Os socialistas comprobarán a vontade de diálogo de Hernández con cambios na Lei do Solo para o crecemento sostible no rural e evitar novos desastres urbanísticos

Os socialistas comprobarán a vontade de diálogo de Hernández con cambios na Lei do Solo para o crecemento sostible no rural e evitar novos desastres urbanísticos

Os socialistas comprobarán a vontade de diálogo de Hernández con cambios na Lei do Solo para o crecemento sostible no rural e evitar novos desastres urbanísticos

O portavoz de Vivenda, Sánchez Bugallo, censurou que o proxecto chegase ao parlamento “a pao seco”, sen exposición dos motivos e obxectivos que quere cumprir

Manifestou a súa preocupación pola desaparición dos solo rústicos de protección agropecuaria e de protección forestal polo que poida supoñer de falta de abandono de interese por estes sectores

Salientou os problemas para manter o mesmo nivel de servizos das áreas urbanas no rural e esixiu que a nova lei persiga a dispersión incontrolada e promova os planeamentos adaptados. O fracaso da norma anterior reside en que só 70 concellos adaptaron o seu plan

Esixiu un papel relevante dentro da nova normativa para a rehabilitación e a os plans de vivenda

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, ofreceu hoxe, na Comisión non permanente de estudo para a elaboración da nova lei do solo de Galicia, a colaboración dos socialistas galegos na elaboración deste texto lexislativo.

En resposta á comparecencia do conselleiro, Agustín Hernández, Bugallo afirmou que os parlamentarios do PSdeG traballarán “con honestidade e lealmente” na mellora da lei urbanística para Galicia que, “transcorridos 12 anos e producidas 10 modificacións substanciais e contraditorias a lei de 2002 quedou coma un queixo de gruyere” . Xustificou este deterioro da norma en vigor porque estando concibida inicialmente como unha lei urbanística, posteriormente se introduciu a protección do medio rural, ampliando o seu ámbito de intervención, xerando gran complexidade e moitos problemas.

Respecto do borrador presentado polo Goberno, o portavoz socialista demandou unha lei “con menos articulados”, para Bugallo é “demasiado prolixa e meticulosa” ata o punto de que “só lle falta regular o tamaño dos cuartos de baño”. O deputado do PSdeG recomenda a distinción entre lei e regulamentos, deixando que as primeiras o marco xeral.

O voceiro socialista aceptou no nome do seu grupo a oferta de diálogo do titular de Medio Ambiente e Infraestruturas, pero espera que “o propio proceso permita saber se esa vontade de diálogo é real ou exclusivamente retórica”.

Avanzou xa algúns “problemas relevantes” que, de non ser corrixidos, poden “frustrar calquera vontade de acadar acordos que poida existir desde o principio”. Estraña a Bugallo que o borrador se entregue “a pao seco”, sen estudos previos ou memorias “que xustifiquen o seu contido e non indiquen os problemas que pretenden resolver e nos permitan avaliar si se da ou non unha resposta correcta”. Demandou de Hernández a documentación solicitada polo seu grupo e que aínda non foi remitida polo Goberno galego.

Xosé A. Sánchez Bugallo considera un “motivo severo de preocupación” a desaparición das categorías de solo rústico de protección agropecuaria e de protección forestal. Pregúntase o deputado se estas actividades deixan de ser unha prioridade.

Outro vector de preocupación dos socialistas é a prestación de servizos no rural. “Todo o rural aspira a ter os mesmos servizos urbanos e vostede mellor que ninguén debera saber das dificultades para poder prestar estes servizos nunha poboación tan diseminada”, dixo ao conselleiro. Recordou que durante moito tempo o financiamento europeo permitiu a extensión destes servizos ao rural, pero cada vez son mais escasos e finalistas. Para Bugallo, “a lei debe poñer coto aos que queren facer unha casa no medio do monte, como Tarzán, pero logo queren accesos, luz, auga, saneamentos e fibra óptica”.

O voceiro de Vivenda do Grupo Socialista apuntou que os desastres urbanísticos que ocorreron en Galicia se produciron alí onde non hai un plan axeitado á norma autonómica. “Non é posible que os que non teñen plan compitan cos que si o teñen”, para Bugallo deste xeito “sempre gaña o que fai negocio”, o promotor en concellos sen plan, onde non hai obrigas de reserva para dotacións e zonas verdes. “Logo os que compran atópanse sen colexios e sen servizos e a plusvalía a paga o concello”, explicou. Por iso “o concello que queira crecer ten que ser con arranxo a un plan, o gran fracaso logo de 12 anos é que só hai 70 concellos con plans adaptados á lei, a maioría non se adaptan porque non lles convén”.

Neste sentido, o deputado do PSdeG reclama que o texto lexislativo volva incorporar “un mínimo de cesións para equipamentos e zonas verdes nas novas edificacións”, pois desaparece na proposta remitida pola Xunta.

Para Sánchez Bugallo a rehabilitación e a política de vivenda deben ser obxectivos prioritarios da nova lei. A presenza no territorio de 300.000 vivendas baleiras e con 500.000 que precisan rehabilitación xustifican a petición socialista.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar