Os socialistas critican a “quebra do estado do benestar” pola Lei de Acompañamento

Os socialistas critican a “quebra do estado do benestar” pola Lei de Acompañamento

Os socialistas critican a “quebra do estado do benestar” pola Lei de Acompañamento

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, acusou á Xunta de “quebrar o Estado do Benestar”. Dixo que a Lei de Acompañamento, que foi aprobada co voto do PP en solitario, “quebra o principio de universalidade da nosa sanidade” e “rompe” o pacto polo territorio para priorizar “a discrecionalidade e o oportunismo”.

Caride apuntou que a pesares de que “é tempo de diálogo e consenso”, o PP “pon en risco a nosa sanidade” cun “ataque directo aos dereitos dos cidadáns galegos” ao obrigar a ter empadroamento en Galicia de 6 meses para acceder á sanidade. Lembrou que o Consello Económico e Social e a asesoría xurídica da Xunta rexeitan esta iniciativa porque “quebra o dereito básico á sanidade”.

Explicou que “ademais establecen por primeira vez na historia un cobro desproporcionado de 10 euros por renovar a tarxeta sanitaria” e apuntou que mesmo o CES “propón que se elimine porque o interpreta como un erro”. Dixo que esta taxa supón que “aparte dos impostos, o PP quere que teñamos que pagar un sobre custe por ter a chave de entrada á sanidade galega”.

Tamén criticou que a Lei elimina as obrigas de garda farmacéutica tanto nos pobos como nas cidades –a través dunha emenda do PP-, e desafiounos a recoñecer que “é unha contrapartida para ter ás farmacéuticas caladas e non cobrar intereses de demora por retrasos no pago da factura farmacéutica”. Ademais, eliminan a farmacia hospitalaria nos hospitais de Verín, Barbanza, Virxe da Xunqueira, O Salnés ou O Barco de Valdeorras.

A responsable socialista dixo que o PP “está confundindo todo” na defensa do principio de “menos Estado e mais mercado”, aludindo a que o propio presidente da Xunta chegou a chamar a unha “emenda á totalidade ao modelo actual” de atención sanitaria. Así, criticou que apuntara o cobro por prestacións non sanitarias, como “ducharse, comer ou durmir”, “como si un enfermo estivera nunha pensión”.

Dixo que “estánse equivocando tanto que pensan que os cidadáns van de hotel a un hospital e teñen que pagar porque o negocio é o negocio” dende o momento en que “empezaron aplicando o sistema de concesións público – privadas para a sanidade. Engadiu que tanto estas medidas como o cobro polas próteses ou polo “uso irresponsable da sanidade” constitúe un ataque claro á sanidade universal e gratuíta”.

Caride saudou dende a tribuna aos representantes da Plataforma pola Sanidade Pública, que asistiron hoxe ao debate plenario, e a continuación representantes do Grupo Socialista trasladáronse ao exterior do edificio, onde varios centos de cidadáns reclamaban un sistema sanitario público, universal e gratuíto, e repartiron un “kit de emerxencia” para pacientes do Sergas.

Territorio

A responsable socialista engadiu que as modificacións establecidas pola Xunta nesta Lei “pola porta de atrás” supoñen a “primeira quebra total do pacto polo territorio para a nova Lei Urbanística de Galicia”. Acusounos de modificar a Lei de Ordenación do Territorio para eliminar a declaración de impacto ambiental nos proxectos que o conselleiro de Infraestruturas decida.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar