Os Orzamentos da Xunta dan continuidade a "unha política económica fracasada"

Os Orzamentos da Xunta dan continuidade a "unha política económica fracasada"

Os Orzamentos da Xunta dan continuidade a “unha política económica fracasada”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou hoxe a emenda de devolución aos Orzamentos da Xunta para 2017 porque dan “continuidade a unha política económica fracasada”. Así o dixo no Pleno do Parlamento no que se celebrou o debate de totalidade das contas do goberno galego para este ano, que comezaron o trámite parlamentario tan só co voto favorable do PP.

O responsable socialista explicou que os orzamentos “representan unha política conformista, resignada e controladora, que non da resposta á demanda de emprego”. Defendeu así unha política económica alternativa “cun crecemento económico máis firme e inclusivo, unha fiscalidade máis progresiva e que garanta uns servizos públicos reforzados”.

Subliñou que a política económica de Feijóo “fixo a crise económica máis fonda do que era e máis destrutora de emprego do necesario”, que logo de 8 anos “levaron a Galicia de novo á posición de partida” en 2008, con preto dunha década perdida en benestar, progreso ou converxencia con Europa.

Ademais, engadiu, en termos de emprego o balance é dunha “catástrofe sen paliativos”, que fai preciso “unha década adicional para recuperar o emprego de 2008” e sendo a segunda autonomía que máis emprego destruíu. Un balance especialmente grave para os traballadores de menos de 35 anos, unha xeración enteira “que non pode comezar a vida laboral” e está abocada a “depender das súas familias ou marchar”.

Fronte á imaxe de “Arcadia feliz” que debullou o conselleiro de Facenda, “a realidade é que nos comportamos peor que a media das Comunidades Autónomas”. Apuntou que precisamente a súa “fascinación” pola austeridade económica provocou “efectos nocivos sobre o crecemento e o emprego”, xa que ao facer do déficit o único obxectivo “inhibiron o crecemento económico e impediron prepararnos para o futuro”.

Así, Galicia perdeu no goberno de Feijóo máis de 5.000 empresas, 158.000 postos de traballo e 100 millóns de investimento en I+D.

Débeda

Ademais esta estratexia agocha o crecemento desbocado da débeda, que medrou ata superar o orzamento da Xunta, medrando en máis de 6.500 millóns de euros dende 2009, co que “máis de 2 de cada 3 euros de débeda son responsabilidade directa de Feijóo”.

Sen embargo, puntualizou que “o peor é que a Xunta non cumpre en termos de eficiencia” e este endebedamento non está a ser utilizado para xerar recursos que permitan pagala no futuro”. Sinalou que “un xestor profesional debera de cambiar de política, ou se non é capaz debera marcharse, xusto ao contrario dos orzamentos para o ano 2017, nos que a Xunta persevera no erro”.

Censurou que o goberno galego responda a esta situación cunha “política fiscal incorrecta e unha política tributaria regresiva”, que lonxe de impulsar a economía e equilibrar as rendas o que fai é “inhibir o crecemento e agudizar as desigualdades fiscais”. Reclamou “unha política fiscal máis progresiva, a revisión das bonificacións fiscais –que só benefician ás maiores rendas- e sobre todo impulse a fiscalidade verde”.

Os socialistas galegos reclamaron unha “recuperación mís firme e inclusiva” e apuntou a un plan de emprego “posible”, ademais dun “pacto de renda” cos axentes sociais para reforzar o gasto das familias e reactivar a economía, e mellorar a eficiencia dos servizos públicos. Neste sentido, chamou a mellorar a atención primaria e hospitalaria, revisar o abandono escolar e recuperar a gratuidade dos libros de texto.

Reclamou neste sentido máis fondos contra os niveis de pobreza, garantir a cobertura da demanda da Risga na súa totalidade, reforzar os programas de vivenda en aluguer para as rendas máis baixas e reforzar as competitividade da economía galega a medio e longo prazo. Propuxo ademais unha administración máis eficiente logo de oito anos nos que “non houbo empeño en avaliar as políticas públicas e mellorar a calidade”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar