Os socialistas esixen a retirada do Plan para desmantelar o ferrocarril galego

Os socialistas esixen a retirada do Plan para desmantelar o ferrocarril galego

O Grupo Socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento para esixir a retirada do chamado Plan de racionalización do transporte ferroviario aprobado no Consello de Ministros do 28 de decembro de 2012, “por impoñer uns recortes inxustos dos servizos ferroviarios en Galicia, principalmente no medio rural”.

A iniciativa recolle a proposta socialista de iniciar un proceso de diálogo e acordo coa Comunidade Autónoma, cos concellos e coas organizacións sociais, co obxecto de garantir que as obrigas de servizo público do transporte ferroviario atendan axeitadamente ao dereito da cidadanía á mobilidade e contribúan ao obxectivo da cohesión e da vertebración territorial para Galicia.

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, acusou ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, de ser “co – protagonista por omisión”, pola súa complicidade necesaria, da “morte prematura do tren convencional”.

Para Fernández, co decreto 22/2012 de 20 de xullo, o Goberno de Rajoy procede a extinguir o ferrocarril tradicional “baixo o disfraz de racionalización”, decisión que afecta a milleiros de persoas, especialmente habitantes do rural.

O parlamentario ourensá recriminou á ministra de Fomento, a pontevedresa Ana Pastor, por ser unha galega a “co – protagonista por acción” do desmantelamento do tren tradicional en Galicia. O “obscurantismo” con que os Goberno populares están a aplicación do real decreto levan a pensar aos socialistas que “se pretende o exterminio do transporte por ferrocarril tradicional”.

Un feito que se produce, continúa o portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, mentres o presidente Feijóo, o conselleiro Hernández e o Goberno galego en xeral se amosan “ausentes, agochados, indiferentes e incluso pasotas” ante unha acción do Goberno do Estado que deixa milleiros de galegos e galegas damnificados, que contemplan como fan “seguidismo complacente” do Goberno do Estado.

Recriminou Fernández a Feijóo que renunciase á defensa do conxunto da cidadanía galega ante un ataque do Goberno popular de Rajoy. Raúl Fernández acusa ao presidente galego de antepoñer os intereses partidistas ao interese da cidadanía galega.

Reprochou tamén ao conselleiro de Medio Ambiente que “abdique das súas responsabilidades de conselleiro de Transportes e subordínase ao ministerio”. Criticou que o “espírito guerreiro” de Agustín Hernández cara o titular do ministerio de Fomento anterior transformouse agora en actitude proactiva, incluso ante decisións lesivas para as galegas e galegos usuarios do ferrocarril que quedan sen transporte público alternativo.

Dixo que o real decreto vulnera os dereitos dos galegos a transporte público e atenta contra os mais humildes, incidindo ademais directamente na vertebración do país e na fixación de poboación no Medio Rural. Tamén serán os seus habitantes os máis prexudicados polas consecuencias da supresión do servizo ferroviario.

“Parece importarlles pouco que as familias dispoñan cada día que pasa de menos recursos”, acusou o deputado socialista, que os cidadáns teñan que pagar os libros, o comedor, que teñan menos becas, menos servizos sanitarios e que paguen as medicinas, ou que os mozos e mozas teñan que emigrar, “non parece suficiente para o Partido Popular”, que agregan, dixo, “unha nova carga para os veciños de aldeas, pobos e vilas”, en referencia á procura dun transporte alternativo.

Apuntou ao decreto “demoledor para Galicia” que, dixo suprime 94 servizos á semana, desaparecen as conexións Ourense – Poboa de Sanabria; Ourense – Monforte e Monforte Ponferrada, afecta a máis de 150.000 galegas e galegos cada ano, aboca ao peche definitivo de 30 estacións, e deixa a outras 21 estacións cunha soa parada ao día, afectando ao 61 por cento das estacións de Galicia.

Apuntou que isto non sucede do mesmo xeito noutras comunidades, xa que en Asturias redúcense 11 servizos/semana, en Cantabria 14, 12 no País Vasco e en Valencia 24. Pero en estas comunidades, salientou, “os responsables do ramo suficientemente valentes que asumiron as competencias do Estatuto e agora se ven menos afectadas por este decreto”, ao contrario que en Galicia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar