Os socialistas alertan da "precarización galopante" con Rajoy e Feijóo e do "aumento da brecha entre Galicia e o resto de España"

Os socialistas alertan da "precarización galopante" con Rajoy e Feijóo e do "aumento da brecha entre Galicia e o resto de España"

Os socialistas alertan da "precarización galopante" con Rajoy e Feijóo e do "aumento da brecha entre Galicia e o resto de España"

Guillermo Meijón destaca o xurdimento da nova figura “dos pobres con emprego” e afirma que “ninguén fixo tanto por afundir as clases medias”

Paula Fernández dille a Feijóo que aínda pode arranxar no Senado o erro cometido no Congreso cos Orzamentos para Galicia: “Chame aos seus senadores para que defendan Galicia por riba dos intereses do PP de Madrid”

Paloma Rodríguez lembra que o 69% de mozas e o 65,8% de mozos entre 16 e 19 anos buscan traballo en Galicia e só atopan “contratos basura, por horas, e salarios de miseria”

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 14. O coordinador do PSdeG nas Cortes, Guillermo Meijón, a senadora pola comunidade Paula Fernández e a deputada no Congreso pola provincia da Coruña Paloma Rodríguez fixeron esta mañá “unha radiografía” despois de tres anos de goberno de Rajoy, “o da desigualdade, do paro, da pobreza e da débeda” nunha etapa na que ademais “Galicia crece aínda a menor ritmo e amplía a súa brecha co resto de España”, no que califican dunha “pésima noticia da que son protagonistas Rajoy e Feijóo”.

“Ninguén fixo tanto por afundir as clases medias deste país”, afirmou Meijón, quen lamentou que “a precarización galopante” fai que en España haxa unha nova figura, “a do empregado pobre ou do pobre con emprego”. Nesta mesma liña, Paula Fernández incidiu en que “a desigualdade” creou “novos estamentos ou estratos sociais”: os “pobres con traballo debido á precarización, os enfermos sen acceso a medicación e con repagos e as familias sen prestación pero con fillos, un dos maiores errores e horrores cometidos polo goberno de Rajoy, ademais dos 300.000 mozos e mozas que marcharon e que loitan nas mareas granates” pola súa xeración.

Meijón aportou datos como que en Galicia se incrementaron en 23.000 os fogares con todos os membros en paro, aumentaron en 6.900 os fogares sen ingresos, hai 33.400 parados máis e 50.000 persoas menos na Seguridade Social ou un 32% menos de coidadores por dependencia, uns 5.000 que perderon a Seguridade Social. Asimesmo, destacou que o promedio de investimento en Galicia do último goberno socialista foi de 1.929 millóns de euros polos 1.438 do actual, un 25% menos de investimanto na comunidade. “O de Rajoy con Galicia é o tres por catro, cada ano quítannos un cuarto do orzamento, e así co diñeiro de tres orzzamentos fago catro”, explicou. Ademais, lembrou, entre o 30 e o 40% destes Orzamentos nin se chegan a executar.

Chamamento a Feijóo
Paula Fernández lembrou que a próxima semana empezan a tramitarse no Senado 200 emendas dos socialistas para Galicia por 400 millóns de euros destinados á nosa comunidade. Por iso os reclámanlle a Feijóo “que faga un chamamento claro aos senadores galegos, porque Galicia vén de perder unha oportunidade para incrementar os seus Orzamentos no Congreso, e agora teñen a oportunidade de rectificar” no Senado. “Chame aos seus senadores e que defendan Galicia por riba dos intereses do PP de Madrid, ou seguiremos con este novo escenario social impensable hai anos, que se mantén nestes orzamentos”, advertiu a senadora.

Fernández lamentou un modelo no que “se exclúe a unha parte importante da nosa sociedade de todo o que cimentaba o noso estado social de dereito, impoñendo un modelo no que sobran dogmas e faltas valores, no que a economía prima sobre a calidade e no que o que menos ten, menos vale”, e definiu a Rajoy como “un presidente para poucos e situado sempre de perfil, cun goberno que a base de sobres, traxes, tarxetas e exministras con jaguars no garaxe demostrou que súa ambición non é precisamente unha ambición de país”.

Lei de Violencia de Xénero “derogada de facto”
Pola súa banda, a deputada Paloma Rodríguez incidiu no “recorte terrible” na violencia de xénero, cun 22% menos de orzamento que en 2011. “En lugar de desenvolver a lei de hai dez anos, está derogada de facto, cun orzamento que fai imposible que saia adiante e que as mulleres se sintan protexidas”, afirmou a socialista. “Podería ser un goberno esperpéntico e ata cómico se non fose porque a situación é realmente dramática e están destruíndo este país”, dixo.

Así, cuestionou que falen de recuperación. “Que pensarán as persoas que os escoitan?”, preguntou, exemplificando co 22% de nenos e nenas en risco de pobreza en Galicia, os xubilados coas xubilacións máis baixas de España, as 3.654 persoas que durmen nas rúas cada noite na nosa comunidade, o 44% das persoas en paro pero sen prestación, ou o 69% das mozas e o 65,8% dos mozos de entre 16 e 19 anos que buscan traballo en Galicia e que ó atopan “contratos basura, por horas, e salarios de miseria”.

Paloma Rodríguez analizou e explicou ademais a situación da provincia da Coruña co goberno de Rajoy, incidindo na “desindustrialización”, como o fixeron durante esta xornada os deputados e senadores galegos en cada unhas das provincias da comunidade.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar