Os socialistas acusan á Xunta de “culpabilizar dos lumes aos gandeiros” para “buscar un cabeza de turco en lugar de solucionar o problema”

Os socialistas acusan á Xunta de “culpabilizar dos lumes aos gandeiros” para “buscar un cabeza de turco en lugar de solucionar o problema”

Os socialistas acusan á Xunta de “culpabilizar dos lumes aos gandeiros” para “buscar un cabeza de turco en lugar de solucionar o problema”

Pablo García apunta que a Xunta prevé investir contra incendios “unha miseria” de 80 euros por hectárea en 2014 logo de ter despilfarrado 2.300 euros por hectárea nun período de 30 anos

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, dixo hoxe que a Xunta “deixa de intentar solucionar o problema para buscar ao culpable” dos incendios forestais. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Medio Rural para presentar o Pladiga, polo que a Xunta prevé investir “unha miseria” de 80 euros por hectárea na loita contra os incendios.

O responsable socialista cualificou hoxe de “barbaridade” que a Xunta “intente culpabilizar aos gandeiros” aos que “castiga sen poder pastorear” nas terras queimadas para “buscar un cabeza de turco para sacarse o problema de enriba” sen ter en contra que son os principais activos contra o lume forestal. Criticou que a Xunta considerara un éxito anunciar mais detencións de pirómanos “e hoxe non sabemos que foi de todo aquilo”.

García explicou que de acordo co Pladiga, a Xunta inclúe, entre as medidas previstas para as parroquias con alta actividade de lume, que non dará autorizacións de pastoreo en terreos queimados durante dous anos aínda que o gandeiro sexa inocente e que se trate do seu propio terreo.

Salientou que o Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia –Pladiga- carece de investigacións periciais, balances ou programación e obvia as labores de prevención. Denunciou que a Xunta trate a presentación do Pladiga como “un trámite anual” sen ningún tipo de actuación incorporada e cedéndolle o traballo “á meteoroloxía: si chove non hai incendios e si non chove arde un espazo natural en abril”.

Miseria

Pablo García considerou ademais “unha miseria” que a Xunta prevea un investimento de 80 euros por hectárea para a prevención e extinción de lumes logo de ter despilfarrado 2.300 euros por hectárea durante 30 anos sen ningún tipo de actuación eficaz. Así se desprende dun investimento de 160 millóns de euros -96 millóns de investimentos directos- para atender aos dous millóns de hectáreas de monte de que dispón Galicia.

A estes investimentos súmase, explicou, que a Xunta deixe de novo centos de vacantes dos 5.700 operarios que anuncia -2.431 de persoal propio-. Sinala que o goberno galego repetirá as vacantes do ano pasado -72 en Ourense, 32 en Pontevedra, 54 en Lugo e mais de 50 na Coruña- porque “prefiren contratar a Tragsa ou conveniar cos concellos ou con Naturtecnia que chamar aos interinos”.

Finalmente, criticou o desleixo do goberno galego no canto ao financiamento das Sociedades de Fomento Forestal –Sofor-, que levan xa cinco anos sen constituírse. Explicou que estas entidades, que veñen substituír ás Unidades de Xestión Forestal –Uxfor-, están paralizadas polo goberno galego, que ao tempo que as mantén conxeladas argumenta que non aproba os seus orzamentos “porque non están constituídas”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar