Os socialistas denuncian o veto do PP ás comparecencias de Feijóo e a conselleira do Mar para dar conta diante do Parlamento da política laboral e da situación de Pescanova

Os socialistas denuncian o veto do PP ás comparecencias de Feijóo e a conselleira do Mar para dar conta diante do Parlamento da política laboral e da situación de Pescanova

Os socialistas denuncian o veto do PP ás comparecencias de Feijóo e a conselleira do Mar para dar conta diante do Parlamento da política laboral e da situación de Pescanova

José Luis Méndez censura a “fuxida permanente da realidade” por parte do presidente da Xunta, que leva “cinco anos sen resultados” positivos para o emprego en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, denunciou hoxe o veto do PP ás comparecencias de Feijóo e a conselleira do Mar solicitadas polo PSdeG para dar conta diante do Parlamento da política laboral e da situación de Pescanova. Así o dixo logo dunha Xunta de Portavoces na que o grupo maioritario volveu impoñer o rolo parlamentario para frear o control ao goberno.

O responsable socialista advirte que o PP está a negar sistematicamente as comparecencias do presidente da Xunta solicitadas polos socialistas galegos en tódalas xuntas de portavoces. Advertiu que os socialistas continúan sen embargo presentando estas peticións “coa mesma teima coa que o goberno se nega a comparecer a petición da oposición ou por iniciativa propia”.

Advertiulle ao PP que o único que están a facer é amparar a “fuxida permanente da realidade” dun presidente do goberno que leva cinco anos sen tomar unha soa decisión que dea resultados para mellorar a situación do mercado laboral galego.

Tamén foi rexeitada a comparecencia da conselleira do Mar para dar conta das “noticias preocupantes e a inestabilidade” que están a xerar as decisións da dirección de Pescanova, unha empresa “que Feijóo consideraba modélica e para a que esixía un tratamento singular”.

A situación da pesca galega será debatida no Pleno a través dunha moción na que os socialistas reclaman a modificación dos criterios de reparto da cota de xarda e xurel e que a Xunta se implique no cambio do modelo de sancións da UE, que suporía 7.000 toneladas de pesca adicionais para a flota galega.

Méndez Romeu elevou á Xunta de Portavoces a protesta formal dos socialistas galegos por que o Parlamento admitira o trámite polo procedemento de urxencia da Lei de Réxime Local malia as “graves carencias documentais”. Criticou o “desprezo polo procedemento” amosado polo goberno galego, que traslada un texto lexislativo sen información nin os documentos requiridos para este tipo de documentos.

Ademais, advertiu, tratase dunha norma que “lonxe de clarexar as competencias dos concellos, introduce criterios de confusión” sobre a prestación de servizos á cidadanía, unha situación que explica a “conveniencia dunha tramitación normal” que respecte os prazos habituais e non o debate – express que quere o goberno galego.

Naufraxio

O portavoz socialista comezou a súa intervención trasladando as condolencias do Grupo Socialista ás familias e compañeiros das vítimas do naufraxio rexistrado esta madrugada en Vigo, que ademais “castiga a unha confraría” que vén de sufrir recentemente un suceso semellante.

A continuación explicou as iniciativas que os socialistas galegos levarán ao próximo Pleno do Parlamento, no que utilizará a sesión de control ao presidente da Xunta para reclamarlle a Feijóo que dea conta dos incumprimentos dos seus compromisos no goberno galego.

En materia económica, os socialistas presentarán unha proposición non de Lei para reclamar a devolución do recadado irregularmente aos transportistas galegos en concepto do imposto aos carburantes coñecido como “céntimo sanitario”. Ademais, explicou, a iniciativa inclúe a proposta de aplicación dun Plan Renove para o transporte pesado que permita modernizar o parque móbil galego.

Finalmente, o PSdeG preguntaralle ao goberno galego pola situación dos traballadores de Sintel, aos que a Xunta adebeda as cotizacións dende o ano 2010. En materia social, o Pleno incorporará unha moción presentada polo Grupo Socialista en contra da privatización da esterilización de material sanitario iniciada polo goberno de Feijóo e do decreto de áreas de xestión clínica.

Tamén levarán unha interpelación sobre os recortes do goberno galego nas políticas de inclusión de Galicia. Méndez Romeu lembrou o malestar amosado polo Executivo diante do informe de Cáritas, baseadas en que está baseado en estatísticas, e puntualizou que “é certo, está baseado nas estatísticas oficiais” que constatan o elevado número de persoas con problemas “moi serios”, que contradín o discurso oficial sobre a recuperación económica.

A sesión plenaria incorporará tamén unha proposición non de Lei contra a privatización do rexistro civil por parte da Xunta e unha pregunta sobre a retirada inxustificada do helicóptero de Salvamento Marítimo da súa base en Cee por parte do goberno galego.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar