Os Orzamentos da Xunta persisten nas "políticas fracasadas" da austeridade e os recortes

Os Orzamentos da Xunta persisten nas "políticas fracasadas" da austeridade e os recortes

Os Orzamentos da Xunta persisten nas "políticas fracasadas" da austeridade e os recortes

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, sinalou hoxe que os orzamentos da Xunta inciden no “continuísmo en políticas fracasadas”. O responsable socialista pediu no Pleno do Parlamento a devolución duns orzamentos que renuncian ao crecemento económico e a creación do emprego e castigan aos servizos sociais para persistir nos recortes e a creación de débeda pública.

O responsable socialista advertiu que Feijóo “gastou 50.000 millóns de euros” dos orzamentos que xestionou dende que chegou ao goberno “e os resultados non os acompañan”. A realidade, dixo, é que “riqueza, oportunidades, capacidade decisoria, quedan reservadas a unha minoría que compite entre si por un grande pedazo da tarta, mentres para a maioría quedan as migallas”.

Sinalou que “con vostedes no goberno só medraron a desigualdade, o paro, a pobreza e a débeda”, cun paro consolidado, os impostos aumentados, recortes en sanidade e educación e “unha sociedade mais desigual que nunca”. Mentres o patrimonio dos 7.000 galegos mais ricos aumentou un 9 por cento, o común dos galegos e galegas teñen que asumir os incrementos na factura de Sogama, as taxas de comedores escolares, o céntimo sanitario, novas taxas por transporte sanitario e o aumento do canon da auga.

Responsabilizou directamente ao goberno galego da perda de 150.000 activos e a redución de 100.000 afiliados á Seguridade Social, así como dos 120.000 parados sen cobertura, 90.000 familias con tódolos membros en paro e 30.000 fogares sen ingresos. A pesares do incremento do paro, a Xunta reduciu o orzamento de políticas activas de emprego á metade en só cinco anos.

Méndez Romeu reclamou a devolución duns orzamentos que son a expresión da “política partidista e dogmática, que persegue unha sociedade dual e clasista, onde poucos teñen moito e moitos, teñen pouco”. Debullou un goberno sen credibilidade que “anuncia un crecemento económico que non chega, impón unha devaluación salarial que non cesa e aplica uns recortes dos servizos públicos que se multiplican”.

Advertiu a un presidente da Xunta que “non se quere decatar ou quizás lle resulta indiferente” de que “a suma de desemprego, envellecemento e emigración selectiva fará de Galicia un país insostible con mais da metade da poboación dependente”.

Mentres Feijóo preocúpase de reducir un 22 por cento o gasto social dende 2009, dixo, facendo “desaparecer” dous de cada dez euros que destinaba a estas partidas, o endebedamento da Xunta acada un crecemento “espectacular” ata o 18 por cento do PIB galego. Sinalou que a obsesión pola rebaixa do déficit leva a que para reducir este en 168 millóns de euros aumentarase a débeda en 450 millóns.

Opacos

Censurou uns orzamentos “opacos” caracterizados pola conxelación da actividade nas consellerías investidoras. Mentres Medio Ambiente suprime a política de vivenda opta por uns orzamentos “enganosos” nos que mantén o canon de Sogama e condena ao fracaso ao plan de venda de solo industrial, o departamento de Economía e Industria desploma o gasto en I+D e poda nun 10 por cento ao Igape.

O goberno galego, engadiu, lastra aos sectores primarios galegos sen plans estratéxicos sobre o lácteo, a pesca ou o forestal, abocados a novas restricións e un horizonte difícil pola desaparición da cota láctea, as novas restricións á pesca de determinadas especies ou a caída dos prezos e a perda de calidade da madeira galega.

Méndez Romeu sinalou que ao tempo que enquistan o papel investidor do goberno galego, comprometen os orzamentos da área social, mercantilizando o sistema sanitario público. Advertiu que “aumentan o canon ás empresas privadas mentres continúan recortando as axudas ás familias de enfermos mentais, alzheimer, enfermidades de transmisión sexual ou atención aos drogodependentes”.

Criticou os recortes en vacinas mentes aumentan en 23 millóns de euros o canon anual que teñen que pagar ao hospital privatizado de Vigo, que a partir de 2016 será de 68 millóns de euros anuais. Sinalou que fronte aos 15 centros de saúde prometidos por Feijóo limítanse a tan só 3 “e grazas ao financiamento comunitario” mentres continúan coa supresión de médicos a través de xubilacións forzadas e recorte de plantillas.

O ensino continúa cos recortes e a imposición de copagos fronte a un goberno que “publicita unha modalidade de FP Dual limitada a tan só 216 estudantes dun total de 53.000 en toda Galicia. Explicou que continúan cos recortes en lingua e cultura, manteñen no limbo a 18.000 dependentes cos dereitos recoñecidos sen percibir prestacións e manteñen nun nivel insuficiente á renda de integración social.

Alternativa

Méndez Romeu propuxo incrementar os ingresos, reducir os gastos produtivos e aumentar o gasto social mobilizando un total de 586 millóns de euros para reforzar as políticas sociais e a actividade económica dirixida á creación de emprego.

O obxectivo é incrementar as partidas para un Plan de Emprego -192 millóns de euros-, apoio ao I+D+i -15 millóns-, o seguro de mal tempo e de accidentes do mar e para as mariscadoras -3,2 millóns-, a dinamización do sector industrial -35 millóns- ou o apoio ao pequeno comercio e a cultura -14,5 millóns-. Tamén propuxo dedicar 31 millóns de euros a investimentos sobre o territorio na loita contra a desertización do rural.

O responsable socialista propuxo aumentar os orzamentos de sanidade en 95 millóns de euros, os de educación en 50, ás partidas á universidade en 5 millóns de euros e conceder 1,4 millóns de euros adicionais á lingua. Ademais, reclamou un aumento de 170 millóns para gasto social e outros 22 para a prestación de servizos polos concellos.

Ademais, propuxo aumentar nun 50 por cento o orzamento do Consello de Contas para dotalo de mais medios na loita contra a corrupción. Trátase, explicou, dun incremento de tan só 3 millóns de euros, o 0,035 por cento do orzamento total da Xunta.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar