Os socialistas denuncian que máis da metade das adxudicacións da Xunta en 2013 foron feitas sen publicidade

Os socialistas denuncian que máis da metade das adxudicacións da Xunta en 2013 foron feitas sen publicidade

Os socialistas denuncian que máis da metade das adxudicacións da Xunta en 2013 foron feitas sen publicidade

Méndez Romeu sinala que este procedemento restrinxe a difusión do contrato, impide a competencia e propicia prácticas incorrectas

Acusa ao goberno galego de privatizar os servizos do CHOU cun “contrato chapuceiro de 225 millóns de euros que vén de ser paralizado polo Ministerio de Facenda”

O portavoz do Grupo Socialista denunciou hoxe que mais da metade das adxudicacións concedidas pola Xunta en 2013 foron feitas polo procedemento negociado sen publicidade. O responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Economía do Parlamento na que lle esixe ao goberno que explique o abuso deste procedemento que “propicia prácticas incorrectas”.

Méndez Romeu explicou que, de acordo cos datos do goberno galego, o 53,37 por cento das adxudicacións feitas en 2013 “non foron licitadas mediante anuncio público no DOG”, ademais de outras comunicadas unicamente a través da plataforma de contratación da Xunta, o que supón 213 millóns de euros, “unha contía excesiva”.

Puntualizou que as adxudicacións sen publicidade “superan con moito ás adxudicacións realizadas no eido das obras públicas, que novamente sufriron en 2013 unha drástica caída”. Advertiu que mentres a Xunta tan só adxudicou 67 millóns de euros en obras públicas, a contía dos contratos sen publicidade é un 218 por cento superior.

Méndez Romeu dixo que o capítulo de investimentos reais do goberno galego ascendía a 699 millóns de euros en 2013, si ben finalmente o investimento en obra pública supuxo menos do 10 por cento desta contía, o que revela a “escasa capacidade de investimento da Xunta de Galicia”. Esta cifra revela ademais a “gran cantidade de gastos que se camuflan baixo a rúbrica de investimentos, así como o moi baixo grao de execución”.

Difusión restrinxida

O portavoz socialista acusou ao goberno galego de restrinxir a maior difusión e coñecemento dos contratos, o que impide unha maior competencia e propicia “prácticas incorrectas e alleas a un mellor e mais transparente funcionamento dos poderes públicos autonómicos”.

Na iniciativa socialista, preguntoulle ao goberno galego polo abuso da contratación polo método negociado sen publicidade, ao que se une o uso crecente da publicación unicamente no Diario Oficial da UE, obviando o DOG, ou os procedementos “supostamente abertos pero exclusivamente na plataforma de contratación”.

Contrato chapuceiro

Méndez Romeu presentou o contrato para a privatización dos servizos do Hospital de Ourense como “unha mostra de contrato chapuceiro e de prácticas lesivas para o interese xeral” logo da súa paralización polo Tribunal de Recursos Contractuais do Ministerio de Facenda.

O responsable socialista criticou que o goberno quixera contratar por 225 millóns de euros a limpeza, seguridade, mantemento e subministro de enerxía do centro hospitalario a cambio dun investimento de 14 millóns para realizar o Plan Director. Estas condicións fan imposible de facto que as empresas galegas, mais pequenas, puideran competir pola licitación.

Este foi o motivo polo que o contrato foi recorrido polas empresas de limpeza e a asociación de traballadores de mantemento e a continuación paralizado polo Ministerio, independentemente das denuncias presentadas perante a xustiza ordinaria.

Subliñou que esta práctica “temeraria” por parte da administración pon en risco a concesión dos fondos comunitarios para a dotación tecnolóxica do centro, xa que están condicionados a que a obra estea rematada en 2015.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar