Os socialistas lamentan que Rajoy e Feijóo respalden a Baltar, imaxe "do pasado" a da política "amoral e caciquil"

Os socialistas lamentan que Rajoy e Feijóo respalden a Baltar, imaxe "do pasado" a da política "amoral e caciquil"

Os socialistas lamentan que Rajoy e Feijóo respalden a Baltar, imaxe “do pasado” a da política “amoral e caciquil”

A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, e a secretaria federal de Administracións Públicas do PSOE, Susana Sumelzo, respaldaron esta mañá en Ourense o traballo do portavoz socialista na Deputación de Ourense, Ignacio Gómez, e de todo o grupo provincial nun contexto no que o presidente Baltar considera que a labor da oposición “ten que estar proscrita e perseguida”. Ademais, lamentaron que Rajoy e Feijóo inicien precisamente a precampaña en Ourense respaldando a Baltar, no que é “a viva imaxe do pasado, do que eles representan e do que non merece Galicia”, unha política “amoral” e “caciquil”.

“Queremos refrendar o traballo político dos nosos compañeiros nun contexto tremendamente complexo, no que se está a cuestionar a propia labor de oposición ante situacións que non son acordes cun procedemento democrático e co funcionamento normal das institucións”, afirmou Cancela, no que considera “exemplo do modelo caciquil do PP, de como entende o xeito de facer política e de estar nas institucións, nas que considera que a labor de oposición ten que estar proscrita e perseguida”. A socialista considera “denigrantes” as declaracións do presidente da Deputación “insultando e utilizando expresións que lembran a outra etapa deste país na que a democracia non existía, senón que se denostaba e era perseguida”.

Pilar Cancela, que presidiu tamén a comisión de Igualdade do Congreso, cualifica como “aberrante e amoral” que “un señor nun cargo dunha instución diga que é un asunto privado o caso de acoso sexual polo que está investigado” e que ten aberta a vía xudicial. “Cando é presidente dunha deputación e utiliza o seu cargo para chantaxear a unha muller ofrecéndolle un posto de traballo a cambio de favores sexuais xa non teño calificativos. É amoral e indigno que siga presidindo a deputación, e que o siga respaldando o PP que está esta fin de semana de festa nesta provincia”, afirmou.

Cancela referiuse tamén ao acto de Novas Xeracións ao que acudirá Mariano Rajoy. “Espero que non lle transmita ás novas xeracións estes valores tan fantásticos que poñen en marcha no seu partido, porque entón a rexeneración necesaria no PP vai ser tremendamente difícil se a súa xente moza asume o seu mesmo xeito de actuar e os mesmos xeitos dos seus dirixentes”, dixo.

Asimesmo, amosou a súa sorpresa polo cambio de última hora no que estaba previsto que Rajoy “estivese para proclamar tan democraticamente como fan as cousas a Alberto Núñez Feijóo como candidato” e finalmente suspendeu a súa presenza. “Non sei se non queren estar xuntos na foto ou teñen problemas de axenda”, apuntou. “É indigno que utilicen e veñan a Ourense a facer esta posta en escea dándolle respaldo a unha persoa como o presidente desta Deputación. Calquera mensaxe que queiran trasladar de tranparencia ou democracia cae polo seu propio peso”, afirmou a socialista, quen lembrou que Baltar se nega a aportar información sobre peticións dos socialistas como os custos por viaxes internacionais desorbitados, e apuntou que o seu pai xa foi condeado por unha denuncia socialista. “Pedímoslle á cidadanía que sexan eles cos seus votos os que os poñan no seu sitio”, concluíu.

Pola súa banda, Susana Sumelzo asegurou que non lle gustaría atoparse no seu percorrido por Ourense “ao señor Rajoy, ao señor Feijóo e ao señor Baltar” porque esa “é a viva imaxe do pasado, do que eles representan e do que non merece Galicia”. Temos, dixo, “un presidente do Goberno ao que lle dá pereza comparecer e dar explicacións e que non quere ir aos debates, exactamente o que fai o señor Baltar. Ao señor Feijóo, cunhas aspiracións persoais para as que utiliza as institucións desta comunidade como unha ferramente política, e que triplicou a débeda dos galegos”, e “Baltar, que ten que dar explicacións á xustiza por uns feitos vergonzosos, lamentables, polos que xa polo feito de ser investigado por eles tería que deixar de estar na institución”.

Sumelzo trasladou o “rotundo” apoio de Pedro Sánchez e da Executiva Federal do PSOE ao grupo provincial da Deputación de Ourense ante a “falta de democracia e de transparencia do señor Baltar”, que se dedica a “censurar a oposición”. O PSdeG “é ó único partido que supón a alternativa para que muden as cousas en Galicia fronte a un PP que representa Baltar, un PP desnortado, apático e que non representa o que debería ser o futuro dos galegos”, afirmou.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar