Os socialistas advirten que o PP quere “deixar dentro do armario” ao colectivo LGTB

Os socialistas advirten que o PP quere “deixar dentro do armario” ao colectivo LGTB

Os socialistas advirten que o PP quere “deixar dentro do armario” ao colectivo LGTB

Carmen Gallego insta a “un último esforzo” do grupo maioritario para manter a promoción da visibilidade na Lei de LGTB porque “o que non se ve non se normaliza”

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, advertiu hoxe que o PP quere “deixar dentro do armario” ao colectivo LGTB ao reducir a Proposición de Lei pola visibilidade e non discriminación do colectivo. Así o dixo logo do debate en Comisión desta Lei impulsada polo PSdeG e que será debatida no primeiro Pleno de abril.

O ditame da lei foi aprobado na Comisión Institucional do Parlamento co voto favorable do Grupo Socialista, xa que malia os recortes impostos polo PP, dixo Gallego, “vamos apoiala en aras de acadar un acordo da Cámara en favor da non discriminación de trato ao colectivo LGTB, para que se faga realidade e poder ir mais alá cando o goberno mude de novo”.

Gallego lamentou que o PP teña retirado a promoción da “visibilidade” do colectivo LGTB do texto e instou a facer “un último esforzo” para mantelo porque “o que non se ve non se normaliza”. Considera fundamental o traballo dirixido a “educar” ao conxunto da cidadanía no respecto a este colectivo e “evitar que estas persoas permanezan invisibles” como unha das ferramentas fundamentais para evitar a discriminación.

A deputada socialista criticou que o PP queira eliminar o termo “visibilidade” mesmo do título do texto e advertiu que “moito nos tememos que a Lei non vaia ser posta en práctica ata que os socialistas cheguemos de novo ao goberno”. Advertiu que foron precisamente os “retrocesos que se veñen producindo nesta materia os que nos levaron a presentar a proposición de lei”.

Lembrou os problemas que teñen que afrontar os gais coas adopcións, coa falla de axeitada atención sanitaria, mesmo con casos de lesbianas con tratamentos de fertilidade que lles nega a sanidade pública. Sinalou así o caso de Charlotte Goiar, a viguesa co síndrome de Harry-Benjamin –muller con órganos xenitais masculinos-, á que a Xunta obstaculiza unha operación de cambio de sexo en contra das sentenzas xudiciais.

Infraccións e sancións

Gallego salientou que o PP queira eliminar deste texto as infraccións e sancións por discriminación, “cando se trata do instrumento que ten o goberno para evitar que os que discriminan queden impunes”. Tamén eliminan as definicións dos conceptos LGTB que darían valor xurídico ás persoas LGTB.

A deputada socialista lamentou que queiran suprimir a discriminación por asociación e por erro, a inversión da carga da proba, “importante para evitar que moitas persoas quedaran impunes”, ou o servizo de apoio e mediación específico para persoas LGTB. Dixo ademais que o PP quere suprimir os instrumentos de medición do cumprimento da Lei, establecendo obxectivos, seguimento e avaliación.

Salientou a importancia da educación como piar fundamental tanto para implantar o ensino en valores e igualdade como para formar axeitadamente aos profesionais que vaian ter que atender a este colectivo. Advertiu que “a día de hoxe persiste a incapacidade de tratar axeitadamente porque non teñen coñecementos precisos para facelo”.

Finalmente, lamentou que o PP se opoña a repoñer a memoria histórica das persoas LGTB cun espazo específico no Museo do Pobo Galego para estas persoas represaliadas polo franquismo. Lamentou que esta decisión vaia “na estela de todo o que ven facendo o PP con relación á memoria histórica”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar