Os recortes de Feijóo provocan desabastecemento da vacina de difteria, tos ferina e tétanos para nenos e nenas

Os recortes de Feijóo provocan desabastecemento da vacina de difteria, tos ferina e tétanos para nenos e nenas

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, advertiu hoxe do desabastecemento nos centros de saúde da vacina de difteria, tos ferina e tétanos –coñecida como DPT-, que debera inocularse nos rapaces e rapazas de 6 anos. Acuña interveu nunha mesa redonda sobre a vacina da meninxite celebrada hoxe na Laracha –A Coruña- onde acusou a Feijóo de “impoñer un recorte orzamentario intolerable” por canto pon en risco a saúde dos nenos e nenas de Galicia.

A responsable socialista advertiu do drástico recorte de 4,2 millóns de euros nas partidas do Programa Galego de Vacinación, que pasou de 15,4 a 11,2 millóns de euros entre 2009 e 2015. Esta decisión, dixo, está detrás do desabastecemento de medicamentos básicos na farmacia e agora tamén en hospitais e centros de saúde públicos, así como no veto á incorporación de vacinas como a da meninxite B no calendario galego.

Acuña criticou que o goberno galego xustificara a caída do orzamento por un suposto aforro na compra centralizada de medicamentos, pero “agora vemos que as carencias chegan tamén ás vacinas que están no calendario oficial”. O verdadeiro responsable, engadiu, é “a mala xestión de Feijóo e do seu equipo aplicada tamén á sanidade pública, que provoca o deterioro dun servizo básico para a cidadanía”.

Como exemplo práctico desta mala xestión situou a xestión da varicela, unha vacina aconsellada polos pediatras na primeira infancia, pero que é subministrada no calendario vacinal aos 12 anos, e que “polo empecinamento do goberno foi retirada das farmacias para impedir o seu subministro antes daquela idade”.

Acuña participou hoxe nunha Mesa Redonda sobre a vacina da meninxite B celebrada hoxe en A Laracha –A Coruña- e na que participaron a secretaria de Sanidade da Agrupación Provincial do PSOE da Coruña, Carmen Naya, e o médico pediatra Jesús Velo, moderada polo portavoz socialista no Concello, Lecho Verdía.

Meninxite B

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista acusou a Feijóo de facer aos nenos e nenas “vítimas colaterais da súa escalada sen sentido cara á austeridade”, ao ver cómo non se incorporan novidades fundamentais como a vacina da meninxite B. Alertou desta “enfermidade gravísima, de alta incidencia en Galicia e que hoxe ten remedio, no que colaboraron pediatras galegos e pacientes galegos foron utilizados como poboación piloto”.

Esta mesma poboación, a mais afectada de Europa por unha doenza que pode chegar a ser mortal, ve cómo as súas farmacias teñen prohibida a venda da vacina, que queda restrinxida a uso hospitalario. Ademais, criticou, “dáse a ironía de que algúns centros privados si que dispoñen da vacina que non ten o sistema público”, provocando unha “deleznable división entre nenos ricos sen meninxite e nenos pobres con meninxite”.

Engadiu que “o colmo é que o propio resultado das eleccións municipais fixo que grazas ao descalabro electoral do PP cambiaran o criterio sobre a vacinación de nenos e nenas, que antes do 24 de maio só poderían acceder a ela nos hospitais e despois dos comicios aceptan poñela nas farmacias”.

Carmen Acuña esixiu que “a inclúan no calendario vacinal para que sexa accesible por igual por tódolos nenos e nenas de Galicia independentemente da capacidade adquisitiva que poidan gozar ou padecer os seus pais”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar