Os recortes do PP reducirán as prestacións por desemprego de 90.000 galegos

Os recortes do PP reducirán as prestacións por desemprego de 90.000 galegos

Os recortes do PP reducirán as prestacións por desemprego de 90.000 galegos

O secretario de Economía do PSdeG-PSOE, Enrique Negueruela, afirmou hoxe que máis de 90.000 galegos verán drásticamente reducidas as súas prestacións por desemprego, tras os severos recortes levados a cabo polo goberno do PP nesta área.

 

Segundo o secretario de Economía dos socialistas galegos, os recurtes afectarán a tres de cada catro cidadáns galegos que perciben algún tipo de subsidio ou prestación por desemprego, dos que o 54% verán “sensiblemente recortada” a súa prestación.

 

Así, uns 50.000 galegos verán a súa prestación contributiva por desemprego recortada nun 20%, ao reducirse do 60% ao 50% a porcentaxe da base reguladora que percibe o traballador a partir do sétimo mes de empezar a cobrar o paro. Ademáis, máis de 21.000 persoas verán como se parcializa o subsidio mínimo que están percibindo e máis de 20.000 estarían afectadas polo recorte do subsidio previo á xubilación, que antes era para maiores de 52 anos e agora pasa a maiores de 55.

 

Negueruela considerou que, con estes recortes, o PP está a facer que “os parados paguen a crise por segunda vez. A pagaron por primeira vez cando perderon o seu emprego e a pagan por segunda vez con este recorte de prestacións”, e afirmou que detrás desta política de recortes existe “unha filosofía que culpabiliza aos parados, pois todos nos lembramos do “que se jodan” de Andrea Fabra e dos aplausos” que provocou.

 

Os recortes da prestación contributiva por desemprego

 

Segundo explicou Negueruela, o meirande recorte neste aspecto consistirá en reducir o tramo de prestación posterior ao sétimo mes do 60% ao 50% a porcentaxe que se percibe da base reguladora, a media das cotizacións dos últimos 180 días traballados. Esta diminución supón un recorte efectivo do 17% cada un dos dazaoito meses nos que se percibe esta prestación.

 

 

En 2011, a media anual de perceptores que se atopaban neste tramo foi do 55%. Isto implica que o recorte afectará a case seis de cada dez perceptores. Das 85.493 persoas que de media cobran esta prestación no que vai de ano, este recorte afectaría a 47.021 persoas.

 

O recorte dos subsidios que proveñen dunha prestación ou dun traballo a tempo parcial

 

O secretario de Economía do PSdeG sostivo que “a renda mínima de subsistencia non se pode parcializar, porque ou é o mínimo de subsistencia ou non o é”. Para os socialistas “resulta chocante esta parcialización ao mesmo tempo que se permite facer horas extras aos contratos a tempo parcial”, e consideran que “é un xeito de impedir o control do seu fraude, pois cando a Inspección de Traballo atope a unha persoa cun contrato a tempo parcial traballando fóra do horario recollido nel, o empresario dirá que está facendo horas”.

 

Segundo os socialistas, se un de cada tres contratos son a tempo parcial, un de cada tres subsidios que agora se perciben sería a tempo parcial, de seren recoñecidos coa normativa actual, polo que dos 63.315 subsidios que actualmente se perciben, 21.340 serían de contía inferior aos 426 euros, moitos deles pola metade.

 

O recorte do subsidio previo á xubilación

Enrique Negueruela afirmou que os recortes “afectarán especialmente ao subisidio previo á xubilación”, cuxa percepeción se retrasa en tres anos, pasando dos 52 aos 55 anos, e modificando tamén o momento no que se pode solicitar. Ata agora chegaba con cumprir esa idade para poder facelo. Co cambio, ademais de ter 55 anos, debe estar percibindo algunha prestación ou ter dereito a unha.

 

Outra modificación de importancia é a súa duración. Segundo explicaron os socialistas, ata agora aprobábase ata a idade de xubilación ordinaria (65 anos), mentres que agora remata no momento en que a persoa desempregada poda acceder a calquera pensión de xubilación, incluída a anticipada. Así, na práctica, obriga a xubilarse con 61 anos provocando ou un período sen cotizacións nin ingresos ou unha diminución da pensión entre o 6% e o 7,5% por cada ano de anticipación, segundo o período cotizado.

 

“Esta prestación redúcese dunha duración de 13 anos, entre os 52 e os 65 anos, a outra de soamente 6, entre os 55 e a idade mínima da xubilación anticipada, neste momento os 61 anos”, explicou Negueruela, que sinalou que, ademáis, diminúese a cotización á xubilación do 125% da base mínima ao 100%. “Todo isto supón un empurrón mais aos parados destas idades para que saian do mercado laboral”, afirmou. Así, por exemplo, unha persoa parada de 52 anos que completara doce meses traballados, percibiría o paro durante catro meses e despois, de non ter cargas, estaría cando menos ata os 55 anos sen prestación; mentres que outra persoa con 60 anos, 35 anos cotizados e cunha base media de 1.500€, se traballa doce meses debe percibir a prestación contributiva e, ao rematala (catro meses), solicitar este subsidio. Cobrará ata os 61 anos e despois deberá xubilarse cunha diminución da súa pensión durante o resto da súa vida do 24%

 

O recorte da Renda Activa de Inserción e do plan PREPARA

 

Os recortes afectarán tamén, segundo explicou Negueruela, á Renda Activa de Inserción, un subdido destinado a parados de longa duración sen dereito a outra prestación, do que se beneficiaban fundamentalmente os autónomos que viron obrigados a pechar o seu negocio pola crise e que, coa reforma, quedan excluídos ao vincular este subsidio co cobro dalgunha outra prestación.

 

 

Finalmente, o secretario de Economía do PSdeG-PSOE criticou tamén o importante recorte que experimenta o Programa de Recualificación Profesional (PREPARA), no que cada demandante de emprego debe contar cun tutor na Oficina de Emprego e un itinerario persoalizado, pese ao cal se eliminaron 1.500 postos de promotores de emprego (109 deles en Galicia) e se suprimiu a práctica totalidade dos fondos da Xunta para políticas activas de emprego, pasando dos 103 millóns de euros de 2009 aos 18,5 que se destinan na actualidade. Un recorte moi parecido ao efectuado polo goberno de Rajoy, que reduciu os 3.232 millóns de euros que se transefrían ás comunidades para políticas activas de emprego a soamente 1.450 millóns.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar