Os socialistas denuncian “o estado de abandono no que se atopa o patrimonio galego” e demandan un plan de protección dos Bens de Interese Cultural

Os socialistas denuncian “o estado de abandono no que se atopa o patrimonio galego” e demandan un plan de protección dos Bens de Interese Cultural

Os socialistas denuncian “o estado de abandono no que se atopa o patrimonio galego” e demandan un plan de protección dos Bens de Interese Cultural

Os socialistas galegos denunciaron no pleno de Parlamento “o estado de abandono no que se atopa boa parte do patrimonio cultural de Galicia” e demandaron un plan de protección dos Bens de Interese Cultural (BIC).

Na defensa dunha proposición non de lei rexeitada polo PP, o portavoz de Cultura do PSdeG, Emilio Vázquez, lembrou que “a diferenza de gran parte dos bens naturais, todos os bens de patrimonio cultural son recursos non renovables; é alí onde radica a responsabilidade de asegurar a preservación da nosa herdanza cultural”.

O deputado socialista afirmou que “as bases dunha estratexia de conservación do patrimonio cultural deben estar apoiadas” en catro prioridades: “definición de políticas e actualización da lexislación; construción de capacidade institucional e organizacional; a participación da sociedade civil en apoio ás tarefas de conservación do patrimonio, e o subministro de información por parte do Goberno”.

A iniciativa socialista “ten como obxectivo protexer e salvagardar o noso patrimonio cultural”, xa que, como manifestou Emilio Vázquez, “o 30 % dos bens declarados BIC xa non existen ou se atopan nunha situación de grave risco”.

“O que acontece é que para unha parte importante destes bens, o feito de ter esta consideración, non significa máis ca aparecer no listado que se pode descargar da páxina web da Xunta e cando un intenta ir visitalos, se atopa con que xa nin existe ou nin sequera hai unha sinalización”, engadiu.

“A resposta da Xunta de Galicia ante esta situación, sempre foi a mesma, o desleixo, e para confirmalo non temos máis que ver a política do Goberno galego, reflectida nos orzamentos; na partida dedicada á protección do patrimonio artístico, histórico e cultural, o investimento pasou de 22.168.494 de euros no ano 2009, a 12.834.588 de euros que ten consignado para este 2016”, afirmou.

Por estes motivos, o grupo socialista solicitou “unha comisión integrada por persoas expertas para que, no prazo máximo de seis meses, emita un informe sobre o estado de conservación no que se atopan os diversos bens catalogados como de interese cultural, e despois disto, elaborar un plan programado de actuacións destinado a protexer e salvagardar ese patrimonio cultural”.

“Non temos un problema de regulación, por tanto non temos un problema normativo, temos un problema de política patrimonial, de interese, de proxecto, de iniciativa, de compromiso e por suposto de orzamento”, rematou Emilio Vázquez.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar