Os números non cadran nos orzamentos de Feijóo

Os números non cadran nos orzamentos de Feijóo

Os números non cadran nos orzamentos de Feijóo

Juan Carlos González Santín“As contas non cadran e vostede o sabe”, espetoulle o portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín ao conselleiro de Facenda na súa comparecencia na Comisión de Orzamentos do Parlamento. O responsable socialista acusou ao goberno galego de presentar uns orzamentos “irreais” para afrontar o ano electoral.

González Santín sinalou que o goberno galego leva xa tres anos facendo unhas previsións de crecemento económico irreais para xustificar que o gasto previsto aumente en 370 millóns de euros mentres os ingresos diminúen en 140 millóns grazas á que anuncian como “a maior rebaixa fiscal da autonomía” e anuncian que non recorrerán á débeda.

Preguntou “de onde van sacar o diñeiro para pagar o desfase de mais de 500 millóns” previsto. O propio portavoz socialista respondeu que “as solucións son as que levan todo este tempo aplicando: non executar as partidas de gasto e incorrer en déficit para que veña Bruxelas e lles teña que tirar das orellas”.

Resumiu que “os números non cadran” e por iso presentan unhas “estimacións de PIB, consumo ou paro que non son realistas para presentar uns orzamentos aquí e que cadren contablemente”.

Sinalou neste sentido que a pesares do dato aparentemente positivo da EPA coñecida onte, Galicia aínda ten 220.000 parados, e o 27,5 por cento dos traballadores ten un contrato temporal. Neste momento, sinalou, hai un 37 por cento mais de parados que cando Feijóo tomou posesión, e hai 73.000 fogares con tódolos seus membros no paro.

Alertou ademais da tendencia ao aumento da taxa de temporalidade, unha lacra que se ceba especialmente nos mais mozos, xa que mentres o 61,9 por cento dos menores de 29 anos están desempregados, o 63 por cento dos poucos afortunados que traballan teñen que facelo con contratos temporais.

O responsable socialista explicou que “o millón de traballadores que hai hoxe non é o mesmo de hai seis anos” debido á precarización do emprego e polo tanto a redución de horas traballadas. Iso supón, explicou, que “ao traballar menos horas pagan menos impostos e polo tanto o goberno ten menos ingresos”.

Sanidade e educación

González Santín desmentiu ademais o suposto crecemento nos orzamentos destinados ás políticas sociais do goberno galego, que anuncia un aumento do 3 por cento nos orzamentos de Sanidade “esquecendo que aínda temos 255 millóns de euros menos que en 2009 sen contar a suba do IPC”.

O mesmo sucede cos orzamentos destinados á educación, que aumentan un 4 por cento pero se manteñen 256 millóns de euros por debaixo dos orzamentados no ano 2009, os últimos elaborados polo goberno dos socialista Pérez Touriño. O que si se coidan de aumentar, advertiu, é o orzamento previsto para os salarios da alta dirección, un dous por cento superior, ou os gastos xerais da administración, que aumentan un seis por cento.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar