Os "graves problemas" de persoal nos centros de saúde provocan "perda de calidade" na atención aos doentes

Os "graves problemas" de persoal nos centros de saúde provocan "perda de calidade" na atención aos doentes

Os “graves problemas” de persoal nos centros de saúde provocan “perda de calidade” na atención aos doentes

Os deputados Julio Torrado e Patricia Vilán constatan in situ as “deficiencias” da Atención Primaria e lamentan que a máquina de raios do centro de saúde de Ponteareas estea “parada” polas tardes pola ausencia dun técnico

 

Ponteareas, 26 de marzo de 2018. Os deputados socialistas Julio Torrado e Patricia Vilán visitaron esta mañá varios centros de saúde do Condado Paradanta, onde puideron constatar as “deficiencias” que padece a Atención Primaria nesta bisbarra, comúns a “toda Galicia”, motivadas polos “recortes” e polo “desinterese” da Xunta.

 

Como explicou o voceiro de Sanidade do PSdeG no Parlamento, existen “problemas graves” de persoal, relacionados coa non cobertura das baixas e as xubilacións, e que redundan nunha “saturación” dos profesionais. A modo de exemplo, sinalou que cada médico atende ao día “uns 40 ou 50 doentes”, de xeito que apenas contan cuns cinco minutos por persoa.

 

“Pérdese calidade na atención”, denunciou Torrado, quen explicou que esa marxe é “insuficiente” para facer unha valoración e que todos os informes e análises médicos sinalan que o “mínimo” necesario é de dez minutos por doente, é dicir, o dobre do tempo co que contan actualmente.

 

Na mesma liña de falta de persoal, lamentou que a máquina de raios coa que conta o centro de saúde de Ponteareas teña que estar “parada” polas tardes pola ausencia dun técnico, o que provoca que as probas necesarias teñan que ser derivadas ao hospital de Vigo.

 

En paralelo, os parlamentarios socialistas comprobaron que os centros de saúde mostran “un déficit de mantemento” que se traduce en “graves problemas de accesibilidade”, por exemplo, para as persoas en cadeira de rodas. Así mesmo, observaron como nalgunha destas infraestruturas incluso tiveron que “reconverter” uns baños para abrir novos espazos de atención aos pacientes.

 

UNHA SOA AMBULANCIA

 

Adicionalmente, criticaron que unha bisbarra na que residen máis de 50.000 habitantes tan só conte cunha ambulancia para atender unha poboación tan espallada e envellecida.

 

Sobre todo, como relataron, porque durante o traslado dun doente ata Vigo, que supón máis de media hora de desprazamento, o territorio queda desatendido.

 

Por todo isto, os socialistas presentarán iniciativas no Parlamento de Galicia para esixir á Xunta que solvente a problemática relacionada coa dotación de persoal, que mellore as infraestruturas sanitarias e que mellore o transporte sanitario terrestre.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar