Os orzamentos da Xunta dinamitan o Estado de Benestar e abren a porta ao copago

Os orzamentos da Xunta dinamitan o Estado de Benestar e abren a porta ao copago

Os orzamentos da Xunta dinamitan o Estado de Benestar e abren a porta ao copago

A portavoz de Facenda do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, acusou á Xunta de “dinamitar o Estado do benestar e abrir a porta ao copago” mentres multiplica por sete a débeda pública. Así o dixo na presentación dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2012 que tivo lugar hoxe na Comisión de Orzamentos.

Dixo que o orzamento “amosa un Goberno que claudica diante da crise” e evidencia o seu “fracaso fronte á crise”, abrindo a porta ao copago ao anunciar o pago pola renovación das tarxetas sanitarias. Anunciou a presentación dun orzamento alternativo a través dunha emenda á totalidade porque “a política de Feijóo carece de resultados e nos leva á catástrofe” cunha “estratexia neoliberal de deterioro do Estado do Benestar”.

Caride advertiu que reduce os orzamentos para os servizos sociais en 49 millóns de euros, catro veces mais que a caída total das contas da Xunta, que diminúen 12 millóns. Sinalou que as partidas para protección e promoción social diminuirán o próximo ano en 23 millóns de euros, as de sanidade 16 e educación terá 10 millóns menos.

Este recorte se une ao que sufren os galegos e galegas dende hai 3 anos, e que supón unha perda de recursos para gasto social dende a chegada de Feijóo á Xunta de 1.000 millóns de euros.

Advertiu que no Igape hai 6 directivos con categoría de director xeral, cobrando mais de 60.000 euros anuais, 4 xerentes e un director que cobran mais de 50.000 euros ao ano e 7 subdirectores con salarios de 50.000 euros mentres, toda Galicia pregunta “para qué”. Pola contra, a Xunta conxela os salarios, recorta as bolsas universitarias nun 10 por cento no próximo ano, reduce a plantilla de educación en “577 docentes, tal e como confirman na súa memoria”.

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista suxeriulle á conselleira que “onde pode aforrar é nos delegados provinciais da Xunta”, xa que levan demostrado que “son inútiles para Galicia”.

Criticou que a Xunta volva recorrer á Lei de Acompañamento para “atacar á democracia, o rigor e a transparencia” introducindo cambios ás agochadas, sen dar a cara e sen dar explicacións. Con esta norma, sinalou, degradan as políticas medioambientais, anticipan peores servizos e mais beneficios privados, permitindo o peche de farmacias de garda no rural, co único obxectivo de mellorar as contas de resultados das farmacias.

A portavoz socialista acusou á Xunta de “atacar ao Estado do Benestar” ao eliminar a universalidade da sanidade pública, establecendo requisitos que impiden o acceso dos cidadáns á mesma. Do mesmo xeito, rexeitou o “copago sanitario” que a Xunta pretende introducir co pago de 10 euros por renovación ou reposición das tarxetas sanitarias, e instou á conselleira a “lembrar o significado da verba renovación”.

Máis paro e máis débeda

A parlamentaria socialista advertiu que o “milagre económico do PP” consiste en realidade en “máis paro e máis débeda”, co que Feijóo acadou o mérito de ter acadado “o maior endebedamento da historia de Galicia”. Dixo que a Xunta pasou de 3.933 millóns de euros de débeda aos mais de 8.000 que fixarán en 2012 –sen incorporar a correspondente á colaboración público – privada-.

Advertiu que de acordo con estas cifras Feijóo duplica a débeda recibida, acadando a maior da historia de Galicia” e multiplica por 7 a débeda rexistrada durante a pasada lexislatura, que tivo un aumento de 542 millóns de euros. Explicou que cada galego debe 2.863 euros, que ascenden a 3.936 incorporando a débeda correspondente ás colaboracións público – privadas.

Neste orzamento só se incrementa o gasto corrente, especialmente o gasto financeiro, 294 millóns de euros para o pago dos intereses da débeda, que supoñen que cada galego e galega dedicaremos 105 euros dos nosos impostos só para pagar intereses.

Ademais advertiu do risco que supón o recurso á colaboración público – privada, xa que a partir de 2014 haberá que adicar 118 millóns de euros ao ano ao pago dos cánones das concesións, dos que o 56 por cento corresponderán só ao Hospital de Vigo, situación que claramente “porá en risco a prestación de servizos públicos sanitarios”.

Caride criticou que estes orzamentos demostran que Feijóo “fracasa no seu compromiso de combater o paro e recuperar a senda da creación do emprego”. Concluíu neste sentido que grazas a Feijóo Galicia lidera a destrución de emprego en España, ao aumentar nun 36,89 por cento o número de parados, con 56.900 novos desempregados.

Sinalou que en Galicia descende a taxa de actividade “mentres aumenta en toda España”, Galicia ten o maior descenso en afiliacións á Seguridade Social e ademais no que vai de ano hai 17.000 traballadores afectados por un ERE, cun aumento do 142 por cento, o maior do Estado.

Triunfo do mercado
A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista lamentou que estas contas supoñen o “triunfo do mercado fronte aos dereitos mentres o goberno da as costas aos galegos e galegas”. Acusouno de “renunciar a plantar cara á crise e prioriza os intereses privados fronte aos públicos ademais de permitir a discrecionalidade nas actuacións públicas en beneficio do PP”.

Sinalou que Feijóo incumpriu así o seu compromiso de acadar unha solución fronte á crise, xa que a pesares de que a Xunta estima que a economía galega medrará por riba da estatal “non hai un só indicador que permita prever que a situación de Galicia será mellor”. Dixo que nos dous primeiros trimestres de 2011 Galicia medra menos que España, caen as pernoctacións ou a venda de vehículos e vivendas é menor que a media.

Ademais, o Índice de Produción Industrial rexistrou unha “caída espectacular” en Galicia, 3 veces mais que en toda España, sendo a segunda autonomía con peor resultado, mentres “perdemos peso en España e todo albisca que lastrará o crecemento da economía española en 2012”.

Abandono dos mais débiles

Caride retou á conselleira a explicar os motivos de que “mentres os demandantes do Risga, en plena crise económica, medran un 50 por cento, a partida para este pago só se incremente un 1,3 por cento, e preguntoulle “cal será o criterio de asignación da axuda” ou si “pensan non tramitalas e non pagalas, como xa está a acontecer”.

Estes orzamentos, engadiu, mentres defenden as privatizacións e priorizan o mercado fronte aos intereses dos cidadáns, tamén fan un ataque á lingua galega, xa que reducen nun 60 por cento as subvencións a accións de promoción da lingua galega e un 12 por cento as subvencións a empresas editoriais para proxectos en lingua galega.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar