu voz hoxe á “oposición radical” dos socialistas galegos á suba do lixo que comezou o pasado sábado e que supón o maior incremento dun imposto na historia recente de Galicia. Anunciou que os socialistas galegos levarán á Xunta de Portavoces de mañá a solicitude de comparecencia de Agustín Hernández para dar conta dunha decisión imposta como consecuencia da “incapacidade de Feijóo para xestionar o lixo”.

Acusou ao presidente da Xunta de mentir sobre a suba do canon “para agochar a súa incapacidade de acadar unha lexislación enerxética” que prime as enerxías renovables, e lembrou así que o único motivo é garantir beneficios para Gas Natural, en poder do 50 por cento das accións de Sogama. Puntualizou que “Feijóo minte igual que mentiu co céntimo sanitario, que agora sabemos que nin era céntimo nin era para a sanidade”.

A deputada socialista mantivo un encontro cos alcaldes de Piñor e Brión, que presentaron os modelos de reciclaxe alternativos do concello ourensán e da Mancomunidade de Barbanza, centrados na separación en orixe e a reciclaxe. Sinalaron que estes modelos son máis económicos e atenden á lexislación comunitaria, que deixa a incineración e o vertedoiro como últimas alternativas, ao contrario que fai o goberno galego na planta de Cerceda.

Explicou que a Xunta incide precisamente nas políticas de xestión de residuos máis censuradas en Europa, como son a incineración masiva e o soterramento en vertedoiro, descartando a reciclaxe. Advertiu que con este modelo Galicia recicla só o 5 por cento dos residuos, sete veces menos que a media da UE, e incinera sete veces máis.

Alternativa

O alcalde de Piñor, o socialista Francisco Fraga, lamentou que a suba do canon evidencia que “mentres Sogama naceu para solucionarlle un problema aos concellos, agora os concellos somos os que temos que solucionarlle o problema a Sogama”. Reclamoulle ao goberno galego un encontro cos alcaldes que se opoñen a esta suba e acuso a Feijóo de “pasarlle a pelota aos concellos e recorrer a un trágala” coa imposición do canon.

Explicou que coas políticas de xestión eficiente do lixo o concello de Piñor, primando a compostaxe doméstica e con bonificacións pola separación de residuos, puido reducir a xeración de residuos dende os 343.000 quilos en 2007 a 255.000 en 2013. Advertiu que o goberno galego vai desbotar todo o esforzo do concello, xa que coa suba do 34 por cento no recibo anula os beneficios acadados reducindo a xeración de residuos.

O alcalde socialista sinalou que “aínda se pode seguir mellorando” pero non polo camiño de Sogama, que “aposta pola solución equivocada establecendo a incineración como primeira opción”.

Serra de Barbanza

O alcalde de Brión, Xosé Luis García, explicou o modelo da planta de tratamento de residuos do Barbanza, que atende aos concellos de Brión, Lousame, Muros, Noia e Porto do Son, un total de 87.000 habitantes, ademais do de Rianxo, que vén de anunciar a súa incorporación.

Explicou que con este modelo os concellos da Serra do Barbanza reciclan máis e pagan menos que os concellos adheridos a Sogama. Dixo que nesta planta recíclanse 102,27 quilos por habitante e ano, fronte aos 7,22 quilos de Sogama, e teñen un nivel de reciclaxe do 75 por cento, o máis alto de Galicia. Ademais, dixo, o tratamento do lixo custa 55 euros por tonelada, fronte aos 90 de Sogama.

Mentiras

O alcalde socialista criticou as “mentiras” do goberno galego, a quen acusou de ter iniciado unha campaña sinalando que Sogama é a opción máis barata para os cidadáns. En resposta ás declaracións do secretario xeral de Avaliación Ambiental, Justo de Benito, advertiu que o exemplo da Serra do Barbanza e a mostra máis evidente de que malia os “paus nas rodas” do goberno galego Sogama é moito máis cara e contaminante.

Chamou a que a planta de Sogama e a da Serra do Barbanza sexan “complementarias e non inimigas” e criticou que o goberno galego castigue ao Barbanza pagando tan só o 80 por cento dos residuos reciclados, mentres a Sogama abónalle o cen por cen.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar