Os socialistas critican que o PP converteu a lei de axuda ás mulleres vítimas de violencia de xénero nunha "trapallada para lavar a cara"

Os socialistas critican que o PP converteu a lei de axuda ás mulleres vítimas de violencia de xénero nunha "trapallada para lavar a cara"

Os socialistas critican que o PP converteu a lei de axuda ás mulleres vítimas de violencia de xénero nunha “trapallada para lavar a cara”

Carmen Acuña censura que o Grupo Maioritario “desprezou” a proposta do BNG para suprimir o 90 por cento do texto orixinal

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, acusou hoxe ao PP de “desprezar” a Lei para crear unha prestación para as mulleres vítimas de violencia de xénero. A iniciativa, presentada orixinalmente polo BNG, foi aceptada polo PP, que suprimiu o 90 por cento do texto no trámite parlamentario nunha “trapallada de última hora e lavar a cara logo de oito anos sen facer nada”.

Acuña interveu no debate da Lei en Comisión, que quedou aprobada coa abstención do PSdeG, e que afrontará o seu trámite final no próximo Pleno do Parlamento. Os socialistas presentaron 32 emendas á Lei que foron rexeitadas polo PP, a quen lle esixiu que “escoiten ás vítimas da violencia e despois votemos”, en alusión á concentración da asociación de vítimas Ve-La-Luz, concentradas hoxe ás portas da Cámara.

A deputada socialista acusou ao PP de utilizar a iniciativa do BNG, “desprezando o texto inicial” para “reducilo, destrozalo e impedir unha verdadeira mellora do texto orixinal”, cun resultado final que “non vai facilitar o trámite administrativo” para que as vítimas poidan acceder ás ditas axudas. Criticou que o PP queira abordar a situación das vítimas da violencia de xénero “a toda presa e no tempo de desconto” cun trámite urxente.

Fillos vítimas

A responsable socialista reclamou que os fillos e fillas das vítimas sexan considerados tamén vítimas de violencia de xénero para que poidan acceder a axudas públicas. Lembrou que actualmente estes rapaces e rapazas “quedan sen ninguén e sen ningunha achega económica, abandonados á súa sorte” e advertiu que a nova lexislación está a consideralos de feito vítimas de violencia.

Lamentou a “tozudez” do PP, que rexeitou esta proposta socialista, xunto coas emendas socialistas para que os bens incautados aos proxenetas sexan destinados ao coidado e rehabilitación das mulleres vítimas. Tamén vetaron establecer unha tramitación administrativa “especial, distinta e máis sinxela” para as mulleres vítimas de trata, ou compensar con axudas complementarias as achegas que reciben as vítimas de violencia.

jacobo

Deixar a resposta

Pechar