Os socialistas esixen á Xunta un “plan de reactivación económica e do emprego”

Os socialistas esixen á Xunta un “plan de reactivación económica e do emprego”

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, reclamou hoxe á Xunta que presente na Cámara autonómica un “plan de reactivación económica e do emprego”. Así o establece nunha Proposición non de Lei do Grupo Socialista que foi rexeitada hoxe na Comisión de Economía do Parlamento.

Salientou a urxencia desta iniciativa logo de que os indicadores de desemprego e de evolución da economía anticipen que Galicia “será o lastre da economía española entre 2011 e 2012”. Dixo que mentres a media de crecemento previsto é do 0,9 por cento, Galicia sitúase no 0,6 en 2011 e á cola en 2012, “lastrando o crecemento da economía española”, mentres incrementan a débeda dende 2009 ata 8 puntos máis que a media do Estado.

Augurou que “albíscanse de novo dous anos de desesperanza para os desempregados” logo das “lamentables cifras de emprego de 2010 que serían aínda peores de non existir o Xacobeo”. Lembrou así que a xestión de Feijóo situou a Galicia á cabeza na destrución de emprego en só dous anos, mentres os informes sobre a evolución da economía española sitúan a esta autonomía de última ou penúltima en crecemento en 2011 e 2012.

Caride dixo que “a Xunta de Galicia e o sentido común teñen pouca relación”, xa que Feijóo demostrou na sesión plenaria de onte que “non sabe cales son as súas competencias”. Acusou ao “desastre de presidente” de optar por “ser pasivo, declararse incompetente e responsabilizar de todo a Zapatero” en lugar de “ser proactivo” e ver qué pode facer para mellorar a situación económica de Galicia.

A parlamentaria socialista lamentou que o PP rexeitara hoxe aplicar un plan de austeridade real mentres “converte a Xunta na oficina electoral do PP para as eleccións de 2011” pola actitude das delegacións territoriais e das axudas concedidas aos parados e aos concellos. Tamén reclamou un plan plurianual de reorientación das finanzas públicas 2011 – 2013 porque “o Plan Estratéxico presentado pola Xunta non serve”.

Financiamento público – privado

María José Caride presentou tamén hoxe unha Proposición non de Lei para que a Xunta presente na Cámara autonómica un estudo sobre a sostenibilidade das finanzas públicas que limite o financiamento público – privado en función da evolución do aforro corrente, do PIB de Galicia e da débeda pública.

Explicou que o uso desta fórmula para as obras xa executadas, o Hospital de Vigo, a Autovía da Costa da Morte e a Autovía do Morrazo suporán un compromiso de gasto de máis de 300 millóns de euros cada ano dende 2013, hipotecando os orzamentos da Xunta durante 25 anos. Criticou que este financiamento sexa aplicado pola Xunta sen dar conta ao Parlamento mentres abre a porta á privatización da sanidade galega.

Caride reclamou que estes compromisos sexan feitos públicos, tal e como fixera Cuíña como conselleiro de Infraestruturas, e que se limite ás infraestruturas e non aos servizos sanitarios.

Esixiu un control previo ao compromiso deste modelo de endebedamento porque “non sabemos o que hai que pagar ano a ano nin se poderemos pagalo, xa que a débeda pública recoñecida da Xunta de Galicia mais o investimento financiado con colaboracións público - privadas, ao final desta lexislatura triplicará os compromisos de pago que Feijóo atopou á súa chegada á Xunta de Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar