Os socialistas están a presentar nos concellos acordos en defensa do sector lácteo e que propoñen beneficios fiscais para os parados que atopan unha saída no campo

Os socialistas están a presentar nos concellos acordos en defensa do sector lácteo e que propoñen beneficios fiscais para os parados que atopan unha saída no campo

Os socialistas están a presentar nos concellos acordos en defensa do sector lácteo e que propoñen beneficios fiscais para os parados que atopan unha saída no campo

Ana Doval, secretaria de Medio Rural da CENG do PSdeG, denuncia a falta de sensibilidade do Goberno Feijóo con este sector no que o paro afecta a 8.910 persoas

A continuidade de Quintana na consellería xera poucas espectativas nos socialistas, que reprochan a Feijóo que empregara a Investidura como escusa para non reunirse cos produtores de leite.

Reclaman ao xefe do Executivo que promova a figura do mediador para evitar contratos homologados abusivos e que faga do Banco de Terras un instrumento útil para non depender dos pensos e favorecer a adaptación ás novas directrices da PAC

A secretaria de Medio Rural da Executiva do PSdeG-PSOE, Ana Doval, recriminou ao Executivo de Feijóo e ao Goberno de Rajoy “a falta de sensibilidade co sector agrogandeiro” que está a pasar por severas dificultades de supervivencia.

A dirixente socialista salientou que o paro na agricultura e gandería en Galicia acada xa os 8.910 desempregados, 327 máis que no mes anterior. Por provincias, Pontevedra revélase como a máis afectada, acadando os 3.725 parados. A Coruña 2.568, Ourense 1.460 e Lugo 1.157 parados do sector agrogandeiro.

Para os socialistas, apunta Doval, a continuidade que caracteriza ao Gabinete de Feijóo para a IX lexislatura, onde se mantén a Rosa Quintana ao fronte da Consellería de Medio Rural e de Mar fai pensar que non se “vai a prestar atención coa intensidade que nós consideramos que se debe” ao sector do campo para “chegar a medidas eficaces para que os gandeiros perciban rendas dignas polo seu traballo”. A dirixente socialista reprocha tamén ao Goberno galego que non se sente cos sindicatos a buscar solucións consensuadas que eviten os abusos da industria cos produtores.

O Goberno “non ten o máis mínimo interese en que o agrogandeiro sexa un sector estratéxico”, denuncian os socialistas. Ana Doval critica que o recoñecemento dos problemas do campo que manifestan Cañete, Quintana ou Feijóo, non se reflicta logo na proposta de medidas para solucionalos.

Os socialistas adiántanse á “declaración de intencións” do Goberno do Estado alentando o consumo responsable e, como indica Ana Doval, xa traballan en iniciativas a nivel local, como a que os grupos do PSdeG están a presentar dende hai unha semana nos concellos rurais promovendo acordos plenarios que conciencien á poboación sobre a situación do sector lácteo. O primeiro concello onde prosperou esta moción foi no concello pontevedrés de Silleda.

A proposta contempla tres actuacións, insta ao concello a non contratar ningún servizo de catering ou subministro de alimentos que non inclúa leite galego, promove o compromiso de non realizar compras nas cadeas que empreguen o leite como reclamo comercial, especulando co seu prezo, e ademais esixe a realización dunha campaña informativa de posta en valor do leite galego nos centros de ensino do termo municipal.

Os socialistas complementarán nas próximas semanas esta iniciativa con medidas fiscais que beneficien ás persoas que decidan dedicarse a labores agrogandeiras ou ben medidas sociais. De novo Silleda é o primeiro concello onde os socialistas van propoñer unha bonificación no ICIO á aquelas persoas, procedentes do paro, que emprendan unha actividade agrogandeira.

Preguntada polo anuncio de Feijóo de que o sector lácteo será prioritario e que unha das súas primeiras actividades logo da Investidura sería unha xuntanza con produtores e industria, Ana Doval manifesta “moi poucas espectativas” porque “non era necesario esperar a que tomase posesión para que Feijóo se vira coas partes e se tomaran medidas ante unha situación case de emerxencia social”. Recorda neste sentido a dirixente socialista que os propios sindicatos apremiaron ao presidente.

En relación ao anuncio do incremento de 2cts. a partires de primeiros de ano, Doval considera que é unha medida máis que insuficiente, “un parche que non soluciona o problema”. Os socialistas propoñen contra a especulación e os abusos da industria impulsar asociacións de produtores fortes. Tamén consideran que fai más falta que nunca a figura do mediador, para que os contratos homologados non sexan abusivos para os produtores.

A responsable de Medio Rural da Executiva socialista centra tamén a atención sobre a superficie das terras, tendo en conta as novas directrices da PAC sobre o modelo de produción e os custes dos pensos. Doval reclama ao Goberno de Feijóo que converta o Banco de Terras nun “instrumento útil” para os produtores.

Finalmente Doval reclamou que se dea unha “importancia capital” a un sector que debe ser estratéxico para o país.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar