Os socialistas galegos reclaman unha Comisión de Estudo sobre o accidente de Angrois

Os socialistas galegos reclaman unha Comisión de Estudo sobre o accidente de Angrois

Os socialistas galegos reclaman unha Comisión de Estudo sobre o accidente de Angrois

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, anunciou hoxe a petición dunha Comisión de Estudo sobre o accidente ferroviario de Angrois. Así o dixo no debate da solicitude de Comisión de Investigación sobre o accidente celebrado hoxe no Pleno do Parlamento, no que o PSdeG abstívose ata a conclusión das investigacións internas “por prudencia e coherencia”.

 

Fernández propuxo unha Comisión de Estudo que esclareza a verdade sobre a traxedia e propoña medidas que impidan que se repita o accidente, e “que exerza un papel complementario á subcomisión de estudo do Ministerio de Fomento”. Advertiu que “non renunciamos a nada unha vez coñecidos os resultados” das catro investigacións internas abertas, ademais do proceso xudicial.

 

O parlamentario socialista considerou “imprescindible clarificar as causas que provocaron este accidente e explicalas con total transparencia” para identificar os erros cometidos, corrixilos e depurar responsabilidades. Sinalou que os gobernos central e autonómico “teñen a obriga de explicar á sociedade as causas do accidente”.

 

Neste sentido, puntualizou que o Ministerio de Fomento deberá explicar as condicións polas que circulaba o tren sinistrado, e “tamén debe clarificar a súa actuación o goberno autonómico, que ten as competencias de xestionar o accidente e as súas consecuencias”. Lembrou que é a Xunta quen ten a responsabilidade de activar a situación de emerxencia e coordinar os medios de salvamento.

 

Apuntou que “é o espírito das vítimas o que debe permanecer en toda a investigación” ás que “debemos respecto, rigorosidade, recoñecemento exclusivo e que a investigación e o debate político non se converta nunha sobreactuación partidaria que os volva a converter en vítimas nin se transforme nun silencio eterno que os humille”.

 

Advertiu ademais que os socialistas galegos “nunca botaremos os mortos á cara de ningún goberno”, polo que rexeitou “manifestacións como as do actual presidente da Xunta”, quen na precampaña das eleccións municipais de 2007 dixo que “con nosotros no moría gente en los incendios, y con ellos cuatro personas”, en alusión a Touriño e a vaga de lumes de 2006, ou mais tarde, en 2008, referíndose ás vítimas do mar.

 

Comisión de Estudo

 

Os socialistas rexistraron hoxe mesmo a solicitude de Comisión de Estudo sobre o accidente e a elaboración de propostas para a mellora da seguridade, que faga “un seguimento cara a asegurar, en primeiro termo, unha axeitada atención ás vítimas e aos seus familiares”.

 

Tamén se dedicará a “promover unha clarificación das causas do accidente, co conseguinte seguimento e valoración dos traballos técnicos que ao respecto se poidan producir”. Finalmente, terá como finalidade “buscar e promover a maior confianza e fiabilidade do sistema ferroviario en Galicia para o futuro, maximizando a súa seguridade e propoñendo as medidas e recursos necesarios para este factor fundamental”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar