Os socialistas demandan un “convenio marco para os bombeiros de Galicia” e esixen ao PP que “cumpra a lei de emerxencias” vixente desde 2007

Os socialistas demandan un “convenio marco para os bombeiros de Galicia” e esixen ao PP que “cumpra a lei de emerxencias” vixente desde 2007

Os socialistas galegos demandaron hoxe no pleno do Parlamento un “convenio marco para regular as condicións laborais dos bombeiros de Galicia e a aprobación do Estatuto do bombeiro no prazo máximo dun ano”.

Na presentación nunha proposición non de lei rexeitada polo PP, a deputada socialista Beatriz Sestayo asegurou que “a Lei de Emerxencias de Galicia foi aprobada polo Goberno de Emilio Pérez Touriño en 2007, co fin de coordinar as accións e operativos destinados a garantir a seguridade das persoas e os bens, así como regular as emerxencias de forma planificada e profesionalizada”.

“Lamentablemente, a entrada no Goberno de Núñez Feijóo supuxo unha paralización no desenvolvemento da Lei, así como a implantación do caos na prevención e resposta ás emerxencias”, lamentou Sestayo, que esixiu ao Partido Popular o cumprimento da normativa vixente.

“Lonxe de avanzar na coordinación establecida na Lei, o Goberno do PP foi quen de promover o caos a través dos diferentes operativos existentes e fomentar a privatización dos corpos de bombeiros, carentes de ningún tipo de homologación entre si”, manifestou a socialista.

En opinión de Sestayo, “a diferenza entre parques públicos e privado e a súa descoordinación, os conflitos laborais xurdidos nos parques privados a consecuencia da precariedade das condicións laborais promovidas ou consentidas pola Xunta e a pésima xestión dos recursos existentes son, entre outras, notas características dunha pésima política de emerxencias”.

“Hai cuestións claves a desenvolver, como o Estatuto de bombeiro co fin de regular as condicións mínimas do exercicio e a competencia profesional dos bombeiros, pero están absoluta e concienciadamente paralizadas polo Goberno de Feijóo”, engadiu.

Sestayo rematou lamentando que “os profesionais dos parques privados non puideron conseguir sequera a negociación dun convenio marco que, polo menos, e como paso previo, homologue aos profesionais que están incursos nesa situación”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar