Os socialistas derrogarán a Lei da Área Metropolitana de Vigo feita por Feijóo "para gobernar a cidade dende fora"

Os socialistas derrogarán a Lei da Área Metropolitana de Vigo feita por Feijóo "para gobernar a cidade dende fora"

Os socialistas derrogarán a Lei da Área Metropolitana de Vigo feita por Feijóo "para gobernar a cidade dende fora"

O cabeza de lista do PSdeG-PSOE pola provincia de Pontevedra, Abel Losada, presentou en Vigo o programa socialista para as próximas eleccións, que inclúe o compromiso de derrogar a Lei da Área Metropolitana, que foi “feita por Feijóo para gobernar Vigo dende fora”. Losada explicou que as propostas socialistas inclúen a reversión do contrato do Hospital de Vigo e a construción da Cidade da Xustiza.

Losada dixo que a Área Metropolitana constitúe “un instrumento político fallido e ineficaz” e anunciou unha Lei “consensuada de verdade e non estar ao servizo do goberno, ten que ser un instrumento ao servizo dos cidadáns”. Reclamou ademais que o novo texto elimine a duplicación de funcións para que “onde haxa Área Metropolitana ten que desaparecer a Deputación”.

O candidato vigués anunciou tamén que o programa socialista inclúe a reversión do contrato coas empresas construtoras do Hospital de Vigo porque “estamos asistindo á construción dun Hospital privado por mais que Feijóo se empeñe en publicitar unha mentira”. Explicou que Feijóo obrigou a pagar 70 millóns de euros durante 20 anos, o que supón un total de 1.400 millóns de euros “e esa é a súa liña de austeridade”.

Tamén anunciou o compromiso de construír a Cidade da Xustiza de Vigo sobre o chan cedido polo concello de Vigo “con custe cero para a Comunidade Autónoma”. Dixo que a obra debe correr a cargo da Xunta, ao igual que no resto das cidades galegas, e puntualizou que “non pode ser que a xustiza acabe sendo pagada polos vigueses e as viguesas”.

O peor presidente

O responsable socialista sinalou que Feijóo “foi o peor presidente da historia de Galicia tamén para a cidade de Vigo” logo dunha “lexislatura perdida cun presidente desaparecido que deu como resultado unha situación económica, social e laboral dramática nesta Comunidade Autónoma”.

Dixo que a súa xestión prexudicou especialmente á industria da cidade e sitúa ao 20 por cento da poboación en risco de pobreza e exclusión social, o que supón “en torno a 60.000 vigueses e viguesas”.

Fronte á “incapacidade manifesta” do goberno galego con “recortes especialmente relevantes en sanidade e educación”, propuxo un proxecto socialista dirixido a “reactivar a economía e a creación de emprego e a blindar os servizos públicos esenciais, como son a sanidade, a educación e a dependencia”.

Caballero

O acto foi presentado hoxe polo presidente da Agrupación de Vigo e alcalde da cidade, Abel Caballero, quen dixo que “Galicia nunca será Galicia si Vigo non é Vigo”, subliñando a “capacidade, podería, nivel de desenvolvemento, potencialidade económica e realidade cultural que a levan a ocupar o corazón central de toda Galicia”.

Caballero salientou a orixe viguesa “de decisión” do cabeza de cartel socialista pola provincia para salientar o “compromiso franco e aberto con Galicia e coa cidade de Vigo”. Dixo que a cidade “ocupa o lugar que lle corresponde no proxecto socialista” para afrontar unhas eleccións autonómicas que suporán un “cambio político que vai marcar o rumbo na acción da Comunidade Autónoma e en Vigo”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar