Os socialistas acusan a Feijóo de graves contradicións, ao ceder ante Madrid en contra dos intereses que di defender en Galicia

Os socialistas acusan a Feijóo de graves contradicións, ao ceder ante Madrid en contra dos intereses que di defender en Galicia

Os socialistas acusan a Feijóo de graves contradicións, ao ceder ante Madrid en contra dos intereses que di defender en Galicia

Guillermo Meijón censurou o discurso “falso e enganoso” do Presidente galego e do PPdeG ao que tachou de gran mestre do discurso para a galería

O coordinador de senadores e deputados do PSdeG reprocha aos populares e a Feijóo “agocharse en Madrid”, en referencia á diferenza de posición e de voto manifestada polos populares galegos a un lado ou outro do Padornelo en temas como o dique flotante ou a reforma local

Os socialistas denuncian a intención do Goberno de pechar 1/3 das oficinas de atención e información da Seguridade Social, sen ter en conta a dispersión e o avellentamento da poboación en Galicia

O coordinador dos parlamentarios no Congreso e no Senado do PSdeG, Guillermo Meijón, censurou o “discurso que sobre Galicia ten o Partido Popular, absolutamente falso e enganoso”. Acusou a Núñez Feijóo de ser un “gran mestre dos discursos para a galería” e acusouno de agocharse”cando vai a Madrid”, en referencia á diferente posición dos populares galegos nas Cortes e no Pazo do Horreo respecto das decisións do Goberno de Rajoy que afectan a Galicia. Meijón afirmou que coas declaracións do Presidente galego “se podería facer o museo das contradicións e mesmo dos enganos”.

O deputado socialista citou como exemplo da postura diverxente dos populares a reforma local, da que Feijóo fala en Galicia en contra, para logo ir o vicepresidente Rueda a Madrid “a agochar a cabeza e di a todo amén e que si”. Os populares votaron favorablemente en Galicia á construción do dique flotante en Ferrol, e, recorda Meijón, “os senadores en Madrid do PP, tamén os galegos, votaron en contra”.

En canto a recortes, o coordinador dos parlamentarios do PSdeG nas Cortes reprocha a Feijóo que “quere quedar de progre, e logo Cospedal é capaz de sacarlle as cores”. Reclamou ao xefe do Executivo a explicación que debe á sociedade galega sobre Novagalicia Banco, “como responsable do desmantelamento do sistema financeiro galego”.

Guillermo Meijón ofreceu hoxe unha rolda de prensa xunto á deputada ferrolá Paloma Rodríguez, sobre o emprego que está a facer o Goberno do Estado do Informe da comisión para Reforma das Administracións Públicas (Informe CORA). O deputado pontevedrés denuncia que a reforma estase a converter “máis en recortes que en unha racionalización”. Recortes que os socialistas non ven xustificados, porque “a Administración Pública deste país é unha das máis exiguas e con menor gasto público en porcentaxe de PIB”. A media europea e do 49,9% e en España é do 43,4%. “Estamos entre os 10 países que menos gastan en Administración Pública” dentro do noso entorno, advirten.

Meijón acusou ao Goberno de empregar o Informe CORA para “provocar grandes recortes no público, no seu papel de menos Estado de Benestar, máis privatización e seguindo a liña da Sanidade, a Educación, as pensións, a Dependencia, etc.”.

Os deputados do PSdeG presentaron unha iniciativa rexistrada no Congreso sobre o a pretensión de peche do Goberno central de varios centros de atención e información da Seguridade Social (CAIIS). Para Meijón esta medida “vai en contra dos intereses da cidadanía e provoca un gran trastorno a empresarios, traballadores e pensionistas”, supón tamén unha privatización de servizos.

Paloma Rodríguez, encargada da redacción da iniciativa, salientou que se está a falar dunha redución de 1/3 dos centros existentes. En Galicia suporía deixar en 24 os 36 centros que funcionan na actualidade. Os socialistas descoñecen os criterios que se están a empregar para estes recortes, e recrimina ao Goberno non ter falado cos colectivos de usuarios e coas xuntas de persoal.

O PSdeG interésase tamén por cómo se vai paliar este prexuízo que provocao peche dos CAIIS para a cidadanía e esixen que se teñan en conta criterios tan relevantes para Galicia como a dispersión xeográfica, a dificultade de acceso aos recursos informáticos, a falta de transporte público de calidade e o envellecemento poboacional e o empobrecemento que sufre a comunidade.

Piden tamén unha resposta ao Goberno sobre os centros de traballo, e sobre o reaxuste da plantilla e o aforro que vai supoñer esta decisión para Galicia.

Paloma Rodríguez salientou “os recortes discriminados e discriminatorios do PP”, porque todas as competencias dos CAIIS, que xestionan contratos, convenios, pensións e prestacións, se pechan 1/3 destes centros, se pretenden trasladar ao uso da consulta por teléfono e do ordenador”. A deputada facía fincapé nas dificultades que ten a maioría da poboación galega, moi envellecida, para empregar os sistemas de atención telemática.

Rodríguez acusa aos socialistas de “tomar a crise como escusa” para dar cabida ao seu “afán privatizador”. Denuncia que, “como é un servizo rendible, alguén o vai dar”. Todos estes servizos, “co debilitamento do público, caerán en mans privadas, que se van lucrar co que é un dereito da cidadanía”. Os populares “están degradando o público”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar