Os socialistas denuncian o veto do PP á comparecencia de Feijóo para dar conta do seu fracaso na loita contra o desemprego

Os socialistas denuncian o veto do PP á comparecencia de Feijóo para dar conta do seu fracaso na loita contra o desemprego

Os socialistas denuncian o veto do PP á comparecencia de Feijóo para dar conta do seu fracaso na loita contra o desemprego

Méndez Romeu insta ao presidente da Xunta a “recoñecer o seu fracaso e comparecer no Parlamento para presentar medidas de reactivación da economía e creación de emprego”

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, lamentou hoxe o veto á comparecencia do presidente da Xunta para dar conta do fracaso na loita contra o paro. Logo da Xunta de Portavoces que acordou a orde do día do próximo Pleno, esixiulle a Feijóo “que recoñeza o seu fracaso e compareza na Cámara para presentar e acordar medidas de impulso da economía e loita contra o desemprego”.

Méndez Romeu advertiu que o presidente mantén o veto á súa comparecencia diante do Parlamento -que os socialistas están reclamando en cada Xunta de Portavoces dende que comezou a lexislatura- logo de confirmarse hoxe un novo récord nas cifras do desemprego en Galicia. Criticou que o presidente da Xunta “négase a escoitar” fronte a un problema “moi grave” para a economía e as familias galegas.

O responsable socialista instou a Feijóo a escoitar e aceptar a proposta do secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, para acordar medidas que permitan a recuperación económica e superar así o drama do desemprego. Advertiu que o aumento do desemprego en Galicia, de acordo cos datos coñecidos hoxe, supera en once veces á media nacional.

Sinalou que a xestión de Feijóo provocou en Galicia 134.000 parados mais que na súa chegada ao goberno en 2009 e 33.000 mais que cando tomou posesión nesta última lexislatura. Galicia ten hoxe os peores datos de desemprego do Estado, con mais de 600.000 fogares con tódolos seus membros en paro.

Ademais, explicou, Galicia ten 185.700 ocupados menos que hai 5 anos, e 65.000 menos que hai ano e medio, mentres a Xunta “pon en marcha ao seu servizo de intoxicación para facer fincapé nas cifras de paro rexistrado fronte á EPA” mentres o PP argumenta que a comparecencia de Feijóo no Parlamento é “innecesaria”.

Esperpento

Méndez Romeu explicou que tampouco foi aceptada a comparecencia do presidente da Xunta para dar conta da “esperpéntica supresión dos partidos xudiciais” en Galicia. Sinalou que mentres Rajoy e Gallardón queren eliminar 41 dos 45 partidos xudiciais, Feijóo confórmase con que desaparezan 38 e o PP está votando nos concellos e deputacións de Galicia que non se elimine ningún.

Sinalou ademais que o PP tamén rexeitou a constitución dunha Comisión de Estudo sobre o financiamento autonómico, para debater e acordar os criterios cos que o goberno galego afronta o debate que comezará en breve. Advertiu que Feijóo tampouco tivo a ben explicar a súa posición nunha Cámara autonómica que a maioría do PP fai “camiñar de xeito sumiso en función dos seus intereses e non nos da Comunidade Autónoma”.

Lei do Solo

Sinalou que o próximo Pleno comezará co debate das conclusións da Comisión de Estudo sobre a Lei do Solo de Galicia coa oposición do Grupo Socialista, que presentou un texto alternativo “porque consideramos que non se recollen algúns aspectos nucleares do que debe ser a futura política do solo de Galicia”.

Texto alternativo, en contra das conclusións da Comisión, porque consideramos que non se recollen algúns aspectos nucleares do que debe ser futura política do solo, para encetar unha Lei “presidida por unhas conclusións desa Comisión mais sólidas”.

Advertiu que do contrario o goberno arríscase a que pase como coa Lei de 2002, que malia un alto grao de consenso foi modificada en 10 ocasións, ademais das reinterpretacións do goberno “deu lugar a casos como o da Estrada, Barreiros, Sanxenxo ou Miño”.

Pregunta ao presidente

Méndez Romeu anunciou que a pregunta dos socialistas galegos na sesión de control ao presidente centrarase nas relacións da Xunta co goberno central. Ademais, o Pleno incluirá dúas mocións do Grupo Socialista para reclamar a retirada do decreto das áreas de xestión clínica e para manter os partidos xudiciais, derrogar as taxas xudiciais e manter o carácter público dos rexistros civís.

Tamén incluirá dúas proposicións non de Lei sobre os recortes ao I+D+i por parte da Xunta, e para manter o IVE superreducido ás perruquerías, fronte ao incremento de 13 puntos que vén de decretar o goberno. Tamén será incluída unha interpelación sobre os contratos lácteos que o sector está a asinar “en fraude de Lei” por poucos meses sen ter provocado reacción algunha por parte da Xunta.

Finalmente, o goberno galego deberá responder a dúas preguntas orais sobre “a situación incriblemente lamentable e catastrófica de Ferrol e comarca, onde o número de parados supera xa ao de ocupados” e sobre a privatización encuberta do castelo de Monterrei, en Pontevedra.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar