Os socialistas denuncian que Feijóo agochou 21 millóns de euros de gasto farmacéutico en 2012 para trampear o déficit

Os socialistas denuncian que Feijóo agochou 21 millóns de euros de gasto farmacéutico en 2012 para trampear o déficit

Os socialistas denuncian que Feijóo agochou 21 millóns de euros de gasto farmacéutico en 2012 para trampear o déficit

Carmen Acuña amosa o apoio dos socialistas galegos á folga da sanidade pública en contra das privatizacións, os recortes e o ataque aos profesionais

Critica que Feijóo estea “reunido consigo mesmo” mentres toda Galicia sae a protestar contra as políticas da dereita e a demandar emprego

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, denunciou hoxe que Feijóo agochou 21 millóns de euros de gasto farmacéutico en 2012 para trampear o déficit. Acuña presentou hoxe unha interpelación ao goberno galego coa que no Pleno que comeza mañá poñerá enriba da mesa as “trampas contables” do presidente da Xunta.

A responsable socialista explicou que a reclamación de explicacións do Ministerio de Sanidade á Xunta ten “descuberto a trampa” pola que en novembro e decembro de 2012 os colexios farmacéuticos declaraban 30 millóns de euros, mentres o Sergas só declaraba 8, cun desfase de 21 millóns de euros. Dixo que os datos desmenten á conselleira de Sanidade, que diante do Pleno do Parlamento negara esta operación.

Dixo que “fixérono porque buscaban rematar o ano con menos déficit e presumir” de ter reducido o gasto farmacéutico, un 38 por cento en novembro e un 52 por cento en decembro, ata que “agora comprobamos que todo era mentira”. Advertiu que ademais do Ministerio “tamén está alerta a industria farmacéutica”, que ve que segundo os datos do Sergas pagou 1,6 millóns de euros de mais do Fondo de Compensación.

Preguntou “que está preparando Feijóo para este ano” e esixiulle ao presidente da Xunta que “diga a verdade sobre as súas cifras falsas”. Criticou que Feijóo apele á crise para implantar o repago nos medicamentos mentres paga o triplo por construír o Hospital de Vigo a través dunha empresa privada, ou destina 40 millóns de euros para equipamento informático en 2014.

Privatización

Acuña confirmou ademais o voto en contra dos socialistas galegos á Lei de Garantías Sanitarias que será debatida no Pleno do Parlamento de mañá porque “o único que garante é a intención de privatizar a sanidade pública por parte do PP”. Criticou que a Lei estableza un suposto límite de espera na sanidade cando a realidade é que “teñen as listas de espera agochadas”.

A realidade, explicou, é que a Lei supón unha “trampa” cando permite o uso indistinto da sanidade pública, privada e concertada, entre as que o goberno galego repartirá os cartos públicos. Dixo que “queren privatizar por Lei a espera sanitaria”.

Folga

A deputada socialista trasladou hoxe o apoio á folga convocada na sanidade pública para os próximos 9 e 10 de decembro “porque nunca houbo tantas razóns nin motivos como agora para facer folga na sanidade”. Dixo que “basta xa de destrozar os servizos públicos e de recortar os dereitos”.

Amosou o apoio dos socialistas galegos ao “non ás privatizacións, non aos recortes, non ao ataque emprendido contra os profesionais da sanidade, que son a peza clave do sistema sanitario público”. Acuña reclamou “universalidade, equidade, gratuidade e a calidade que tiña e que queremos repor nun Sistema Sanitario Público con maiúsculas”.

Advertiu que mentres os galegos estiveron esta fin de semana protestando nas rúas “pedindo xustiza e pedindo traballo” no PP estaban “xuntiños, reunidos consigo mesmos, agochados, solos e falando do seu, sen ofrecer nin unha soa solución aos problemas reais de Galicia”.

En resposta ao anuncio de pacto global co PSOE que trasladou Feijóo, respondeu que “os socialistas xa temos asinado un pacto coa cidadanía pola defensa dos servizos públicos”. Ante as alusións de Feijóo ao gasto, dixo que “o que resultou caro é un partido que leva financiándose ilegalmente os últimos 20 anos e utiliza cartos públicos para beneficiar ás empresas de amigos” en alusión ao auto xudicial que apunta indicios de financiamento irregular no PP.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar