Esixen no Parlamento que a Xunta incremente os orzamentos contra a violencia de xénero

Esixen no Parlamento que a Xunta incremente os orzamentos contra a violencia de xénero

Esixen no Parlamento que a Xunta incremente os orzamentos contra a violencia de xénero

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia ven de presentar unha proposición non de Lei para que a Xunta incremente as dotacións orzamentarias para combater a violencia de xénero. Os socialistas presentan esta iniciativa coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra mañá domingo.

Os socialistas galegos lembran que o goberno de Feijóo recortou durante a lexislatura pasada os orzamentos destinados a políticas de igualdade, o que supuxo unha diminución do 79,5 por cento as accións para a igualdade, protección e promoción da muller. Ademais tiveron lugar “importantes retrocesos lexislativos coa supresión de estruturas como o Servizo Galego de Igualdade ou o debilitamento dos Centros de Información á Muller.

Denuncian ademais a “clara perversión” na execución do orzamento “destinando unha boa parte ao apoio de redes ultraconservadoras que traballan na contra dos dereitos das mulleres”, o que supón “unha clara política regresiva que pon en perigo os avances acadados nos últimos anos”.

Lamentan que a esta regresión en Galicia hai que sumarlle a volta atrás por parte do goberno de Rajoy, que ten cualificado de “propaganda” as campañas de sensibilización social, ignorando a súa importancia para conseguir a complicidade da sociedade e o impulso para conseguir que as vítimas denuncien.

Lembran que en 2012 os presupostos para prevención integral de violencia de xénero reducíronse nun 27 por cento, 8 millóns aos que hai que sumarlle outro millón de euros recortado aos programas de asistencia social para mulleres e menores vítimas de violencia nos orzamentos para 2013.

Esta iniciativa reclámalle a Xunta que cumpra coa Lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada en 2007, e poña en funcionamento de maneira inmediata o Centro de Recuperación Integral para as mulleres vítimas desta lacra. Ademais, instan á posta en marcha dos órganos consultivos e de participación contemplados nesta norma.

Os socialistas galegos propoñen que as axudas económicas establecidas na Lei galega sexan abonadas ás mulleres vítimas de violencia de xénero “nun prazo non superior a 25 días”.

Tamén lle reclaman á Xunta que defina a súa estratexia no eido da sensibilización e da prevención en contra da violencia de xénero, ademais de “promover acordos para a formación de profesionais dos medios de comunicación para a mellora do tratamento informativo das situacións de violencia contra as mulleres”.

Solicitan así mesmo o impulso dos mecanismos de apoio para que as mulleres “non se vexan forzadas a retirar a denuncia”, así como mellorar a coordinación entre os órganos xudiciais e os organismos que deben procurar as medidas de asistencia e protección social. Tamén piden reforzar os servizos de atención a menores vítimas “directas e indirectas”.

090000715-pnlp-violencia xénero

32641281A

Deixar a resposta

Pechar