Os socialistas garantirán a representatividade nas mesas das comisións parlamentarias

Os socialistas garantirán a representatividade nas mesas das comisións parlamentarias

Os socialistas garantirán a representatividade nas mesas das comisións parlamentarias

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, explicou que os socialistas galegos cederán parte dos postos que lles corresponden nas mesas das comisións parlamentarias para garantir a representatividade dos grupos do BNG e AGE. Así o dixo logo da reunión da primeira Xunta de Portavoces da Lexislatura, que tivo lugar hoxe no Parlamento.

O responsable socialista explicou que a aplicación do Regulamento suporía que o Grupo Socialista ocupara o posto de secretario nas mesas de tódalas comisións, pero que algún deles será cedido aos outros grupos para garantir unha representatividade proporcional. Lembrou que no caso da Mesa do Parlamento os socialistas amosáronse partidarios a ceder un posto si estaban presentes tódolos grupos, o que foi impedido polo PP.

Explicou que na xuntanza de hoxe foi tratada a composición das comisións, e dixo que os socialistas amosáronse partidarios dunha organización na que este Grupo fora o maioritario da oposición, garantira a proporcionalidade e representatividade, e levara incluído o criterio do control do gasto e austeridade.

Os socialistas galegos tamén acordaron o reparto lonxitudinal de escanos no hemiciclo para significar a presenza de tódolos grupos na primeira fila, xa que o reparto transversal suporía que o Grupo Socialista ocuparía os primeiros postos do hemiciclo.

Losada chamou a “non facer un problema de país” a asignación de espazo ao Grupo de Alternativa Galega de Esquerdas, e sinalou que os socialistas ofreceron a súa sala de reunións como sala común de tódolos grupos. Instou a acadar unha “ubicación digna e satisfactoria” para AGE e o BNG que ademais “minimice a alteración do funcionamento normal do Parlamento”.

Dixo que esta polémica entre aqueles grupos supoñen “pequenas cuestións tendo en conta os problemas do país” e dos mais de 270.000 parados e paradas e o 20 por cento dos cidadáns en risco de pobreza e exclusión social. Dixo que “non hai intrusos no Parlamento de Galicia, hai grupos votados polos cidadáns da Comunidade Autónoma”.

Finalmente, explicou que na Xunta de Portavoces foi tratada por requisito legal a paridade do próximo goberno da Xunta, e sinalou que os socialistas foron os únicos que amosaron a súa reserva para que o presidente sexa contabilizado como membro do Goberno a efectos de paridade, xa que foi un requisito incumprido durante parte da pasada lexislatura.

Derrogación do decreto do galego

Losada reclamou hoxe “a derrogación do decreto do galego e do conselleiro de Educación” que o aprobou, logo de que esta semana fora retirada a consulta aos pais sobre o idioma por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O portavoz dos socialistas galegos considera un “perigo e unha gravísima irresponsabilidade” a “chamada á insubmisión dende o poder político”.

Así o dixo logo de que a Xunta anunciara “con chulería e displicencia” a súa intención de incumprir a sentenza do TSXG. Lembrou que “un goberno ten fundamentalmente que cumprir coa Lei, ninguén está por riba da lexislación vixente, nin sequera en aras dunha maioría absoluta”, e desbotou a afirmación de Feijóo, quen na pasada lexislatura “dixo que os votos estaban por riba da ética”.

Debate de investidura

En resposta a preguntas dos xornalistas, o portavoz do Grupo Socialista explicou que “por cuestión de cortesía” os socialistas non revelarán o seu voto na sesión de investidura de Feijóo, porque “antes de decidir hai que escoitar”. Sen embargo, adiantou unha posición “claramente en contra” vistos os antecedentes e o discurso continuísta de Feijóo.

Explicou que a “folla de ruta” dos socialistas galegos ata a votación no debate de investidura inclúe un “balance nefasto” na anterior lexislatura, un programa lexislativo do PP ultraliberal “que rexeitamos rotundamente”, unhas eleccións autonómicas nas que acadaron maioría absoluta e o discurso de investidura propiamente dito “que aínda non se produciu”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar