Os socialistas preguntaranlle a Feijóo polas eivas na aplicación da Lomce en Galicia

Os socialistas preguntaranlle a Feijóo polas eivas na aplicación da Lomce en Galicia

Os socialistas preguntaranlle a Feijóo polas eivas na aplicación da Lomce en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que levarán a preocupación e incertidume sobre a aplicación da Lomce en Galicia á primeira sesión de control ao presidente da Xunta, no Pleno da próxima semana. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do primeiro Pleno desta Lexislatura.

O responsable socialista reclamoulle ao presidente da Xunta unha resposta ao desconcerto do sector educativo, que xa avanzado o primeiro trimestre descoñece a organización das reválidas de segundo de Bacharelato e a organización do acceso ás universidades. Lamentou que o Goberno suprimiu unha proba unitaria homologada en todo o Estado para que a día de hoxe “os alumnos non saben qué proba terán que pasar nin cómo”.

Os socialistas galegos reclamaranlle ao presidente da Xunta que elimine a incertidume de familias, profesores e alumnos que hoxe “non saben qué facer, e que están repetindo o que se facía ata agora sen saber si terá proveito”.

Hospital de Vigo

Os socialistas tamén levarán ao Pleno do Parlamento unha Proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que reverta o Hospital privado de Vigo ao sector público. Sinalou que “non renunciamos a reforzar o contido público da sanidade” para mellorar a atención sanitaria nunha situación “anómala” na que o principal Hospital da área sanitaria corresponde a unha concesión público – privada, e o 30 por cento da poboación é atendida por un Hospital privado.

Tamén interpelarán ao goberno galego sobre a situación das centrais hidroeléctricas de Ferroatlántica en Cee e Dumbría, que a empresa matriz quere segregar “para vendelas, deixando desguarnecido o negocio da produción metálica vencellado ás concesións e para prover de enerxía ás empresas do Grupo en Cee e Dumbría. Dixo que a Xunta “debe defender a integridade do negocio e a continuidade da produción industrial e os postos de traballo”.

Sinalou que os grupos parlamentarios reunidos na Xunta de Portavoces do Parlamento decidiron por unanimidade a creación de 3 comisións non lexislativas, de Igualdade de Xénero, de estudo da atención á discapacidade de Galicia, presente na pasada lexislatura pero que non rematou o seu traballo, e sobre Seguridade Viaria.

Advertiu ademais que “malia que se anuncie que poderá debaterse o teito de gasto, as previsións sinalan que dificilmente poderá ser aprobado no Congreso, polo que teremos que agardar días para que sexa aprobado”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar