Os socialistas esixen coñecer o contido da pregunta á UE sobre o dique flotante de Ferrol e convertelo "nunha cuestión de Estado"

Os socialistas esixen coñecer o contido da pregunta á UE sobre o dique flotante de Ferrol e convertelo "nunha cuestión de Estado"

Os socialistas esixen coñecer o contido da pregunta á UE sobre o dique flotante de Ferrol e convertelo "nunha cuestión de Estado"

Reclaman “que saia Feijóo e diga con toda claridade que el segue a ser o garante do dique flotante”, como fixo en campaña “nun burdo engano electoral do PP”

Poñen sobre a mesa a solución: reformular o tema e “tratar o dique como unha infraestrutura para a industria pública” e non “como unha axuda de Estado nin unha financiación privilexiada”

Os socialistas refrendaron esta mañá en Ferrol o seu compromiso de converter o dique flotante “nunha cuestión de Estado” e esixiron “coñecer o contido da pregunta que o PP lle fixo á UE e o da resposta que lles deron”, ademáis de poñer sobre a mesa a solución que reclaman que execute o goberno de Feijóo e Rajoy: tratar o dique “como unha infraestrutura para a industria pública e que por tanto se pode construír”, e non “como unha axuda de Estado nin unha financiación privilexiada ao sector”, como fixo o PP.

Reclamárono despois dunha reunión de traballo que mantiveron o secretario de Industria da Executiva do PSdeG, David Regades, o deputado autonómico Abel Losada, Carmela Silva, membro da Comisión Permanente no Congreso, Beatriz Sestayo, secretaria xeral do partido en Ferrol e varios membros da Executiva ferrolá. “O dique de Ferrol para o partido socialista é unha cuestión de Estado, fundamental para o futuro do sector naval de Ferrol, de Galicia e de España. Imos dar a batalla no Concello, no Parlamento galego, no Parlamento español e no europeo para que deixe de ser un burdo engano electoral do PP e se convirta nunha realidade”, afirmou Carmela Silva, quen instou a Feijóo a “que saia agora e diga con toda claridade que el segue a ser o garante de que se vai construír”, como fixera en precampaña.

A socialista pediu asimesmo que o goberno galego “se comprometa a que defenderá en Europa que non hai axuda de Estado nin financiación privilexiada, senón que é unha infraestrutura e que se pode construír”, e reclamoulle ao conselleiro de Industria “que pida perdón aos ferroláns e ferrolás” porque “é insoportable que teña dito que por responsabilidade hai que renunciar ao dique”.

Silva reclamou hai uns días no Congreso a comparencencia do ministro Montoro para “coñecer o contido da pregunta que se lle fixo á UE e o contido da resposta”, unha petición rexeitada polo Goberno. “Temos dereito a ter esa información, o deputado do PP atreveuse a dicir que el coñecía o contido, como é posible que eles o coñezan e nós non?”, pregúntase a socialista, que lembra que o PSOE defendeu que non era necesario facer a consulta ao ser unha infraestrutura para a industria, non unha axuda de Estado.

Pola súa banda, Beatriz Sestayo cualificou a situación como “unha manobra de Feijóo, que buscou unha excusa” para dar un mitin electoral. “Eu son o garante do dique flotante, dixo Feijóo o poeta, nun alarde de burla a Ferrol”, lembrou. Sestayo destacou que os socialistas aportan “solucións” para a “reformulación” do problema.

Xestión do naval para Defensa e situación do veto á construción civil
Sestayo apuntou que “Navantia tiña fondos a través da SEPI para construír o dique, e sorprendentemente en pleno verán o Goberno decidiu pasar a xestión do naval para o Ministerio de Defensa”. “É curioso que fondos que existían agora queden nunha incógnita que esiximos que despexen”, dixo a socialista, que pediu explicacións tamén sobre “cal é a situación do veto á construción civil que vence o 1 de xaneiro de 2015, que se ten tramitado e se o alcalde de Ferrol pensa dicir algo máis aló de declaracións sobre onde veranea”. Sestayo pediu a reversión na SEPI, o cumprimento do compromiso de carga de traballo e facer efectivos os acordos parlamentario aprobados por todas as forzas políticas sobre o dique e os plans industriais de Ferrol. Ademais, lembrou que os socialistas ultiman a axenda para ir a Bruxelas e “revertir a pésima axenda do PP con respecto ao naval” de Ferrol. “Agradezo ao PSOE que o teña convertido nunha cuestión de Estado. A loita terá un final feliz que non será co PP”, afirmou.

O secretario de Industria da Executiva do PSdeG, David Regades, informou de que o partido traballa nun plan industrial para a comunidade baseado “na innovación, o desenvolvemento e a investigación”, e pediulle ao PP “un plan industrial para Galicia”, xa que é inexistente pese a que a comunidade “está á cabeza no descenso do índice de produción industrial dos seis primeiros meses, foi a que máis baixou de toda España”, dixo, algo do que “Feijóo é o gran responsable”.

Pola súa banda, Abel Losada cualificou Ferrol como “a metáfora do fracaso das políticas” do goberno, que coas súas decisións desacertadas condena a zona ao “deserto industrial”, e lembrou que sufre unha taxa de desemprego de máis do 30%, “insoportable en termos sociais”. Losada afirmou que o goberno galego merece “unha denuncia por publicidade engañosa” en relación co naval, e lamentou que máis aló da “ruta gastronómica”, Feijóo e Rajoy non lle preguntaran a Merkel como sae Alemaña da crise, “con innovación e plans industriais, o que falta na pol´itica galega e española”.

Iniciativas tras o peche de FIMO por primeira vez en 50 anos
Os socialistas quixeron facer as declaracións dun xeito simbólico diante das instalacións de FIMO despois de que este verán “por primeira vez en 50 anos non ten abertas as súas portas”, como explicou Sestayo, nun exemplo “da realidade de Ferrol e do desmantelamento da política industrial do PP”.

A socialista fixo mención á pancarta dos traballadores aos que se lles adebedan 13 meses de salario diante das instalacións. “É un símbolo de resistencia de Ferrol e do que vai acontecer en menos dun ano: pasará de ser unha cidade pantasma abandoada polo PP a unha cidade punteira a nivel turístico, industrial e naval, porque se algo sabemos facer os socialistas é loitar, como loitan todos os traballadores do naval e como contan as historias de loita desta cidade”, afirmou.

Sestayo anunciou que levarán á comisión de Industria do Parlamento unha batería de iniciativas para a apertura das portas de FIMO para unha feira de turismo e outras temáticas, “entre elas unha feira do coñecemento do naval na que están interesados sectores da cidade e a comarca”, e “para que os traballadores cobren o que se lles debe, que é o primeiro”. Asimesmo, comprometeuse a que “os socialistas farán que FIMO volva abrir as súas portas e a Cámara de Comercio se revitalice” cando cheguen ao goberno.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar