Os orzamentos constatan o retraso do AVE a Ourense ata 2024

Os orzamentos constatan o retraso do AVE a Ourense ata 2024

Os orzamentos constatan o retraso do AVE a Ourense ata 2024

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe que Feijóo “mira para outro lado, asubía e rí as grazas ao ministro de turno” mentres lle dan “labazada tras labazada” ás infraestruturas en Galicia. Na sesión de control ao presidente da Xunta, revelou que os Orzamentos Xerais do Estado fixan a chegada do AVE a Ourense para o ano 2024.

Criticou hoxe a compracencia do presidente da Xunta fronte aos “recortes, escusas e retrasos” nas obras do Estado en Galicia. Puxo como exemplo que están “alimentando o retraso” do AVE a Galicia, logo de “5 anos deixando de executar un 40 por cento dos fondos”, o que supón “máis de 2.200 millóns de euros”, ao que responden cun novo recorte en 2017 cando “debera ser ao revés e incorporar o non executado”.

Fernández Leiceaga aludiu ao “clamor” contra o desinterese de Rajoy coas infraestruturas galegas ao que se veñen de sumar as organizacións empresariais, como as confederacións de empresarios de Lugo e Pontevedra, ou o Círculo de Empresarios de Vigo. Advertiu que, 30 anos despois do AVE Madrid – Sevilla, “vai rematar esta lexislatura sen que sexa posible chegar a Madrid dende Santiago en 2 horas e 35 minutos”.

O portavoz socialista sinalou tamén á resposta do goberno á proposta do Parlamento de Galicia de transferir a AP-9 a Galicia, ao que o ministro De la Serna replicou que “a titularidade ten que seguir onde está”. Advertiu que ao Goberno “sáelle a conta” que a concesionaria lles ingrese 20 millóns ao ano polo imposto de sociedades mentres os galegos e galegas asumen o custe das obras a través do aumento das peaxes.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que “non me diga que non hai fondos” logo de perdoarlle 1.400 millóns de euros ao País Vasco e rebaixando as súas aportacións en 750 millóns cada ano, ademais de activar 3 plataformas loxísticas e a conexión do porto de Bilbao coa rede europea de transportes, ou o “esforzo adicional” para Cataluña.

Mentres, dixo, “nada para Galicia, porque aquí Rajoy non ten ningún lume que apagar e ningún presidente reivindicativo”. Reclamoulle ao presidente da Xunta que explique “cántos quilómetros de AVE estarían feitos e cánto poderiamos rebaixar as peaxes da AP-9 coas comisións pagadas en Génova e que nutriron a caixa b pola que terá que declarar o presidente do goberno”.

Comisión Especial

Fernández Leiceaga rematou a súa intervención propoñendo a constitución dunha Comisión Especial no Parlamento de Galicia “que defina actuacións, prazos e orzamentos para as infraestruturas de Galicia” nun prazo de 2 meses. Sinalou que “cando un goberno pesa pouco convén axudarlle”, e amosouse “disposto a botar unha man á tarefa común para pesar máis e ser máis eficaces”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar