Os socialistas demandan diálogo sobre paro, pobreza e desigualdade

Os socialistas demandan diálogo sobre paro, pobreza e desigualdade

Os socialistas demandan diálogo sobre paro, pobreza e desigualdade

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, propuxo unha serie de grandes acordos ao goberno galego centrados na loita contra o paro, a diminución da pobreza e a reversión da desigualdade social que están a provocar as políticas de Feijóo e da dereita en España e Galicia.

O responsable socialista replicou aos anuncios de recuperación de Feijóo sinalando que "só poderemos falar de recuperación cando os dereitos sociais sexan recuperados, os servizos públicos volvan á normalidae, o poder adquisitivo das persoas permita un nivel de vida digno, cando os que tiveron que marchar poidan retornar, cando entrar no paro non signifique unha condena e cando o ensino e a saúde volvan a estar baseado na igualdade".

INTERVENCIÓN DE JOSÉ LUIS MÉNDEZ ROMEU NO DEBATE DO ESTADO DA AUTONOMÍA

I- ONDE ESTAMOS

A Comunidade Autónoma existe para cumplir dous obxectivos. En primeiro lugar, defender a identidade de Galicia e dos seus intereses; en segundo lugar promover a solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego. Asi consta no primeiro artigo do Estatuto de Autonomía. Hoxe examinamos como cumple vostede esas metas. En relación co ano anterior e cos cinco anos que leva no Goberno.

Para este Grupo os problemas principais deste país son o paro, a pobreza e a desigualdade. Con vostede, os tres problemas aumentan día a día e afectan á inmensa maioría dos cidadáns. Sen embargo, non son as prioridades da Xunta. O demostran coas políticas, cos orzamentos, cos resultados, mesmo cos xestos.

Cando debe elixir, antes actúa como presidente do seu partido que como Presidente de tódolos galegos. Afronta os problemas do país mirando para os seus intereses electorais. Reiteradamente coloca a este país como unha filial da Moncloa ou da rúa Génova, esquecendo as necesidades propias. Faino co financiamento da autonomía perdendo recursos imprescindibles, polos intereses electorais do PP. Faino co mapa xudicial onde vostede aceptaba sete partidos xudiciais, o taxazo e a privatización dos rexistros civís. Faino con Navantia, defendendo os intereses do PP en Cádiz antes que cumprir a lo menos unha promesa en Ferrol. Faino co sector eólico liquidado sen discutir alternativas, co sector agrario, etc.

Nos anteriores debates da autonomía, as súas propostas principais foron:

2010. Concurso eólico, non subir o IVE,
2011. Control da débeda, lei do solo.
2012. Fusión de concellos
2013. Crecemento solidario que non esqueza a ninguén

Non cumpriron ningunha. Hoxe vostede propón mellorar a transparencia, con medidas que rexeitaron hai poucas semanas cando as propuxo este Grupo. Propón un plan de emprego xuvenil que rexeitou hai un ano. Un plan para desempregados sen cuantificar. Un plan de reindustrialización prometido dende 2011, sen recursos e unha Lei do Solo sen acordo. Non podemos acreditar en compromisos tan incumpridos.

Dicía Churchill, e por tanto a cita pode ser apócrifa, que as estatísticas convenientemente torturadas poden dicir calquera cousa. Esta maña vostede fixo un alarde de tortura estatística. Dende a renda, que aumenta polo efecto estatístico da ampliación europea, ata os datos de I+D que baixan moito, o factor demográfico na negociación co estado, vixente dende hai 25 anos, o optimismo industrial cando baixan empregos e produción, os equipamentos sociais onde estamos por baixo da media española.

España é o país onde máis aumentan as distancias entre ricos e pobres. Tamén onde mais baixan os salarios. No último ano os 7000 galegos máis ricos incrementaron o seu patrimonio en 4800 m€, equivalentes ó 9% do PIB. Esa situación é un aldraxe para os 280.000 parados, para os 7000 perceptores da RISGA que viven con 400 euros, para os pensionistas, para os que viven co salario mínimo ou menos. É demoledor para as clases medias empobrecidas, desmoralizador para a xuventude.

II- A IDEOLOXÍA CONSERVADORA FRACASA CONTRA A CRISE

Para facer fronte á crise, aplicaron políticas de axuste fiscal e devaluación salarial. Dous coñecidos catedráticos galegos, Antón Costas e Xosé Carlos Arias, que as estudaron a fondo, as cualifican de ideolóxicas, literalmente de suicidio económico. En contraste con Estados Unidos onde políticas de estímulo da demanda tiveron resultados favorables.

Non resolveron o problema máis grave, a débeda, que non cesa de medrar. Nin resolveron a crise bancaria. A liquidez inxectada polo BCE recuperouna como depósitos dos bancos, sen repercusión na economía ou no crédito. Diante dunha nova depresión, con riscos de deflación ou estancamento prolongado, o BCE pide incrementar a inflación, como fixo Estados Unidos. Mesmo Alemaña e o FMI inician timidamente outro discurso: investimentos públicos, emprego xuvenil, crecemento. E a Xunta?

Vostede citou a Roosvelt, que aplicou a receita dun ilustre conservador, Keynes, para saír da crise, era que o sector público ceibara a bomba da actividade. O PP despreza as ensinanzas da historia. Querían unha fonda desigualdade no reparto de cargas en beneficio das grandes rendas e patrimonios. Reduciron áreas do Estado de Benestar como sanidade, educación, formación laboral, investigación, fundamentais para o crecemento da economía a longo prazo e nas que unha longa interrupción provoca danos irreparables. Hoxe temos a débeda multiplicada, o consumo paralizado e o desemprego de longo prazo consolidado.

Non podemos competir exclusivamente en custos salariais. Necesitamos crecemento diferencial, acurtar distancias en capital humano, innovación, tamaño das empresas, custos enerxéticos, acceso ó crédito. Un exemplo, en Galicia o 42 % da poboación activa e o 54% dos parados, ten baixa cualificación fronte ó 15% dos principais países.

Vostede leva cinco anos e anota 121.600 desempregados máis que no 2009, deles 20.300 na actual lexislatura. Con peores taxas de emprego e de actividade que España. Con 177000 ocupados menos. A décima parte das familias, 93700, teñen a tódolos seus membros no paro. Traballan menos persoas, con salarios menores e precarización escandalosa.

O mínimo descenso do paro rexistrado non pode sustentarse en contratos temporais a tempo parcial. Mesmo nos meses do verán, Galicia estivo por debaixo da media española na afiliación á seguridade social con respecto ao ano pasado. O plus de resistencia que tivemos no pasado é hoxe un plus de febleza. Con vostede, mes a mes, estamos distanciándonos de España.

Por enésima vez, pedimos hoxe unha política activa contra o paro. Fágolle unha proposta: utilizar os novos recursos comunitarios e recuperar os recursos propios que vostedes reduciron, 400 millóns de euros en total, para crear 50.000 novos postos de traballo en dous anos, especialmente dirixidos a parados de longa duración, así como mozos e mulleres e promovendo o retorno dos que tiveron que emigrar.

INDUSTRIA

Perdemos 60.000 empregos industriais un de cada catro e seguimos sen un Plan de reindustrialización, prometido na Lei 13/2011, nin investimentos novos nin captación de capitais. Propón mobilizar 500 millóns de euros, pero no orzamento non figura nin un euro.

Baixaron a investigación a niveis de Turquía e Ucraína, en dirección contraria ás comunidades competitivas, reducindo proxectos, investigadores e masa crítica, algo que non se recupera facilmente.

Liquidaron o sector eólico, coa suspensión de primas e a penalización retroactiva das instalacións anteriores a 2004. O concurso eólico está paralizado. Segundo as empresas, nin os parques serán construídos, nin os proxectos industriais asociados, serán desenvolvidos. Non haberá 14.000 empregos novos, nin 6.000 millóns de euros en investimento, nin ingresos por canon eólico e alugamento de terras. No ano 2013, Galicia só instalou o 2% dos MW eólicos de España.

A construción naval baixou un 80% en tonelaxe e rebosa promesas incumpridas. O dique flotante irrenunciable co goberno Zapatero, agora é prescindible. Os compromisos de PEMEX, tan publicitados, cada día menguan. Prometeron 38 barcos e haberá un trozo de buque en Ferrol. E agora critica a Navantia. Debemos entender que non fala co Presidente Rajoy?. Navantia resume dúas características da súa Presidencia: a cativa influencia que ten en Madrid e a falta de credibilidade das súas promesas.

Na actual lexislatura, o IGAPE non concedeu ningún préstamo e só nove avais. O orzamento baixou un 75%, de 345 millóns en 2010 a 82 millóns de euros neste ano. As axudas teñen mínima incidencia pola baixa contía. As empresas reclama máis axilidade e menos burocracia. Na captación de investimento estranxeiro subliñemos a irrelevancia de Galicia. Como na captación de talento. E sobre a balanza comercial, lémbrolle que en termos do PIB, é negativa.

AGRICULTURA

Hoxe a prensa informa de que lideramos o leite máis barato de Europa. 33 céntimos e contratos de tres meses na maioría das explotacións. A industria anuncia unha nova baixada unilateral. Cando os prezos estaban altos, demandamos aproveitar a conxuntura para estabilizalos. Rexeitaron tódalas propostas. Mudou o mercado internacional e volvemos á casilla de saída. Neste último ano da cota láctea, os gandeiros teñen dúas alternativas, ou pagar multa ou alugar cota a 7 céntimos/litro. O sector lácteo ten hoxe os mesmos problemas estruturais que hai cinco anos.

Estamos na vendima. Non hai ningún contrato asinado, ningunha negociación entre produtores e adegas. Os viticultores entregan a uva sen prezo e sen garantía de cobro, en contra das previsións da Lei de Mellora da cadea alimentaria.

Falta peso político diante do Ministerio e liderado nos sectores que nos afectan. Na Lei de cadea alimentaria, no Decreto regulador do paquete lácteo e no reparto da reserva nacional de cota láctea, o Ministerio decidiu en contra de Galicia. Non son quen a convencer? Falta diálogo con outras Comunidades?

A mobilidade de terras agrarias resta competitividade das nosas explotacións. Seguimos á cola en Superficie Agraria Útil, a pesares do crecente abandono de terras.

A única política forestal segue sendo producir para pasta de papel. A valorización da nosa madeira é nula. Lideramos a produción de madeira, de menor calidade e prezo máis baixo.

En medio rural semella que o goberno é o problema. Non hai iniciativas pero sobran obstáculos como:

• Nas axudas da PAC, denegando os pastos arbustivos
• Denegación maioritaria dos Plans de Mellora e Modernización de explotacións por discrepancias entre Consellerías logo de que os solicitantes asumiron investimentos.
• Inexistencia de interlocución sistemática cos sectores: avicultura, cunicultura, vacún de carne, etc

PESCA

Con vostede perdéronse 4.400 traballadores no Réxime Especial do Mar. Os problemas existentes como a falla de cotas ou o reparto discriminatorio, non se resolven. Temos barcos excluídos dos acordos pesqueiros con terceiros países como Mauritania, ou baixo condicións insostibles, como en Marrocos. A Unión Europea ameaza prohibir a pesca de arrastre. A Xunta, non está.

Na acuicultura nin un metro cadrado de actuación. O mexillón, dous anos en crise con peches continuados por toxina e proliferación de alertas alimentarias. A Xunta non amosa interese en fomentar a DOP e recorta os orzamentos para investigación.

Baixura e marisqueo, abandono total. Nun ano catastrófico pola sucesión de temporais a Xunta negouse a adoptar medidas paliativas. Os ingresos dos mariscadores están arredor de 450 €/mes. Aumenta o furtivismo pero retrasan as axudas as Confrarías que asumen as vixilancias.

Privatizaron os Gardacostas, suprimiron o Seguro do Mal Tempo, e a póliza colectiva de accidentes, consecuencias:

a) Tempos de resposta ós accidentes no mar cada vez máis tardíos e dispositivos de rescate máis descoordenados
b) Os temporais destrúen as economías familiares que antes paliaba o seguro
c) As familias das vítimas quedan desprotexidas

A conselleira non está neses problemas. Está ocupada regulando minuciosamente o seu propio uniforme de gala, que, para asombro dos seus subordinados, lucirá “tripla galón dourado sobre entorchado de 33 mm”. Dicía Bonaparte que do sublime ó ridículo non hai máis cun paso. Sr. Presidente si vostede non é quen de facer unha política sublime a lo menos evite o ridículo.

INVESTIMENTO PÚBLICO

A principal Consellería investidora é hoxe irrelevante. En vivenda social, a Xunta no 2009 executaban 56 millóns de euros, hoxe 1,5 millóns de euros. Paralizado o Plan Nacional de Vivenda. 500 vivendas públicas, dispoñibles para desafiuzamentos, ocupadas 33 pero 12000 galegos foron desafiuzados. Vostede, insensible.

Solo industrial, a Xunta dispón de 960 parcelas que totalizan 2,8 millóns de metros cadrados, ademais do porto seco de Monforte e dos tres millóns de metros cadrados da PLISAN de Salvaterra, onde so medra a herba. Fixeron un Plan é só colocaron o 4 por cento das parcelas.

Modelo de residuos, insostible medioambientalmente e baseado no engano ós centos de miles de fogares que clasifican o lixo para que logo sexa incinerado ou soterrado indistintamente e baixo tarifas abusivas. En urbanismo nin un so dos plans previstos na directrices de ordenación territorial está en vigor. Anuncia unha nova lei cos mesmos obxectivos que a anterior. Pensa que resolverá o desenvolvemento rural?

FINANZAS PÚBLICAS

Reduciron o gasto público en máis de 1.100 millóns de euros anuais. Rexeitaron subir impostos ás rendas ou patrimonios mais altos e xeneralizaron taxas e repagos. Hoxe pagamos máis por menos. Máis pagos, menos servizos. Anuncian unha reforma fiscal que favorece abertamente ás rendas máis elevadas. O ano pasado anunciou unha raquítica baixada de impostos. Un ano despois, pode explicarlle aos galegos en que mellorou a súa calidade de vida? é vostede capaz de dicirlles que agora teñen máis diñeiro? que de verdade pagan menos impostos?

Voltaire, definía a arte de gobernar como despoxar da maior cantidade posible de diñeiro a unha clase de cidadáns, para transferila a outra. Vostede segue ese precepto cínico, en favor dos ricos. Para a minoría rica, amnistía fiscal, inxusta e indecente. Quen defraudou, regulariza a prezo simbólico.

No 2009 a débeda representaba o 6,8 por cento do PIB, hoxe o 17,1 por cento. O custo pasou do 4 por cento do orzamento ó 20 % e no ano 2015 chegará a 10.500 millóns de euros, máis outros 3.000 millóns de endebedamento con empresas. É difícil falar de solvencia. Si hai deflación, será imposible reducila. A maioría das CCAA se financian en mellores condicións que Galicia. Dos novos 5.700 millóns de euros dispoñibles recibiremos 122 millóns de euros, o 2 por cento dese total. Foi mala negociación ou falta de peso político de vostede?

Sr. Presidente, non é a primeira vez que lle reclamo eficiencia no goberno. Vostede, distraído en asuntos de partido ou de promoción persoal, descoida esixir do Goberno e dos altos cargos, mellores resultados. Nos últimos tres exercicios orzamentarios deixaron sen executar un de cada tres euros de gasto produtivo, 2.072 millóns de euros. E imos a peor. No ano corrente está sen executar o 82%. E con prioridades erróneas, exemplo, cen millóns de euros en informática da administración, cero euros en vivenda social, que crea emprego.

Aceptaron adiar o novo financiamento autonómico, resignándose a menos recursos para os anos inmediatos. Clamaban contra modelo cando gobernaba Zapatero e chegado o momento, deciden prorrogalo. Non queren consensuar no Parlamento as necesidades financieiras coa axuda de expertos. Aceptan que o Estado minore as subvencións finalistas nun 60%. Con Zapatero, eran 570 millóns de euros ao ano, con Rajoy 224 millóns.

Seguimos preocupados con Abanca. O FROB vendeuna por mil millóns de euros. Un ano máis tarde, os auditores indican que vale máis do dobre. Non ten nada que explicar?. As retribucións dos membros do Consello de Administración son de 600.000 euros anuais. As perdas da banca sufragadas polos cidadáns cos seus impostos, os beneficios privatizados para uns poucos, o crédito pechado. E a Xunta entrega o monopolio da antigua obra social das Caixas a unha empresa, vetando de facto a presenza doutras. Como veta a esixencia de responsabilidades na esquecida comisión parlamentaria de investigación.

III- ESTADO DE BENESTAR EN LIQUIDACIÓN

SANIDADE

O sistema de saúde era modélico. Era universal, equitativo e gratuíto, baseado nunha rede de establecementos públicos e no carácter subsidiario da asistencia privada mediante concerto. A presión progresiva de intereses mercantís, está alterando eses principios. A universalidade está cuestionada e a gratuidade quebrada coas taxas e copagos xeneralizados. A saúde comenza a ser un ben de consumo.

A presión empresarial está modificando a relación entre o sector público e o sector privado sendo o novo Hospital de Vigo o exemplo. Asistencia clínica pública prestada en instalacións privatizadas, con tódolos servizos tamén privados, obrigando a un novo modelo de relacións asistenciais onde os facultativos terán que negociar con outros axentes as condicións da prestación.

Descapitalizan a sanidade pública. Eliminaron 460 millóns de euros e 2.000 postos de traballo. Pecharon definitivamente 275 camas hospitalarias. Paralelamente sustraen do sector público en beneficio da mercantilización, dende a investigación ata a historia clínica confidencial dos pacientes, pasando por tódolos aspectos tecnolóxicos e distintos procesos de apoio. Porfían en fórmulas de xestión e retribución rexeitadas polos profesionais. Retroceden en Saúde mental, planificación familiar, atención de toxicomanías, mesmo na vacinación dos menores, recortan nos hospitais comarcais. Cada vez que falan de racionalizar, prodúcese un deterioro. Exemplo, a central de compras, tamén privatizada, ten derivado en escaseza de material sanitario e abondosas queixas por retrasos e peor calidade.

Non falarei do retroceso das listas de espera. Nin degradarei este debate, co nepotismo da Sra. conselleira amparada pola Presidencia. Un último exemplo do desastre que promoven. Un neno ourensá vai recibir un tratamento médico por petición da Raíña. Os dereitos pisoteados para que volva o peor do caciquismo paternalista. Vostede está destruíndo unha conquista de toda a sociedade. A maioría política non lle da ningún dereito a facelo

Nos últimos 35 anos, o PP non quixo pactar ningunha norma educativa, sempre opostos a medidas igualitarias. É opinable a Educación para a Cidadanía. Pero non é opinable a evidencia internacional sobre a igualdade de oportunidades. Coa LOMCE insisten en modelos fracasados como a segregación temperá mediante probas reválidas ou vías mortas como a Formación Profesional Básica, que xa fracasou en 1970. Unha vía improvisada, sen recursos co único fin de maquillar as elevadas taxas de abandono. Teñan honestidade e díganlle a eses estudantes que serán o batallón de reserva laboral para empregos de mínima cualificación e alta rotación.

Coa segregación temperá e irreversible e a redución da contía das becas, volve a discriminación social pola orixe familiar, renda e capital cultural. Un teito de cristal inexorable para os menos acomodados.

A Xunta menospreza a excelencia no ensino. Os resultados PISA, aceptables globalmente, son preocupantes nos niveis máis altos. Por exemplo en Matemáticas. Non parece existir preocupación na Consellería. Como non existe preocupación diante do retraso ou fracaso escolar. Aos 15 anos, nove puntos maior que no País Vasco por exemplo. Hai algunha explicación alén da redución de profesorado e de medios?. Eliminaron mil douscentos profesores, suprimiron 400 millóns de euros, reduciron as axudas para libros e os recursos dos centros educativos.

O financiamento universitario, retrocedeu nove anos. Por exemplo a Universidade de Santiago perdeu 180 millóns de euros. Suprimiron 500 profesores e eliminaron investigadores. A contía das becas baixou.

A Xunta ignora a cultura. Pasou a ser un departamento decorativo. Industrias culturais e audiovisuais abandonados, creadores ignorados, patrimonio limitado ó eclesiástico, lingua silenciada, bibliotecas sen recursos. Nunca na historia da autonomía a cultura recibiu menos atención.

DESIGUALDADE SOCIAL E POBREZA

A depauperación da sociedade galega se resume nunha cifra: 534 millóns de euros retirados dos orzamentos. Non existe unha rede asistencial privada que poida suplir a retirada dos poderes públicos. O esforzo benemérito de organizacións relixiosas ou laicas, que no último ano atenderon a 450.000 persoas, representa un oasis nunha paisaxe catastrófica. Unha sociedade igualitaria reclama unha rede pública que garanta a equidade e universalidade no acceso.

Sr. Feijoo, regresan o peor do noso pasado, volta a pobreza. Esta sociedade non pode tolerar que en máis de 30.000 fogares non entre ningún ingreso, que teñan que elixir cada día entre a mendicidade ou a economía máis oculta. Propoñemos cumprir a Lei de Inclusión social, mobilizar 180 millóns de euros e outorgar unha renda social a todas esas familias. É unha actuación imprescindible para evitar a marxinación social desas familias. Para poñer freo á pobreza extrema e a exclusión dun número crecente de persoas.

Precarizaron os servizos sociais dos concellos menores de 20.000 habitantes e recortaron dous terzos do plan concertado. Están impulsando a privatización e baixando a calidade e a especialización dos servizos. Impoñen taxas, copagos e menor cobertura no transporte para as persoas con dificultades de mobilidade, nos servizos de axuda no fogar, residencias e centros de día, escolas infantís, teleasistencia, etc.

Hoxe están atendidas menos persoas dependentes que hai tres anos. Incrementaron as listas de espera e duplicaron os copagos pero o gasto por habitante é inferior á media estatal. 17000 persoas con dereito recoñecido non reciben atención.

Qué lle ofrecen á xuventude? Nin traballo, nin salarios decentes, nin valoración do estudo. No seu lugar, emigración, subemprego ou paro. Por si os mozos non entendían, eliminaron as rendas básicas de emancipación e diminuíron a contía das becas. Así perdemos nunha xeración, 118.000 persoas mozas, o 17 por cento desa cohorte de idade. A capacidade deses mozos, no tramo máis produtivo da súa vida, pérdese.

A política de emigración desapareceu. Facenda está reclamando masivamente ós pensionistas emigrantes. Ignorando o acordo pactado nesta Cámara. Non actúan para evitar a dobre imposición. Hoxe non quixeron atender a esas persoas, que sostiveron o país en tempos difíciles e que agora son explotadas. Vostede como de costume inhibiuse.

IV- DEGRADACIÓN DE VALORES

Sr. Presidente. A política debe estar presidida pola xustiza na distribución de cargas e beneficios e pola ética das actuacións. Da falta de xustiza na súa política levo expostos moitos datos. Permítame unhas verbas finais sobre a ética pública. Hai uns días o novo portavoz do Partido Popular declaraba que a corrupción é un problema individual. Sr. Feijoo, debe corrixilo. Por desgraza é un problema estrutural que so pode abordarse con decisión, que vostede non ten, con estratexia, que esixe acordos que vostedes rexeitan, e con visión de longo prazo. Permitiron crear no Parlamento, a instancias deste Grupo, unha Comisión de estudo pero vetaron que houbera acordos.

Propuxo as medidas de transparencia que rexeitaron aquí hai dous meses e outras que dependen da lei estatal. Como máximo dirixente do seu Partido en Galicia, asiste impávido a unha sucesión de noticias nas que aparecen implicados dirixentes do seu Grupo, en cargos de representación popular e tamén en responsabilidades organizativas, sempre arredor dun presunto financiamento ilícito, da existencia dunha caixa B, como consta na Audiencia Nacional. Non se sinte obrigado a ofrecer explicacións documentadas? A adoptar medidas? Os cidadáns estanse preguntando polas contrapartidas dese financiamento ilícito.

Non serán cribles as súas proclamas de rexeneración democrática mentres non aborde con firmeza esas condutas na súa propia organización. Mentres non ofreza un modelo ético.

Como non é crible que o pluralismo social se reflicta na Cámara con menos representantes. Nin é aceptable que a minoría do 40 por cento goberne sobre a maioría do 60%. Son principios básicos que vostede tenta torcer en beneficio propio. É unha burla que vostede queira aforrar en democracia para incrementar os seus asesores, que xa custan un 150% máis que os deputados.

VI- CONCLUSIÓN

Vostede defende que estamos no principio da recuperación. Este grupo discrepa. Só poderemos falar de recuperación cando os dereitos sociais sexan recuperados, os servizos públicos volvan á normalidade, o poder adquisitivo das persoas permita un nivel de vida digno, cando os que tiveron que marchar poidan retornar, cando entrar no paro non signifique unha condena, cando o ensino e a saúde volvan a estar baseados na igualdade. Porque en verbas de Montesquieu: “O amor da democracia, é o da igualdade”

Sr, Presidente, asumo que as nosas diferenzas de enfoque son moi grandes. Non pretendo ter toda a razón, nin razón en todo. Confío en que vostede teña a mesma dúbida honesta e propóñolle que centremos calquera posible diálogo sobre os problemas principais, paro, pobreza, desigualdade. Polo ben dos cidadáns, porque para iso fomos elixidos, porque os resultados ata hoxe son negativos. Porque non podemos resignarnos. Porque é posible facer máis, facer mellor, ser máis éticos e ser máis xustos.

Teño dito.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar