Os orzamentos da Xunta para 2015 consolidan e agudizan os recortes sociais

Os orzamentos da Xunta para 2015 consolidan e agudizan os recortes sociais

Os orzamentos da Xunta para 2015 consolidan e agudizan os recortes sociais

parlamentoO portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, advertiu que os orzamentos da Xunta para 2015 “consolidan e agudizan os recortes sociais”. Así o dixo na comparecencia da Conselleira de Facenda na Comisión de Orzamentos do Parlamento para presentar as contas da Xunta para o próximo ano.

O responsable socialista explicou que o goberno galego deixou de investir un total de 5.300 millóns de euros en política social dende o ano 2009, o ano que Feijóo tomou posesión, no que os orzamentos sociais supuñan 1.140 millóns de euros mais que o previsto para 2015.

Dixo que, en materia de sanidade, malia que para o ano 2015 o orzamento aumenta en 11 millóns de euros, dita partida resulta absolutamente insuficiente para recuperar os 358 millóns de euros menos que ten recortado dende 2009. Estes recortes, lembrou, supoñen 2.000 postos de traballo menos para os profesionais da sanidade pública e 275 camas hospitalarias menos, empeorando notablemente a calidade asistencial.

Mentres, en educación ten reducido un total de 356 millóns de euros dende 2009, suprimindo 1.200 profesores e medidas fundamentais como as axudas aos libros de texto, sen ter en conta os recursos detraídos aos centros educativos. Sinalou que, malia que o orzamento aumente 1,5 millóns de euros con relación a 2014, este incremento é “catro veces menor que o aumento previsto para a CRTVG sen ningún tipo de explicación”.

González Santín advertiu que o goberno galego “esquece a loita contra o paro”, xa que o “pequeno incremento” do 5 por cento para as políticas activas de emprego non pode agochar o drástico recorte do 73 por cento con relación ao ano 2009. A Xunta, dixo, pasou de investir 2.500 euros por parado en 2009 aos apenas 700 do ano 2015.

Sinalou ademais que o incremento nas políticas activas de emprego para mozos e mozas débese exclusivamente aos 18,2 millóns de euros procedentes da UE, xa que “si descontamos esta partida as partidas para a redución de desemprego tamén se verían mermadas”.

Dixo que hoxe o paro constitúe o “principal problema” para os galegos e galegas, fronte ao desleixo amosado por Feijóo, con quen o paro aumentou xa en 95.600 persoas, os ocupados reducíronse en 151.200 persoas e hoxe hai 87.800 familias con tódolos seus membros no paro.

Redución e endebedamento

Advertiu que o goberno galego “xa non presume de austeridade” malia que continúa a estrangular os orzamentos ano tras ano, reducindo 491 millóns de euros as contas para o próximo ano. González Santín advertiu unha redución do orzamento dende os 10.281 millóns de euros en 2014 aos 9.790 de 2015.

O deputado socialista realizou un balance “desolador” nas partidas sociais e de investimento produtivo do goberno galego, xa que dende o ano 2009 reduciu as partidas para a economía do coñecemento nun 15 por cento, as políticas activas de emprego nun 54 por cento, a atención a colectivos desfavorecidos nun 27 por cento, as infraestruturas un 56 por cento, o mesmo que a competitividade empresarial, mentres a dinamización demográfica “simplemente carece de orzamento”.

Esta drástica redución, dixo, é a consecuencia do incremento do pago da débeda pública dende a chegada de Feijóo, que pasou de pagar 339 millóns de euros na súa chegada ao goberno galego aos 1.515 actuais. Explicou graficamente que mentres en 2009 destinábase ao pago de débeda o 3,6 por cento do orzamento, hoxe é un 15,5 por cento.

Ademais, de acordo co informe financeiro presentado pola propia conselleira de Facenda, a previsión para 2015 é que o pago da débeda supoña o 18,2 por cento, o máximo histórico de Galicia e un 0,6 por cento mais que en 2014.

Presidencia

A deputada socialista Marisol Soneira advertiu pola súa banda “regusto amargo” derivado da “mala dixestión” dos orzamentos da secretaría xeral de Presidencia, dependente de Feijóo. Na comparecencia do secretario xeral de Presidencia na Comisión de Orzamentos, alertou da “resignación e inercia” nunhas partidas “faltas de ideas e de compromisos”.

A deputada socialista criticou que as únicas partidas que aumenten sexan as destinadas ás axudas públicas aos medios de comunicación e a “converter á CRTVG nun elemento de manipulación informativa sen precedentes na nosa historia democrática” e uns gastos en asesores que Feijóo mantén “agochados incumprindo a Lei de Transparencia”.

Soneira explicou que o departamento dependente do presidente da Xunta mantén un total de 39 asesores persoais, dos que só da conta de 6, o 20 por cento do total, agochando o resto en contra da normativa.

Mentres, dixo, fan diminuír un ano mais o seu apoio á emigración, cunha secretaría xeral “enterrada pola vía dos feitos”, ao deporte galego, a axencia de modernización tecnolóxica ou o turismo galego. Advertiu que a mala xestión do goberno galego provocou que Galicia teña rexistrado os peores datos de pernoctacóns e gasto por visitante do norte do Estado.

Criticou a “miopía” de Feijóo ao facer do turismo “o patiño feo da súa actuación” cando se trata dun dos poucos sectores que están sendo motor económico principal en moitas comunidades autónomas. Hoxe, a Xunta ten limitado o Plan Integral de Turismo en “mera publicidade e propaganda” pasando de 78 millóns en 2009 a 43 en 2015.

Os minutos da basura

En definitiva, dixo, uns orzamentos sen compromiso coas persoas e coa transparencia, e que eliminan calquera mínima esperanza en todas e cada unha das súas liñas de actuación, uns orzamentos que dan conta dos “minutos da basura dun goberno caduco e amortizado á metade da lexislatura”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar