Os socialistas din que os orzamentos de Feijoo “consolidan e agravan os recortes sociais de Galicia”

Os socialistas din que os orzamentos de Feijoo “consolidan e agravan os recortes sociais de Galicia”

Os socialistas din que os orzamentos de Feijoo “consolidan e agravan os recortes sociais de Galicia”

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista Abel Losada reclamou hoxe no Pleno de Orzamentos a mobilización dun total de 408,5 millóns de euros para centralos nos servizos sociais e o investimento productivo da nosa Comunidade. Afirma que os orzamentos de Feijoo “recortan as políticas sociais, e non axudan á reactivación económica e a creación de emprego da nosa Comunidade”. E subliñou que para PSdeG-PSOE tanto a cohesión social como a creación de emprego son factores irrenunciables.

Asegura que as contas autonómicas caracterízanse por ser “unha rendición ante a difícil situación económica, renunciando a medidas para contribuír á creación de emprego e non apoiando a sectores económicos en dificultades”.

Replica tamén que os orzamentos da Xunta “consolidan e agravan os recortes para a totalidade dos programas de índole máis social”, e insistiu “Feijoo anuncia con estas cifras peores servicios públicos para o ano 2012”.

Dixo tamén que conteñen “un drástico recorte dos gastos de capital, cun descenso dos investimentos públicos á metade”. A maiores afirma que na nosa Comunidade reduciuse considerablemente “os recursos dedicados á modernización económica de Galicia e ao apoio aos sectores productivos, asistindo ao recorte máis radical da historia da Comunidade Autónoma”. Dixo que Feijoo “renuncia e abandona a loita contra o desemprego co abandono das políticas activas de emprego”.

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista Abel Losada afirma que nos tres orzamentos de Feijoo, dende o ano 2010 a finais de 2012, deixará comprometida unha débeda publica para gobernos futuros, ó redor de 8.000 millóns de euros, case que triplicando o que se atopou cando chegou ao goberno. O que significa “o maior endebedamento público de toda a historia da Autonomía de Galicia en menor tempo”.

Nese senso acusou a Feijoo “de gastar o que non ten”. E aseverou que Galicia “continuará perdendo converxencia con España e Europa, o que amosa a incapacidade de liderazgo a falla de estratexia de Feijoo fronte á actual crise económica”.

Con este escenario Losada asegura que Galicia precisa promover outro orde de prioridades orzamentarios para o 2012. Nese senso subliña que o PSdeG-PSOE propón movementos en partidas orzamentarias por importe global de 408.560.000 euros. Estas cifras entran na Lei 2/2011 de Disciplina Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, xa que se aumenta no teito de gasto non financeiro, en base a un incremento de ingresos, que se sitúa por debaixo do contemplado en dita norma.

No que atinxe as partidas de Benestar reclama 55 millóns de euros, especialmente para o reforzo das axudas concedidas a través da Renda de Integración Social, medidas de inclusión social ou axudas a discapacitados. Tamén propoñen a recuperación do Plan Concertado de prestación de servizos sociais a través dos concellos e a atención aos colectivos mais vulnerables da sociedade.

Outro 25 por cento do total de recursos mobilizado correspondería ás medidas de reactivación económica e o emprego, dos que 55 millóns estarían destinados a medidas de impulso do emprego, nomeadamente á cooperación coas entidades locais e ao fomento do emprego de mozos e mozas e parados de longa duración e en idade avanzada.

Plan de Apoio aos sectores industriais en dificultades

Losada reclama un Plan de Apoio aos sectores industriais en dificultades, como o naval, a construción ou o metal – mecánico cun investimento de 48,3 millóns de euros mais. O 12 por cento das partidas mobilizadas para reactivación económica, en torno a 30 millóns de euros, destinaríanse ao financiamento das corporacións locais, aumentando a participación incondicionada.

Losada explicou que os fondos correspondentes a esta emenda procederían dun aumento de 223 millóns de euros nos ingresos e unha redución de 185 millóns de euros nos gastos. O aumento de recursos procedería de aumentar os tributos ás rendas mais altas a través do IRPF ou do imposto do patrimonio, así como dunha previsión “máis axustada” na recadación efectiva da Xunta.

Así as cousas Losada reclama unha importante redución de gastos superfluos da Xunta “diminuíndo os gastos de gabinete, publicidade e propaganda, os delegados territoriais, os gastos e funcionamentos ordinarios, o sector público autonómico –nomeadamente no axuste de organización do Instituto Galego de Vivenda e Solo e as Xestures-, gastos inmateriais e a redución das partidas para ensino concertado”.

Recortes en educación, sanidade, benestar
Mais polo miúdo Losada acusou a Feijoo de atacar sistematicamente para socavar a sanidade pública, e criticou que orzamento de Sanidade diminúe por terceiro ano consecutivo. Dixo que dende a chegada do Goberno de Feijoo os orzamentos en sanidade diminuíron en 500 millóns de euros.

Sobre educación afirma que “a folla de ruta do PP no sistema educativo en Galicia pasa pola rebaixa das becas, diminución de docentes, concertar centros que segregan por sexo, cesión de terreos a colexios concertados ou de pago, libros de texto cun sistema menos eficiente e mais caro, e a reducción de programas para combater o fracaso escolar”.

No apartado de Benestar “a pesar dos “Power Point”, o gasto social cae na nosa Comunidade “4 veces mais que o orzamento xeral”. Asegura que as persoas afectadas polos atrasos na dependencia aumentaron nun 400% dende a chegada de Feijoo. E denuncia que o Plan Concertado cos concellos para o servicio de Axuda á Domicilio acaba de ser recortado nun 80%, 35 millóns de euros menos para os concellos.

IGAPE
Sobre a reactivación económica e emprego critica que a Xunta vai destinar no próximo ano tan só 44 millóns de euros a subvencións á actividade productiva. Tamén aludiu as “fortísimas caídas no IGAPE, especialmente no financiamento obtido do Banco Europeo de Investimento e o capital risco, que caen un 73% nun ano, neste momento”.

Sobre Igape dixo que o único que non se rebaixa neste ente autonómico “son os imputados e o numero de xefes, que ten un pirámide demográfica que aumenta”. Lembra que de cada 6 traballadores hai un xefe de libre designación “aínda que o Presidente Feijoo asegure que non son altos cargos”, espetou.

Orzamentos mais inclusivos e con mais cohesión social
Tamén cualificou de “burla” a emenda presentada polo Grupo Popular para o RISGA. Dixo que o PSOE non propón rebaixar os impostos ao capital. Por iso asevera que coas emendas do PSOE “podemos facer uns orzamentos mais inclusivos e con mais cohesión social”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar