Os orzamentos de Medio Ambiente e Territorio son "opacos, irreais, electoralistas e carentes de sensibilidade social"

Os orzamentos de Medio Ambiente e Territorio son "opacos, irreais, electoralistas e carentes de sensibilidade social"

Os orzamentos de Medio Ambiente e Territorio son "opacos, irreais, electoralistas e carentes de sensibilidade social"

autoestrada_AP53Xosé Sánchez Bugallo critica o fracaso do programa de realoxo de familias desafiuzadas e revela que a Xunta aporta “cero euros” para alugamento e construción de vivenda en aluguer no Plan asinado co goberno en setembro.

Confirma que a Xunta manterá intacto o canon de Sogama mentres prioriza os investimentos para “intentar gañar a Deputación de Lugo”.

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, criticou que os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas son “opacos, irreais, electoralistas e carentes de sensibilidade social”. Así o dixo na comparecencia da conselleira para presentar as contas do seu departamento para o ano 2015 na Comisión de Infraestruturas.

O deputado socialista sinalou a “absoluta falla de sensibilidade social” por parte do goberno galego, que destinará no próximo ano “cero euros” á vivenda autonómica en réxime de aluguer. Así se desprende dos orzamentos para o próximo ano e do convenio do Plan de Vivenda entre a Xunta e o goberno central, que foi agochado dende a súa presentación o 3 de setembro ata o 29 de outubro.

Sánchez Bugallo revelou que dito Plan en realidade determina que o goberno destinará 6,5 millóns de euros en axudas ao alugamento e outros 4 á construción de vivenda en réxime de aluguer, mentres a Xunta “non aportará nada”. As aportacións do goberno galego, explicou, limítanse aos 2,4 millóns de euros para o programa de fomento, rexeneración e renovación urbana, que “prioriza actuacións meramente electorais”.

Salientou ademais o “fracaso absoluto” do programa de realoxo para familias desafiuzadas, que atendeu a 33 casos cando dende a súa posta en marcha hai 7.000 familias que perderon a súa vivenda en Galicia, e outras 2.500 que serán desafiuzadas neste ano.

Mentres, dixo, a Xunta tan só executou o 1,3 por cento do programa de rehabilitación e calidade da vivenda –consumiron 280.000 euros dun orzamento de 22 millóns- no ano 2013 e ata o 30 de xuño de 2014 só puideron executar o 7 por cento.

Sogama

Sánchez Bugallo constatou ademais que o goberno galego manterá intacto o canon imposto aos concellos adheridos a Sogama para o tratamento de lixo, xa que “mentres o ano pasado ben que incluíron a suba de impostos, para 2015 non aparece o que anunciaron como a súa baixada”.

Logo da intervención da conselleira, confirmou a “mentira da rebaixa do 10 por cento do canon”, xa que “mais que baixada é que non o van subir mais, o que non lle vai servir de consolo a ninguén”.

O responsable socialista criticou a “escasa racionalidade e nula eficacia” das contas deste departamento para o próximo ano, que “prefire ter 957 parcelas sen vender nos parques empresariais” para manter unha valoración inasumible de 2012 millóns e non afrontar a débeda millonaria das xestures. Explicou que dos 43 millóns de euros de investimento orzamentados, 32 serán destinados ao pago do burato destas sociedades.

Acusou ao goberno galego de manter as parcelas criando herba, abandonadas, servindo como pasto para gando –como o caso de Bergondo- ou cun estanque de 200.000 euros para patos, como no caso de Salvaterra de Miño.

O caso da Pisan, dixo, demostra uns orzamentos “irreais” que logo de ter investidos 100 millóns de euros, e a falla doutros 60 para o seu remate, a Xunta tan só orzamenta 1,3 mentres as empresas galegas teñen que marchar aos parques empresariais de Portugal porque lles resulta “inasumible” adquirir chan en Galicia.

Investimentos electorais

O deputado socialista cualificou os orzamentos desta Consellería de “auténtico recital da insolvencia” dun goberno galego que pasou de destinar 1.461 millóns de euros a investimentos e 350 a pago da débeda en 2009 a pagar 1.500 millóns de euros para o pago de principal e intereses da débeda pública e menos da metade, tan só 698 millóns, en investimentos.

Ademais, denunciou que este escaso investimento é priorizado con “escasa racionalidade” para priorizar “criterios electoralistas” e centrar os esforzos investidores en “gañar a deputación de Lugo”. Explicou así o investimento de 18 millóns de euros na autovía Sarria – Nadela, que conta con tan só 3.000 vehículos diarios, mentres estrangulan o investimento en conservación e mantemento das vías autonómicas, destinando 4 millóns a Lugo fronte aos 10 de Ourense, 13 da Coruña e 15 de Pontevedra.

Mentres, deixan desatendidas outras infraestruturas con moito mais fluxo de vehículos, como o desdobramento do Corredor do Morrazo, a variante de Aradas e a Vía Tui – A Guarda, con investimentos testemuñais “porque seguro que no Morrazo e na Guarda non se xogan ningún deputado provincial pero no Norte de Lugo si”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar