Os orzamentos da Xunta renuncian a utilizar o teito de gasto e prevén menos creación de emprego para 2017

Os orzamentos da Xunta renuncian a utilizar o teito de gasto e prevén menos creación de emprego para 2017

Os orzamentos da Xunta renuncian a utilizar o teito de gasto e prevén menos creación de emprego para 2017

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, fixo hoxe unha primeira análise duns orzamentos da Xunta “faltos de ambición” e que fracasan no impulso dos sectores produtivos básicos e renuncian á creación de emprego e á restauración dos servizos públicos básicos. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou o calendario de debate dos orzamentos, ademais da orde do día do próximo Pleno.

Fernández Leiceaga sinalou que a Xunta, en contra do anunciado, en realidade renuncia a utilizar os 60 millóns adicionais de capacidade de endebedamento sobre o PIB, autorizados no último Consello de Política Fiscal e Financeira. O goberno galego non esgota a capacidade de gasto e así, concluíu “non é posible atender á restauración dos servizos públicos básicos nin á creación de emprego”.

Ese é o motivo que na previsión para o próximo ano o goberno galego estime unha desaceleración na creación de emprego, por debaixo das cifras de 2016, ao tempo que fai descansar a previsión de crecemento económico sobre as exportacións e o investimento privado. Explicou que esta variable ten “múltiples incertezas” e depende das expectativas empresariais, co risco dun novo erro nas previsións como sucedeu neste ano.

O portavoz socialista sinalou que as cifras anunciadas polo goberno galego “non son coherentes” e alertou da inconsistencia dos anuncios realizados polo conselleiro ata o momento. Neste sentido, explicou que o incremento salarial anunciado para os funcionarios supón 185 millóns de euros adicionais mentres a Xunta só prevé 44.

Engadiu ademais que as subas anunciadas para educación, sanidade, política social e salarios superarían con moito o incremento de 256 millóns de euros previstos para o orzamento do próximo ano.

Sistema financeiro

O portavoz do Grupo Socialista presentou tamén a orde do día do próximo Pleno do Parlamento de Galicia, no que os socialistas galegos utilizarán a sesión de control ao presidente da Xunta para preguntarlle polos seus obxectivos de cara á revisión do sistema de financiamento autonómico nos próximos meses.

Anticipou o seu “pouco optimismo” fronte á posición do goberno galego logo de que a Mesa da Cámara rexeitara, cos votos do PP, a creación dunha Comisión parlamentaria que acordara unha posición consensuada de tódalas forzas políticas galegas. A Mesa rexeitou a proposta dos socialistas galegos de constituír dúas comisións, a xa citada e unha destinada a analizar o impulso ás enerxías renovables, nomeadamente o sector eólico.

O Pleno da semana do 12 de decembro comezará co debate dunha proposta conxunta de socialistas e BNG para impulsar e completar o traballo da Comisión de Investigación das Caixas de Aforro, bloqueada polo PP na pasada lexislatura á espera de acordar o seu ditame.

Tamén será presentada unha moción para reducir a precariedade laboral e impulsar o desemprego, e dúas proposicións non de Lei para reclamar a gratuidade dos libros de texto e protexer aos funcionarios que decidan denunciar casos de corrupción e fraude dende dentro da administración, “impedindo que poidan ser perseguidos nin desprazados”.

Os socialistas galegos presentarán dúas interpelacións para prevención do consumo de bebidas alcohólicas e sobre a falla de medidas do goberno galego para impedir os cortes de subministro enerxético ás persoas con dificultades. O apartado de preguntas ao goberno incluirá dúas iniciativas dos socialistas galegos sobre o saneamento da Ría de Arousa e as eivas na atención ás urxencias no Hospital de Ourense.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar